Hiromi abre hoxe o Ribadeo Jazz & Blues

Redacción-

A destacada pianista xaponesa Hiromi abre hoxe xoves 24 os concertos do Festival Ribadeo Jazz & Blues. Os premiados Alexandra in Grey e Alfredo García Quartet completan as actuacións de hoxe.

Despois de recibir os aplausos do Festival de Montreux en Suíza e da sala Blue Note de Londres, a prestixiosa pianista Hiromi Uehara será hoxe o prato forte do primeiro día de concertos no recinto do Ribadeo Jazz & Blues. No Hiromi Trio Project rodéase de dous recoñecidos músicos que contan cunha extensa traxectoria musical, o baixista Anthony Jackson e a batería Simon Phillips.

Hiromi é, a pesar da súa mocidade un asentado valor da escena jazzística mundial, compartirá mañá escenario con dous novos talentos: os asturianos Alexandra iin Grey, premiados hai pouco como grupo revelación e a formación galega Alfredo García Quartet, gañadores do concurso nacional de maquetas de jazz fusión.

As portas do recinto no que se celebrarán os concertos, nun terreo anexo á estación de autobuses, abrirán ás 20 horas. A música empezará ás 21 horas con Alfredo García Quartet. A actuación de Alexandra in Grey está prevista para as 22.45 horas, mentres que o Hiromi Trio Project sairá ao escenario pasados 30 minutos da medianoite.

Ademais da venda online, que continúará activa desde hoxe até o domingo a través do servizo de adquisición de localidades de Abanca, os abonos e entradas despacharanse até as 19 horas na Antiga Oficina de Turismo, e a partir desa hora no recinto do festival. Este mesmo sistema repetirase os outros tres días de concertos.

Na web do festival podedes atopar os horarios de todas as actuacións e máis información do festival e dos artistas que este ano forman parte do cartel. Cada día, as cabezas de cartel serán os últimos en actuar. A aqueles medios gráficos que non poidan chegar a facer unha foto a esa hora e estean interesados en fotografías dos artistas na proba de son ou no hotel prégase por parte da organización que o comuniquen canto antes para poder avisar con tempo.

24/07/2014

0 comentários :

Danos a túa opinión