ContraMINAcción apoia á Plataforma Sarraiá


Redacción.-

A Plataforma Sarraiá polo Río móllase para defender pacificamente o río, a paisaxe, impedir a tala indiscriminada de árbores, o patrimonio de Sarria e o Camiño de Santiago.

Cun xesto solidario, ContraMINAcción quere mollarse tamén e solidarizarse coa Plataforma Sarraiá polo Río. Por iso esixe aos gobernantes que escoiten as súas reivindicacións e a retirada inmediata das, de momento, 35 multas que ascenden a 20.550 €.

No seu comunicado, engade: "Entendemos as multas coma unha reacción represora e caciquil que busca acalar e reprimir a defensa pacífica do patrimonio de todos e todas, das árbores, da natureza, do río. Unha reacción que pretende facer de calquera persoa que participe nalgún tipo de mobilización social, por moi pacífica que esta sexa, “o inimigo”.

"Son esas multas un feito illado? Nin moito menos! É unha parte máis da estratexia de intimidación do goberno contra os colectivos sociais, e de criminalización de calquera mobilización; unha estratexia que tamén está a afectar a ContraMINAcción. Esta Rede de colectivos contra a minaría destrutiva na Galiza afronta unha multa de 400 euros trala masiva e impecable manifestación levada a cabo o 2 de xuño de 2013, en Santiago de Compostela, por supostas pintadas.

"Desde os poderes públicos estase a levar a cabo unha auténtica campaña contra todo o que se mova, tanto por medio de medidas coercitivas, punitivas e multas, como por medio do control dos medios de comunicación, manipulando a realidade e intoxicando respecto ás causas, os obxectivos e o desenvolvemento pacífico das nosas mobilizacións.

"Desde ContraMINAcción queremos dicir alto e claro que este tipo de medidas non nos van calar. Moi ao contrario: anímannos aínda máis, se cabe, a proseguir a nosa loita en defensa do territorio desde tódolos ámbitos. Tamén na rúa. Non nos van botar dela!"

17/07/2014

0 comentários :

Danos a túa opinión