Homenaxe a Xosé Chao Rego

Helena Villar Janeiro.- Xosé Chao Rego recibiu onte unha entrañable homenaxe na súa terra, Vilalba. A Asociación Xermolos e a Irmandade Manuel María da Terra Chá organizaron este acto de colocación do Noveno Hectómetro Literario, que deu comezo ás 17.30 h. no Paseo dos Soños do Muíño do Rañego, á beira do río Madalena.
Xosé Chao Rego é unha personalidade singular da nosa cultura. Destaca polo cultivo do ensaio sobre temas teolóxicos e de antropoloxía social. O seu traballo por unha igrexa galega, que asumise o idioma como lingua da gran maioría dos crentes e a nosa realidade social e ambiental para encarnarse, foi unha dedicación constante no seu labor intelectual e na praxe evanxélica. A súa personalidade afectiva e conciliadora está detrás de moitos proxectos colectivos durables, entre eles as revistas de pensamento cristián Irimia e Encrucillada. É autor prolífico de traballos de fondo bíblico e de obras comprometidas cos problemas teolóxicos do noso tempo, entre os que destaco pola súa actualidade A condición homosexual (1999) e O sexo, a muller e o crego (2000). É autor tamén, entre outros moitos libros, de Eu renazo galego. Ensaio sobre a identidade galega (1983), que recibiu o Premio da Crítica Galicia, onde se recollen as reflexións do autor sobre un tema tan importante como desenvolver un pensamento crítico sobre as orixes culturais e ambientais do crente. A primeira Romaxe de Crentes Galegos celebrouse no Pedregal de Irimia, nacencia do Miño, como símbolo da recuperación da galeguidade espiritual e dese mesmo topónimo procede o nome dunha das revistas citadas. A súa dedicación á escrita levouno a colaborar na prensa con habitualidade. Por todo este traballo, foi distinguido coa Letra E pola Asociación de Escritores en Lingua Galega (2002).
Profesor de Ensino Secundario no instituto Rosalía de Castro de Santiago -cidade na que conta cunha rúa-, impartiu clases de galego deixando unha forte pegada no seu alumnado. Apartado ultimamente da vida social por razóns de saúde, acudiu onte á homenaxe na que tomaron a palabra Rubén Aramburu, Marica Campo, Xosé Manuel Carballo, Xoán Xosé Fernández Abella, Daniel López Muñoz, Moncho Paz e esta que escribe. Actuaron os músicos Mini e Mero de A Quenlla, e o gaiteiro Raúl Galego. O acto estivo dirixido polo xornalista Xulio Xiz. Parabéns ao amigo por unha mostra máis de recoñecemento.
_______________
Foto: Chema Felpeto

19/07/2014

0 comentários :

Danos a túa opinión