Polémica no Certame Literario de Vilalba

Moncho Paz.- O Certame Literario de Vilalba, que este ano acada a súa corenta edición, arranca nesta ocasión coa polémica desatada a raíz do deseño do seu cartaz anunciador, que en días pasados foi distribuido por diferentes lugares da capital chairega co lema "XXXX Certame Literario", para sorpresa de propios e estranos. 

Parece evidente que os responsables de Cultura do Concello non foron moi precisos co tratamento da numeración romana, que como ben saben emprega algunhas letras maiúsculas como símbolos para representar certos números. A maior parte deles escríbese como combinacións de letras, atendendo a unhas regras determinadas; a letra X, que simboliza o número 10, non pode repetirse máis de tres veces, tendo o límite en XXX (ou sexa, 30). Como regra xeral, os símbolos escríbense e léense de esquerda a dereita, de maior a menor valor. E o símbolo X só resta a L (que representa 50) e a C (que representa 100). Por conseguinte, 40 sería XL e non XXXX, como figura nos cartaces deseñados para a presente edición do Certame.

Sorprende que estas regras, estudadas polos rapaces no segundo ciclo de educación primaria, sexan descoñecidas polos xestores do Concello. É verdadeiramente preocupante que ninguén levara a cabo unha mínima supervisión dos cartaces antes de proceder á súa distribución pola vila; e chaman especialmente a atención os que foron colocados a ambos lados da Casa da Cultura, en lugares moi visibles pola xente, que durante varios días fixo escarnio público desta situación, que roza o surrealismo e fala por sí soa.

No referente ao Certame, moitas voces puxemos de manifesto, en repetidas ocasións ao longo dos últimos anos, a nosa opinión contraria a que a convocatoria literaria se limitara á poesía, excluíndo outras modalidades como a narrativa e o xornalismo, que historicamente formaron parte do evento. E o desliz do cartaz, por chamalo dalgún xeito, é proba unha vez máis do escaso interese que os responsables municipais prestan a todo o relacionado co mundo da cultura, e do baixo nivel que amosa o grupo de Goberno do Concello. Alguén debería reflexionar seriamente sobre esta circunstancia, que empaña -unha vez máis- a imaxe da nosa benquerida Vilalba.




5 de xul. de 2014

0 comentários :

Danos a túa opinión