Manders e Uslé no CGAC

Redacción.-

Mark Manders (Volkel, Países Baixos, 1968) é un dos artistas internacionais máis relevantes das dúas últimas décadas e autor dun dos corpus de traballo máis persoais de cuantos poden verse no concerto internacional. Ademais de representar o seu país na 55.ª Bienal de Venecia, realizou exposicións en moitos dos museos e centros de arte máis importantes do mundo e participou en Documenta 11 en 2002. Unha variación do traballo que presentou na cita de Kassel estará presente no Dobre Espazo do CGAC.

Mark Manders é, fundamentalmente, escultor, e a súa obra ten un forte compoñente poético. Todo parte do seu xa lendario Self-Portrait as a Building, un traballo realizado en 1986, cando o artista tan só tiña 18 anos, o momento en que comprendeu que tiña “unha certa afinidade coa linguaxe das artes visuais”. Toda a súa obra posterior é unha variación incesante e aberta deste primeiro traballo, co que trata de entender algo aparentemente sinxelo pero asemade profundamente complexo: que o mundo está poboado por seres humanos e que estes seres humanos crean obxectos que os acompañan no seu devir vital. Partindo desta premisa, Manders creou un insólito universo formal que en ningún caso obvia esa fonte indispensable que é a poesía e, nun sentido máis amplo, a escritura; pero unha que non utiliza palabras, ou non sempre, senón obxectos, formas.

O CGAC acollerá este verán a súa primeira exposición individual en España, que reúne traballos realizados en todas as etapas da traxectoria do artista e inclúe obras procedentes de museos como o Stedelijk Museum de Amsterdam, o S.M.A.K de Gante, a Kunsthaus de Zúric ou a colección Rabobank, ademais doutras procedentes de coleccións privadas. En Santiago de Compostela poderanse ver tamén algúns traballos anteriores revisitados polo artista con motivo desta mostra.

Juan Uslé. Luz escura
Desde 1997 Juan Uslé (Santander, 1954) non deixou de traballar nunha serie de cadros que se coñecen como as súas pinturas negras e que ocupan un lugar central no conxunto da súa obra. Nas xa cincuenta pinturas da serie Soñé que revelabas, a maioría executadas de noite, Uslé leva a cabo unha disquisición atenta e reflexiva sobre as condicións estruturais da pintura e do proceso de pintar. Cada pincelada está cargada de significado en dous sentidos diferentes: por unha banda, representa o xesto pictórico e encádrase na tradición de reflexión metapictórica da pintura abstracta e, por outro, cada pincelada pode ser considerada unha expresión do pulso do pintor, que transforma as obras en manifestacións da conexión directa e sensual do corpo do artista cos seus cadros.

Esta combinación dunha aura pictórica subxectiva e poética xunto coa introspección conceptual do medio que define todos os traballos de Uslé fan da obra deste artista una das máis grandes do noso tempo. Todo isto cobra aínda maior relevancia polo feito de que Uslé leva moito tempo vivindo e traballando entre Nova York e España, e a combinación da énfase da pintura barroca católica coa obxectividade intelectual conecta as tradicións pictóricas europea e norteamericana.

A exposición, organizada polo Kunstmuseum Bonn en colaboración co CGAC, conta co apoio de Acción Cultural Española (AC/E) e chegará a Santiago de Compostela, tras a súa presentación en Alemaña, en xullo de 2014. Con ocasión da mostra, editouse un catálogo con textos de Ángel González, Raphael Rubinstein e Stephan Berg.
- See more at: http://cgac.xunta.es/GL/exposicion-detalle/42/juan-usle#ad-image-0

21/08/2014

0 comentários :

Danos a túa opinión