Noites de Rúa Chea en Vilalba

Redacción.- A Praza da Constitución de Vilalba acollerá esta tarde-noite o programa Noites de Rúa Chea, unha iniciativa levada a cabo pola área de Cultura da Deputación de Lugo en colaboración coa comisión organizadora das Festas do San Ramón, e que ten como obxectivo “colaborar coas festas patronais de Vilalba e converter as rúas da vila nun espazo de convivencia cidadá, de cotío, de lecer; entender a rúa no verán como un rebulir de vida en todos os seus sentidos”, segundo destacou esta mañá na presentación das actividades Mario Outeiro, responsable de Cultura da Deputación.

As Noites de Rúa Chea traerá a Vilalba este mércores un espazo infantil que abrirá a partir das cinco da tarde, cunha zona de xogo libre que se prolongará durante dúas horas, ata as sete. A esa hora as crianzas poderán disfrutar da música e os contacontos do espectáculo “Antía, Wamba e o regato pequeno”, da man da compañía A Tropa de Trapo, un espectáculo de narración oral e acompañamento musical en directo.

Pola noite, o concerto de Fred Martins e Pedro Pascual a partir das 22 horas conforma unha proposta na que interpretarán cancións propias e populares que teñen relación coa tradición da música Galega e a música do Brasil. O coñecido cantante e compositor brasileiro Fred Martíns ofrece  un repertorio de autor, dialogando coa samba e a bossa nova, e tamén mesturando elementos do rock e doutros estilos musicais. A súa relación coa tradición musical brasileira afianzouse con colaboracións para destacados músicos brasileiros como Chico Buarque, Tom Jobim, Gilberto Gil ou Veloso entre outros. Acompáñao no escenario Pedro Pascual, que está considerado como un dos músicos de referencia do panorama da musica tradicional galega.



As Noites de Rúa Chea ofrecerán unha proposta para todos os públicos que viaxou xa este verán por outras vilas da provincia de Lugo, como Monforte ou A Pobra do Brollón, deixando a súa pegada en espazos abertos, de xeito que tanto os veciños como o turismo disporán dunha programación de calidade nun horario de ocio nocturno. Esta é unha nova proba do interese amosado pola área de Cultura da Deputación de Lugo en apoiar a colectivos e asociacións, así como a Concellos, á hora de organizar actividades que impulsen a cultura nas súas diferentes vertentes.

27/08/2014

0 comentários :

Danos a túa opinión