Lúas de outono

Redacción.-

O pasado día 8 celebrábase o décimo aniversario do pasamento, na cidade da Coruña, do escritor Manuel María, nacido en Outeiro de Rei en 1929. Escritor entregado á vida en compañía de Saleta Goi, Manuel María é autor dunha ampla obra que abrangue a poesía, o teatro e a narrativa. Sempre comprometido coas causas que consideraba xustas e co proxecto de Galicia como nación, xunto con Saleta fixou a súa residencia na Coruña, tras xubilarse da profesión de procurador dos tribunais que exerceu en Monforte de Lemos.

Na súa honra, presentouse hoxe a VI edición de Lúas de outono 2014 que se vén realizando por estas datas coincidindo co cabodano do falecemento do escritor. A presentación tivo lugar diante da estatua homenaxe a Curros Enríquez, nos Xardíns de Méndez Núñez, por ser este un lugar emblemático na memoría de Manuel María. Alí foi onde recibiu o seu primeiro bautismo infantil coruñés, coas brincadeiras dos rapaces da cidade, cando viña pasar á beira do mar as vacacións da infancia. Xa de adulto, Curros xunto a Rosalía de Castro, serían as súas grandes referencias poéticas.

Nesta ocasión, Lúas de outono, combinará danza, música en directo e poesía. Na conmemoración do décimo cabodano do seu pasamento, será a compañía coruñesa Nova Galega de Danza a que “poñerá sobre o escenario as súas pezas máis aplaudidas, ademais de incormporar pezas novas e orixinais sobre a poesía de Manuel María. Un espectáculo de gran beleza e sensibilidade baseado en recrear e actualizar a nosa tradición”, comentou Alberte Ansede, Secretario da Fundación Manuel María.


Alberte Ansede, Xaime Pablo Díaz e Pedro Lamas presentaron Lúas de outono 2014.
Asende apuntou tamén que a elección para que Nova Galega de Danza levará a cabo o espectáculo non foi casualidade xa que “tanto na obra de Manuel María como nos espectáculos da compañía dánse a combinación perfecta de tradición e modernidade”. A parte destas similitudes de forma, dáse a casualidade de que o primeiro espectáculo que levou a cabo a compañía coruñesa, Alento, estreábase poucos días antes da morte de Manuel.

A dirección musical do espectáculo correrá a cargo de Pedro Lamas, director musical de Nova Galega de Danza e no plano artístico corresponderalle a Xaime Pablo Díaz, director artístico da compañía. Ademáis de música e danza tamén haberá tempo para recordar os versos do poeta que se integrarán no espectáculo.

A cita será este vindeiro martes, 16 de setembro, ás 20.30 h no Teatro Colón. A entrada, de balde, pode retirarse nas taquillas do teatro, ata completarse o aforo.

15/09/2014

0 comentários :

Danos a túa opinión