O Manuel da Chaira

Martiño Maseda.- No camposanto de Outeiro de Rei o lenzo da tarde tinguíase por momentos con matices agrisados, mais os raios do sol diluían co seu intenso fulgor a sutil penumbra que tiña a ousadía de colorear, de xeito disimulado, o rostro da beleza natural. E alí estabamos para render homenaxe á palabra, feita poesía, feita cultura, feita país. A palabra no tempo fóra do tempo. A palabra feita terra inocente, pura, inexorábel. E alí nos atopabamos para sublimar outro día máis doutro ano máis a figura do Manuel María. O carballo baril, a voz inmarcesible da Chaira. No décimo cabodano do seu pasamento, a tribo xuntouse ao redor do seu leito eterno para acompañalo nesa longa viaxe do espírito pola memoria dos que temos saudable morriña da súa figura e da súa linguaxe poética. 

Arreo, a voz indómita e decidida do David Otero convidounos a gardar silencio para escoitar como se achegaba a nós o carro do Manuel nas voces afoutas do Mini e do Mero, ás que sumamos as nosas para converter en máis universal ese canto poético. Polo océano da ledicia navegaron versos e rosas, amizade e rebeldía. Expresión da galeguidade inherente á nosa matria. No Manuel, de seguro que medrou o contento pola nosa agarimosa presenza.

Aboiando nas augas transparentes da fraterna reivindicación camiñamos cara á carballeira de Santa Isabel para celebrar o rito da navalla, entregándolla nesta ocasión ao Felipe Senén e in memoriam ao Suso Vaamonde, outros dous paradigmas de como enxalzar a cultura, a historia, a lingua da Galicia que nos constitúe e nos dignifica. Encetando o solpor doutro oito de setembro, os fillos da tribo galega comungamos con pan, queixo e viño, acompañados pola música que xurdía dos nosos corazóns e que ía escribindo as súas notas no pentagrama das árbores que medraban cara ao ceo dos seres libres, aló enriba onde nos alenta cos seus versos de loita e resistencia o Manuel María da Terra Chá.

10/09/2014

0 comentários :

Danos a túa opinión