Programa de residencias artísticas


Redacción.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria iniciou no Centro Coreográfico Galego (CCG) a execución das residencias artísticas de danza previstas para este ano cun traballo de investigación de movementos sobre o que se asentará ‘Hibridology’, unha das tres pezas seleccionadas no marco deste programa de apoio aos creadores.
Xunto aos títulos ‘Trump!’ e ‘Solipismo’, ‘Hibridology’, presentada polo dúo de bailaríns que integran Martina Martínez Barjacoba e Ares D’Angelo, foi escollida a través dunha convocatoria pública para abrir o seu proceso de desenvolvemento no espazo de traballo do CCG e co seu apoio loxístico.
O proxecto, que conta coa colaboración do Teatro Ensalle de Vigo, do Centro Coreográfico de La Gomera e de varias entidades internacionais –entre elas, o Laboratorio de Artes Contemporáneas de Bruxelas– forma parte dun plan de coordinación de residencias artísticas entre España, Italia e Bélxica, tanto para a investigación desta peza concreta como para establecer redes de contacto e de traballo entre os tres países participantes.
Durante a súa estadía na Coruña, os dous intérpretes traballaron sobre o concepto de exploración da convivencia física nun espazo escénico entre dous individuos en busca do éxito na súa propia, descubrindo tamén así a fraxilidade do ser humano e o sentimento de inferioridade diante de situacións críticas. Tamén indagaron sobre o comportamento mecánico do corpo dentro dunha colectividade e os seus movementos inconscientes e repetitivos que cada día se realizan sen que cadaquén se decate.
Asesoramento artístico e técnico
A finalidade do programa de residencias artísticas é a de lles achegar aos artistas individuais ou colectivos un espazo para o desenvolvemento dos seus proxectos de investigación, experimentación, creación e produción. Ademais de contar coas instalacións facilitadas pola compañía pública de danza, os proxectos escollidos disporán de apoio loxístico e de asesoramento tanto a nivel artístico como en relación cos procesos de montaxe e distribución. O acordo contempla tamén a presentación e/ou exhibición no Centro Coreográfico Galego do resultado final dos traballos.
Para a elección dos proxectos tívose en conta o seu carácter innovador, a súa incidencia na creación de redes de colaboración interdisciplinaria e a súa capacidade de achegamento á cidadanía mediante estratexias de participación e creación de públicos. Tamén se valorou a traxectoria e as actividades previas desenvolvidas polos solicitantes, así como a calidade, coherencia e viabilidade das iniciativas presentadas de acordo co seu calendario de execución e o equipo humano implicado.

16/09/2014

0 comentários :

Danos a túa opinión