Somos maioría en Vilalba

Reproducimos o manifesto "Somos maioría tamén en Vilalba", recibido no correo electrónico os pasados días.


Somos maioría as persoas que queremos cambiar as cousas. Que queremos facer deste país, Galiza, e deste Concello, Vilalba, un lugar digno no que pague a pena vivir, no que as nosas fillas e fillos teñan futuro e no que a xente teña, de verdade, a palabra e a decisión.

Porque somos maioría as persoas que non estamos dispostas a tolerar a desigualdade, o retroceso das condicións de vida dos máis para que uns poucos se enriquezan, o espolio e a privatización dos nosos recursos naturais e a degradación dos nosos sinais de identidade, moi principalmente da nosa lingua.

Somos maioría as persoas que pensamos que a orde social debe asegurarnos o dereito a un benestar e unha seguranza material mínima: a ter unha vivenda digna, a ter un traballo decente, a poder protexer a nosa saúde e o noso medio ambiente, a poder acceder ao ensino e á cultura.

Somos maioría as persoas que queremos aproveitar este momento de cambio para impulsar unha democracia avanzada, fundada nos valores republicanos da igualdade, solidariedade e liberdade.

Somos maioría as persoas que demandamos un grande entendemento galego para saírmos desta situación de empobrecemento, marxinación, e mesmo inanición polo ruín desgoberno que estamos a sufrir.

Somos maioría quen demandamos que exista unha alternativa de confluencia e unidade que poña fin a este estado de regresión nos dereitos, liberdades e autogoberno.
… e temos que entendernos

Cando impulsamos este manifesto non queremos substituír ningún partido nin ningunha organización. Só pretendemos, dende unha posición de democracia militante, alentar un proceso que rescate a esperanza e poña fin a esa indefensión na que se encontra a maioría social.

A unidade non é para nós un recurso retórico senón un recurso natural, o máis valioso das xentes e dos pobos que non se resignan ante a inxustiza e a corrosión a que están sometidos os dereitos, e o roubo de espazos de benestar laboriosamente construídos.
A nosa proposta

Sobre a base do que coidamos o común denominador da maioría social, defensa dos dereitos sociais como punto de partida para unha sociedade máis xusta, e do dereito da xente a decidir como parte esencial dunha democracia verdadeira:

- Promover e alentar candidaturas de unidade para as eleccións municipais, subliñando a importancia decisiva que teñen os concellos como espazos de participación, transformación e emancipación.

- Promover e alentar e candidaturas cidadáns plurais a partir do protagonismo directo da cidadanía, coa procura da harmonía de principios comúns e programas concretos, a nivel local e galego.

Unha proposta coma esta ten sentido para agrupar á inmensa maioría das persoas e organizacións comprometidas coa democracia, coa defensa da maioría social e co dereito a decidir do pobo galego, para, en primeiro lugar, desaloxar a corrupción e poñer os concellos ao servizo do pobo e do noso País.

Temos a certeza de que unha alternativa común coma esta pode ser amplamente maioritaria e protagonizar os cambios que Galiza precisa con urxencia.
E VILALBA non pode nin debe quedar fóra destas mareas cidadáns.
É hora de facerlle fronte á ineficacia, ao desgoberno e á falta de igualdade e transparencia que sufrimos neste concello dende hai décadas.
É por esto que sae este chamamento á luz, dirixido a todas as vilalbesas e vilalbeses, para participar neste ilusionante movemento de cambio que está a comezar. En vindeiras datas farase unha convocatoria ABERTA para poñer en marcha unha candidatura de unidade cidadá no noso concello.

Vilalba, 13 de setembro 2014.

17 de set. de 2014

0 comentários :

Danos a túa opinión