VI Bienal Literaria

Redaccción.-

Con motivo do 25 aniversario da sección galega do PEN Internacional, a VI Bienal Literaria reunirán en Compostela narradores, xornalistas, escritores, poetas, novelistas e un nutrido grupo de representantes da nosa escrita. Tres mesas redondas, un recital poético-musical e unha conferencia maxistral a cargo do escritor arxentino Roberto Alifano sobre Borges compoñen a sexta edición dun dos eventos culturais máis destacados do panorama galego.

Xornada do 2 de outubro
O programa da VI Bienal Literaria arranca o 2 de outubro na Biblioteca de Galicia coa primeira das tres mesas redondas dedicadas aos narradores e xornalistas. Recoñecidos profesionais como Camilo Franco, Santiago Jaureguízar, Luís Pousa ou Juan Tallón abordarán a situación do xornalismo cultural e en galego, moderados polo xornalista de La Voz de Galicia, Xesús Fraga.

O día completarase cun recital poético-musical a cargo de Alba Cid, Gonzalo Hermo, Román Raña, Mario Regueira e Dores Tembrás, co acompañamento musical da formación Xardín Desordenado. O broche final porao o escritor arxentino Roberto Alifano que impartirá unha charla maxistral que levará por título ‘Borges e o xardín de conversas que se bifurcan’.

Xornada do 3 de outubro
A xornada do 3 de outubro comezará coa mesa redonda de novelistas, na que estarán Marilar Aleixandre, Alfredo Conde, Víctor F. Freixanes e Bieito Iglesias coa moderación de Inma Silva. Seguidamente será a quenda dos poetas, con Miguel Anxo Fernán-Vello, Manuel Forcadela, María do Cebreiro, Xavier Seoane e Luciano Rodríguez.

A VI Bienal Literaria chegará ao seu fin cun encontro de luxo en Compostela: o que protagonizarán Nélida Piñón, Xosé Luís Méndez Ferrín e Manuel Rivas. A asistencia ás xornadas é totalmente de balde ata completar a capacidade.

30/09/2014

0 comentários :

Danos a túa opinión