XVI Encontros de Normalización Lingüística

Redacción.-

A XVI edición dos Encontros de Normalización Lingüística que organiza o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia, dependente do Consello da Cultura Galega (CCG), abre o seu foco de actuación para analizar a realidade plurilingüística de España. “Unha vez que saímos do marco galego, tentamos dar unha visión de conxunto diferente, e dar un panorama xeral comparando a evolución e sociolingüística das diferentes linguas de España, pero tamén da política das institucións españolas” explica Henrique Monteagudo, coordinador destes encontros, que se desenvolverán entre o 24 e o 25 de setembro. A inscrición, libre e gratuíta, pódese facer a través da páxina web da institución.
O programa da XVI edición dos Encontros de Normalización Lingüística está estruturado en dúas vertentes: no primeiro día atenderase a contrastar a situación (evolución, perspectivas, sociolingüística…) das linguas cooficiais, como o catalán e o vasco. O segundo día céntrase nos diferentes aspectos da política lingüística española en relación co multilingüismo interno. Henrique Monteagudo e Susana Mayo son os coordinadores deste encontro, que tamén se poderá seguir en directo desde a rede.

Primeiro día: as outras linguas cooficiais
“Nesta ocasión imos facer un esforzo para que sexan os propios especialistas de cada territorio os que expliquen cada lingua empregando as mesmas variables, como o coñecemento, uso e lingua inicial, para así poder ofrecer unha perspectiva comparada” asegura Henrique Monteagudo. Polo caso catalán estará Miquel Pradill, que é profesor titular de Fonética e Fonoloxía e de Sociolingüística do Departamento de Filoloxía Catalana da Universitat Rovira i Virgili e membro do Institut d’Estudis Catalans e do Consell Social de la Llengua Catalana da Generalitat de Catalunya. No caso vasco falará Patxi Batzarrika, que é o viceconselleiro de Política Lingüística do Goberno Vasco. Será David Guardado, pedagogo e profesor, quen se encargará de dar a perspectiva do caso asturiano.

Segundo día: a perspectiva da España plurilingüe
Para o segundo día dos encontros, o coordinador establece que “prestamos atención á España castelanfalante e á política das institucións, como poden ser os tribunais ou os medios de comunicación”. Para estes asuntos, estarán presentes Francisco Caamaño, que foi ministro de Xustiza entre 2009 e2011. O xornalista Iago Martínez será o encargado de analizar a diversidade de linguas de España nos medios de comunicación, mentres que o antropólogo Andrés Barrera falará do “plurilingüismo na cultura lingüística española”.

Nese segundo día, que se desenvolve en horario de mañá e tarde, integrarase a política lingüística dentro do marco europeo. Para iso, Alba Nogueira e Carmen Alén serán as encargadas de situalo no marco da política europea e, nomeadamente, na Carta europea das linguas rexionais e minoritarias.

Completa o programa Xaime Subiela, para analizar a sociolingüística e a glotopolítica en galego, e Héctor Silveiro, que fará un achegamento á situación do galego que se fala en Estremadura hoxe en día.

O encontro inclúe tamén a proxección de Fronteiras, o documental elaborado por Rubén Pardiñas que aborda un percorrido polos límites culturais e xeográficos de Galicia. Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Manuel Beiras, Manuel Fraga, Xosé Ramón Barreiro Fernández, Francisco Fernández Rei son algúns dos entrevistados neste documental.

Centro de Documentación Sociolinguística de Galicia (CDSG)
O CDSG é un dos arquivos que conforman o Consello da Cultura Galega. Entre os seus obxectivos figura participar, como axente activo, no proceso de normalización do idioma galego, propiciando o intercambio e difusión dos materiais xerados neste proceso e creando foros de debate e reflexión arredor da planificación lingüística en Galicia. Compila a documentación relacionada coa planificación tanto do galego como doutras linguas minorizadas con situacións sociolingüísticas semellantes á nosa. Ademais, xestiona a documentación e información que xera a planificación lingüística para que volva reverter nos diferentes axentes sociais implicados no proceso.

01/09/2014

0 comentários :

Danos a túa opinión