Santiago Veloso.-
Hai hoxe 10 anos, un grupo de profesores e profesoras entregaba na sede da Unesco en Paris unha candidatura do patrimonio común galegoportugués. A primeira Candidatura Multinacional promovida por centros educativos de dous países da Unión Europea, e avalada por dous Estados. Pero detrás desta entrega houbo un intenso traballo conducido pola Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte...nas ondas!
Un patrimonio para o futuro
Os tempos son chegados para emprender unha nova campaña pola inscrición do patrimonio común galego-portugués na Lista Representativa da Unesco. Unha iniciativa que procura o compromiso e a decisión firme de apoiar e empuxar ás institucións neste necesario proceso. As administracións deben sentir o alento e a demanda da sociedade civil, das persoas “portadoras” deste patrimonio.
Unha campaña que terá nas redes sociais un medio de difusión e de recolleita de novos apoios. Pero non todo vai ser virtual: é preciso contar coas persoas, as asociacións e as institucións para seguir remando xuntos e poder conseguir este fin. Tamén é preciso contar con novos aliados, pois este patrimonio común encóntrase espallado por todo o mundo e outros Estados poden sentirse comprometidos con esta proposta.
Facemos un chamamento, en primeiro lugar, aos centros educativos, que foron a orixe e o motor desta iniciativa, e que tamén serán o futuro, para que continúen a transmitir o patrimonio ás novas xeracións e que apoien a inscrición. En segundo lugar, ás persoas, a título individual ou colectivo, para que se sumen a este propósito. E en terceiro lugar, ás entidades e institucións (Asociacións, Fundacións, Concellos, Deputacións, Consellerías... ) para que co seu apoio escriban na historia da Eurorrexión unha nova páxina logrando este recoñecemento para un patrimonio que xa é da humanidade, e que debe figurar na Lista Representativa da Unesco.
O soño que nace das escolas
Cómpre remontarse ao ano 1994, hai xusto 20 anos, cando un grupo de escolas miñotas iniciaba a experiencia de radio interescolar Ponte...nas ondas! Esa árbore nacida nas “orelas vizosas do Miño sereno “ comezaría ben cedo a dar frutos. A medida que as súas pólas ían medrando máis se entrelazaban, e novas ramificacións irían xurdindo en forma de actividades conxuntas entre as dúas marxes da fronteira.
A partir de todo o traballo realizado co alumnado e entre as escolas de ambas marxes nace o soño e con el a proposta de elaborar unha Candidatura con este patrimonio común. Foron tres anos dun intenso traballo involucrando a profesionais de diferentes áreas e de diferentes sectores: profesores, antropólogos, asociacións culturais, museus, universidades... Foi toda unha comunidade que se mobilizou e que foi consciente de que compartía un inmenso tesouro.
En simultaneo, desenvolvéronse tarefas burocráticas e mesmo labores diplomáticas en tres frentes: en Lisboa, en Madrid, en Santiago. Para que? Simplemente para obter o imprescindíbel aval dos dous Estados. Algo que parecía unha utopía e que por momentos chegou a ser considerado como unha cuestión xeoestratéxica, que o era e ségueo a ser.
En París, facendo historia Ultrapasadas todas as barreiras, o 18 de outubro de 2004 a Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués era entregada na sede da Unesco en París. Para Ponte...nas ondas! o obxectivo estaba cumprido e a esperanza permanceu viva durante máis dun ano, até o 25 novembro de 2005, data na que vimos o noso proxecto aprazado. Na mesma sede da UNESCO fomos felicitados polo labor desenvolvido e foinos comunicado que esta proposta tería futuro, convenientemente reformulada. Esta decisión foilles comunicada tamén aos dous Estados que avalaban a Candidatura.
Pero non quedamos quietos, e adiantándonos á entrada en vigor da Convención para a Salvagarda do Patrimonio Inmaterial, decidimos intentar convencer as administracións de novo da importancia desta iniciativa, e da necesidade de preparar novamente os traballos.
Un patrimonio "ponte"
En 2007, alertamos da nova oportunidade que se abría coas inminentes inscricións na Lista Representiva, unha vez ratificada a Convención por ambos Estados. Ocupamos as catro pontes sobre o río Miño con mozos e mozas de escolas de ambos marxes nunha iniciativa denominada “ponte nas pontes“ que causou impacto e protagonizou as portadas dos principais xornais.
Percorridos 10 anos, outras candidaturas transnacionais que no seu momento quedaran excluídas, como a do flamenco, presentada tamén no mesmo ano que a galego-portuguesa, conseguiron xa a inscrición na Lista Representativa do Patrimonio Mundial.
*Presidente da Asociación Cultural e Pedagóxica PONTE...NAS ONDAS!
0 comentários :
Danos a túa opinión