Bibliotulibro


David Otero.-

Velaí un bibliomés deste biblioano.Velaí un tempo biblio para espazos cheos de libros (que é decir tamén bibliotecas).Por iso nelas, nas bibliotecas, desde as lectoras e os lectores , conxúganse os espazos e os tempos no facer primoroso da lectura.Ler polo tanto dinamizarase en xerundio e así tamén nese modo e ser farase cos verbos amar, querer, pensar, vivir e tantos outros propios de ser quen somos en mundo noso de Lingua(s) e de Cultura(s).

Outubro celébrase, sinálase,  como o mes da biblioteca e así en especial o día vintecatro con maior acento, acerto e intensidade, sen que por iso facelo xa dea desculpa (licencia) a non facelo ata o día vintecatro do ano que vén. Os días da biblioteca xa que logo serano todos os do ano enteiro en pleno amor libre á lectura e aos soportes (libros en especial) que a facilitan e a estimulan, mediando nese exercício do pensamento tan propio, persoal, como auténtico, que nos define e determina como lectoras e como lectores.Ler é un facer afirmativo de liberdade, porque apetece, porque nos engaiolaron na animación a facelo, porque temos argumentos e así nos peta e dá a gana.

Ler, libro,lectura, levan consigo esencialmente, do contraio é outra cousa, o desexo libre de facelo.Esa frescura onde gozar de literatura vivible,viva e activada, posta en Lingua e Cultura propia ( galega pois)  e integrada coas outras moitas Linguas e Culturas dos demáis Pobos nas que queiramos ler e disfrutar.
A lectura farase alí onde nos sintamos ben.Buscaranse os soportes de ler alí onde nos sintamos ben.Pois así tamén será na biblioteca onde nos sintamos ben.Probemos e comprobemos.

08/10/2014

0 comentários :

Danos a túa opinión