Castelao, Risco e os xudeus



Mario Paz González.-

Cando un rapaz novo me di que anda a ler a biografía de Steve Jobs sempre lle respondo o mesmo: que lea antes Sempre en Galiza, de Castelao, que de seguro que vai atopar nel moitas máis cousas que lle ensinen a comprender o seu mundo, a nosa historia recente e tamén, por que non, a nós mesmos. Enténdase ben, non teño nada en contra de que cada un lea o que lle pete e penso que toda lectura, mesmo as malas, pode ser de proveito. Tampouco teño nada en contra do fundador de Apple, malia perceber en torno á súa figura un certo cheiro de mesianismo, de gurú, de deidade sacra que non acaba de convencerme. Se cadra porque prefiro a historia á haxiografía. Alguén poderá botarme en cara que cousas semellantes rodean á figura do de Rianxo e, ás veces, costa negalo. Non tanto no referido aos seus escritos coma no tocante á imaxe que dan del moitos dos seus admiradores. Por iso parécenme tan necesarios estudos como os recentes de Craig Patterson.

Estou a falar deses dous textos que amosan as ideas e prexuizos de Castelao cos negros e cos xudeus. “From Racism to Redemption. Castelao, Race and Galician Identity”, publicado no volume 16 do International Journal of Postcolonial Studies (pp. 693-715), e “Delito e pecado. Castelao, Galicia e o antisemitismo”, que apareceu recentemente no número 212 da revista Grial (pp. 52-63). Neles Patterson, que anda a rematar a traducción ao inglés de Sempre en Galiza, achéganos a unha imaxe desmitificada de Castelao e que, se cadra por iso, engrandece ao personaxe ao humanizar a súa figura.

No primeiro destes estudos amósanos como, a partires dos seus prexuizos iniciais de cara aos negros, alimentados polos tópicos da sociedade poscolonial, a visión que deles ten Castelao vai evolucionando ata acadar certa “redención”, como di Patterson, ao chegar a sentirse identificado nalgúns aspectos coa sociedade negra e cos seus problemas, mitigando, mais non alonxando de todo, os prexuizos iniciais. Por desgraza, non ocorre o mesmo cos xudeus. Os comentarios antisemitas de Castelao mantéñense ao longo da súa obra, das súas cartas, dos seus escritos...

Como sinalou Ortega, somos moito máis víctimas da circunstancia que nos toca vivir do que adoitamos pensar. Os prexuizos e o desprezo que amosa Castelao de cara aos xudeus non son exclusivos del, nin moito menos. Están no espíritu daquela época e, por desgraza, atópanse en moitísimos autores coetáneos seus. Nunha recente entrevista en Praza pública, Craig Patterson laiase da inxustiza que cometen os que atacan a Risco polos seus comentarios antisemitas e desculpan a Castelao. É certo que moitas das actitudes e textos de Risco poden ser censurables, mais, lonxe daquelas polémicas dos oitenta en torno á súa figura (nas que participaron Ramón Piñeiro, Xusto Beramendi, Xosé Manuel Beiras, Fernández del Riego ou Xosé Lois Varela, entre outros) ou as máis recentes, co escritor Suso de Toro polo medio, costa non darlle a razón a Patterson. Cómpre lembrar que, malia toda a polémica que acostuma xerarse en torno ao personaxe de Risco, a súa influencia na cultura galega é indiscutible.

Se cadra deberiamos botar unha ollada, ou reler, as luminosas memorías de Lois Tobío, fundador do Seminario de Estudos Galegos, que correu unha sorte moi diferente á de Risco logo da guerra, pois, como Castelao, tivo que exilarse até a chegada da democracia. Nelas (As décadas de T.L., Edicións do Castro, 1994) sinala, verbo do antisemitismo de Risco: “Hoxe penso que debía haber nel algún xene xudeu, el que era tan antisemita (e pode que mesmo por eso) coma xa eu dexergara nas nosas conversas en Berlín [en 1930] e, máis adiante ao publicar unha Historia de los judíos que só é imparcial en apariencia”.

Tivera o ourensán ou non xens xudeus no seu sangue, o caso é que na segunda edición do libro citado por Tobío, publicada por Surco en 1956 (a primeira é do ano 44), di Risco, referíndose aos anos da segunda guerra mundial: “Sufrieron los judíos, en Alemania y en los países dominados por el Eje, una de las más terribles persecuciones de todos los tiempos” e, malia manter moitos dos prexuizos antisemitas da primeira edición, semella sentir unha certa, aínda que moi velada, afinidade e admiración cara a ese pobo ao que califica de “único, disperso y errante [...] tenaz, obstinado, persistente, irreductible”. Engadindo máis adiante: “Físicamente, en su pureza, suele ser una raza muy bella, muy fina, con ciertos caracteres de femineidad suave y de blanda dulzura”. E logo: “Intelectualmente, los judios son una raza superior, sin duda alguna. Poseen una privilegiada inteligencia y una extraordinaria habilidad y sutileza para múltiples actividades”.

Non quero abrir unha nova polémica en torno a Risco, mais, se cadra, tamén poderíamos ver aí, como nas últimas referencias na obra de Castelao aos negros, un tímido desexo de redención por parte do intelectual ourensán.

23 de out. de 2014

0 comentários :

Danos a túa opinión