O respecto pola lingua

Helena Villar Janeiro.-

Cando entrou no sistema educativo a lingua galega –xa a Lei de Xeral de Educación de 1970 admitía o seu ensino voluntario- puxemos excesiva confianza nos logros da escola, pero unha lingua ausente das institucións pode ter nelas fundadas esperanzas de futuro. Ao ser oficial na súa comunidade –conxuntamente co castelán- pensamos, con algún fundamento, que adquiriría estatus de uso normal. Para a normalización dunha lingua é necesaria a aprendizaxe polos membros da comunidade que non a saben. Esta aprendizaxe adoita facerse sobre un idioma normativizado que supera a fragmentación do illamento cando a gran maioría dos seus falantes non se enfrontaron nunca aos seus escritos como lectores nin como autores de textos. Polo tanto, había que configurar un estándar sobre as variedades da fala no que se recoñecesen os usuarios para pasalo, o máis unificado posible, á lingua escrita. O fenómeno aconteceu nalgún momento con todas as linguas, dada a altísima cota de analfabetismo universal ao longo da historia, pero o galego tivo que afrontalo todo xunto e en conflito, o que deu lugar a cambios acelerados. Vendo os propios escritos primeirizos tras estes anos dámonos conta da rapidez do proceso.

Outro paso necesario para normalizar un idioma que foi subalterno e non asumido polas clases sociais medias e altas é frear a desgaleguización familiar e social, e crear actitudes de respecto para o seu uso. Combinar axeitadamente a aprendizaxe, as boas actitudes e o ánimo de uso tiña que levar a empresa ao éxito, aínda tendo en conta que dúas linguas en contacto viven forzosamente en conflito e que o bilingüismo non é social senón persoal. Se miramos os resultados conseguidos despois dun tempo que permite xa comprobar os cambios, constatamos que os obxectivos están moi lonxe de ser acadados. Perda alarmante do número de falantes nas novas xeracións, aprendizaxe insuficiente a xulgar polos erros que se están incorporando a través do que algúns chaman con certa alegría “galego urbanita” e a falta de respecto para o seu uso, pois é evidente o desinterese en mellorar o idioma, xa non o oral, senón tamén o escrito, que é máis doado de supervisar. A lista dos nomes das editoriais galegas mal traducidos por corrector automático ao castelán nun medio de comunicación a pasada fin de semana foi todo un espectáculo.

27/10/2014

0 comentários :

Danos a túa opinión