OFF_Contemporánea!!!

Redacción.-

Logo de inundar o Auditorio Nacional de Madrid de ROCK Contemporáneo, o TAC atrévese a levar a música CABARÉ  a unha discoteca.

O Taller Atlántico Contemporáneo inspira o seu concerto na atmosfera do cabaré de principios do século XX, no que música e acción escénica se unen co ambiente dun local de época.

A obras de clásicos modernos que se sentiron fascinados polas posibilidades expresivas deste xénero, como Schoenberg e Britten, únense dúas obras de carácter "performático" do compositor norteamericano Tom Johnson, a misteriosa composición Dolce tormento na que Kaija Saariaho se inspira nun texto da Divina Comedia de Dante...

Cando e onde:
Sábado 1 novembro 2014

22:00 Sala Capitol
Calle de Concepcion Arenal 5
981 574 399

OFF_Contemporánea!!

Cabaré contemporáneo

TAC  Taller Atlántico Contemporáneo

INGRIDA GÁPOVÁ  soprano

DIEGO GARCÍA RODRÍGUEZ  director




Arnold Schoenberg (1874-1951)

Nachtwandler (de Brettl-Lieder) (1901)



Kaija Saariaho (1952)

Dolce tormento (2004)



Frederic Rzewski (1938)

Les Moutons de Panurge (1968)



Tom Johnson (1939)

Scene for piano and tape (1969)



Benjamin Britten (1913-1976)

Cabaret Songs * (1937)

Tell me the truth about love

Funeral Blues

Johnny

Calypso



* estrea en España da versión para grupo instrumental



TAC  Taller Atlántico Contemporáneo

Nicasio Gradaille  piano

Luis Soto  frauta

Ramón Llátser  trompeta

José Vicente Faus  percusión

Alfonso Morán  contrabaixo

Saúl Canosa  clarinete

James Dahlgren  violín

Ingrid Gápová  soprano

O TAC iniciou a súa andaina en 2010 na praza do Obradoiro de Santiago de Compostela coa obra Eine Brise de Mauricio Kagel, para 111 ciclistas, e colocando un piano de cola no faro de Fisterra para interpretar integramente a obra de Erik Satie Vexations, 18 horas de piano ininterrompidas e 27 pianistas. Abordou no Centro Galego de Arte Contemporánea dous ciclos de concertos dedicados á música dende mediados do século XX ata a actualidade, interpretando obras de Crumb, Schnittke, Donatoni, João Pedro Oliveira, Berio etc., e realizando numerosas estreas de compositores galegos: Fernando Buide, Octavio Vázquez, Jacobo Gaspar, Eduardo Soutullo, Juán Eiras etc. En 2011 actuaron no Festival Via Stellae de Santiago co grupo Siniestro Total nun concerto conxunto onde estrearon a Suite Suicida "Land of Opportunity". Ao longo de 2011 e 2012 organizaron na Cidade da Cultura de Santiago un proxecto multidisciplinar denominado Os seráns do TAC e que incluían música contemporánea, humor e gastronomía. Merecedor do Premio da Crítica de Galicia ao mellor proxecto artístico de 2012, Os seráns do TAC contaron con artistas como Carlos Blanco, Quico Cadaval, Julián Hernández, os directores Diego Masson e Paul Daniel, os solistas David Villa e Álex Salgueiro; os cantantes Carmen Gurriarán, Josep Miquel Ramón, Elena de la Merced, Humberto Ayerbe, Cristina Barriga, Eliseu Mera e Mónica de Nut; colaboracións con grupos como Odaiko, organizacións sociais como Implicadas no Desenvolvemento e os restaurantes Pepe Solla, Eirado da Leña, Abastos 2.0, Culler de Pau e Yayo Daporta. En 2013 o TAC recibiu o primeiro premio na categoría de música clásica e contemporánea na primeira edición dos Premios Galegos da Música. En 2014 actuou no ciclo Fronteras do Auditorio Nacional de Madrid e no Festival de Música Relixiosa de Cuenca. O TAC é un grupo estable, de formación aberta, e ten como director artístico a Diego García Rodríguez.

DIEGO GARCÍA RODRÍGUEZ director
Traballa regularmente con orquestras en España, Inglaterra, Polonia e Francia. Os  seus compromisos máis recentes inclúen programas sinfónicos coa Real Filharmonia de Galicia, Orquestra Sinfónica de Galicia, Orquesta de Extremadura, Orquestra Académica e Coro de Bydgoszcz (Polonia) e da Orquestra Nova da Orquestra Sinfónica de Galicia. Realizará o seu debut no Teatro Real (Madrid) coa produción Hänsel e Gretel de Humperdinck, en xaneiro do 2015. Dirixiu a estrea mundial de It makes no Difference... de Spagnolo no Festival Tête á Tête en Londres e encargouse da dirección musical de Carmen de Bizet na Opera Baltykca en Gdansk (Polonia) e da produción do Centro Dramático Galego A ópera dos tres reás de Weill. É director artístico do Taller Atlántico Contemporáneo (TAC) ensemble co que desenvolve unha intensa actividade a prol da música contemporánea e de colaboración con outras disciplinas artísticas. Na tempada 2010-2011 do Teatro Real de Madrid foi director asistente de Josep Pons en The turn of the screw de Britten e de Paul Daniel en Król Roger de Szymanowski.. En Inglaterra traballou con Diego Masson e dirixiu Madama Butterfly de Puccini e As vodas de Fígaro de Mozart.

INGRIDA GÁPOVÁ soprano
Nacida en Eslovaquia, obtivo o seu máster artístico en canto no Conservatorio Superior F. Nowowiejskiego (Bydgoszcz, Polonia) coa profesora Hanna Michalak. A pesar da súa xuventude posúe un amplo repertorio, cantatas, oratorios, lied e ópera, dende o barroco temperán ata a música contemporánea. É regularmente convidada nos principais teatros de ópera de Polonia. Debutou como Barbarina en As vodas de Fígaro no Teatro Nacional de Varsovia, onde tamén cantou Boris Godunov de Mussorgski (Xenia) e protagonizou a estrea mundial de The sudden rain do compositor polaco A. Nowak. Na Opera Balticka (Gdansk) interpretou os papeis de Pamina (A frauta máxica), Susanna e Barbarina (As vodas de Fígaro), Micaela (Carmen) e Annina (A Traviata). Na Opera Nova Bydgoszcz interpretou Gretel (Hansel e Gretel de Humperdinck), Hanna (A casa enmeigada de Moniuszko) e Belinda (Dido e Eneas de Purcell). Foi premiada en varios concursos en Polonia e recentemente obtivo o terceiro premio na categoría de ópera e o de mellor interpretación de Mozart no Concurso Internacional Antonin Dvorák 2013 en Karlowy Vary (República Checa). Entre as súas colaboracións discográficas destaca o seu traballo co Goldberg Baroque Ensemble para o selo Sarton Records. No campo da música contemporánea foi convidada a realizar a estrea mundial de Spoon River de A. Nowak e o artista multimedia A. Dudek, proxecto que inaugurou o prestixioso Festival de Outono de Varsovia 2013.

31/10/2014

0 comentários :

Danos a túa opinión