VII Xornada de Literatura de Tradición Oral

Redacción.-

Onte sábado 25 de outubro 2014 celebrouse a "VII Xornada de Literatura de Tradición Oral: Amuletos e reliquias. Usos e crenzas" en Lugo, no Salón de Actos da Deputación na Rúa San Marcos, 8, convocado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega e AELG e co patrocinio da área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo.

Nelas falouse dos usos e crenzas arredor de amuletos e reliquias, esas cousas boas que fan de intercesores entre os humanos e as potencias (sexan estas deuses ou demos) do sobrenatural. Os amuletos son obxectos, xeralmente pequenos e portátiles, que atendendo á forma ou ao material do que están feitos usáronse e aínda se usan, segundo crenzas ben arraigadas, para atraer a sorte ou para afastar o mal.

As reliquias teñen a orixe no martirio dos primeiros cristiáns, cuxos restos eran conservados e venerados. No século XVI o Concilio de Trento acrecentou este tipo de culto e propagou a fe masiva nos seus efectos beneficiosos, pondo en marcha, de paso, un fascinante negocio. Estoxos, medallóns, escapularios ou relicarios con presuntos fragmentos do corpo ou de lugares santificados son o gran reclamo comercial de catedrais, igrexas e santuarios, como o é a posesión e a manipulación de amuletos para toda caste de taumaturgos.

Contouse co saber de especialistas como Mª Rosa dos Santos Capelão, investigadora das funcións, usos e prácticas das reliquias ou "santas medicinas" en Portugal, Eusebio Rey Seara, historiador especialista en amuletos da época romana en Galicia, o escritor Calros Solla, propietario dunha colección de máis de 300 amuletos e talismáns (alicornos, pedras da pezoña) e con Alfonso Blanco Torrado, crego rural con longa experiencia como observador dos usos, tanto de amuletos como de reliquias.

26/10/2014

0 comentários :

Danos a túa opinión