A música e o diabólico

Redacción.-

O ciclo de música contemporánea Do Audible 2014 da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria despídese esta semana cunha sesión dedicada á música e ao diabólico, que terá lugar hoxe venres 14 de novembro, ás 20 horas, no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra.

O grupo Vertixe Sonora Ensemble, encargado da dirección do ciclo, ofrecerá para a ocasión un concerto que contará co Distractfold Ensemble, de Manchester, como agrupación convidada. A formación británica, especializada en música instrumental, no xénero da acusmática e híbrida do século XXI escrita por compositores da nova xeración, preséntase para o concerto en formato de trío de cordas con Linda Jankowska, Emma Richards e Alice Purton.

A edición de 2014 remata cun programa baseado no “poder excepcional, temible e admirable” da música. Coa súa beleza demoníaca, a súa capacidade para o encanto e a posesión, a súa ambigüidade insoluble, cuxa manifestación máis sinalada sería o intervalo de cuarta aumentada ou diabolus in musica, a música sempre foi percibida con receo, sospeitosa como é dunha pegada diabólica.

Para iso, o programa do concerto incluirá pezas dos prestixiosos compositores en activo Salvatore Sciarrino, Mauricio Pauly e Pierluigi Billone e contará unha introdución a cargo do profesor e ensaísta especialista en Wagner Enrique Gavilán, autor do libro ‘Otra historia del tiempo’.

Unha experiencia singular
Do Audible é un ciclo promovido pola Secretaría Xeral de Cultura coa colaboración de Vertixe Sonora, que procura puntos de encontro entre a música, a ciencia, a arte e o pensamento, co obxectivo de contribuír a normalizar a escoita de música contemporánea en Galicia. En cada concerto, proporciona unha experiencia singular e reveladora que devolve a escoita ao seu lugar, como acontecemento capital do entendemento humano.
En 2014, o cartel do ciclo incluíu catro sesións, que comezaron o pasado mes de xuño cun concerto en Ourense centrado na música, na danza e na poesía, á que seguiu unha proposta no Museo do Mar de Galicia, en Vigo, arredor de obras mestras do século XX inspiradas no mar e unha sesión no Planetario da Coruña baseada na música das esferas.

Cada concerto organízase arredor dun foco temático e interactúa coa palabra cómplice de relevantes personalidades do mundo da cultura, que achegan informacións e perspectivas de interpretación do feito musical, que resulten enriquecedoras para os ouvintes.

14/11/2014

0 comentários :

Danos a túa opinión