Gallego/Ghallegho/Galego/Ghalegho?

Helena Villar Janeiro.-

Catro rapazas e rapaces colgaron un vídeo reivindicando a súa fala e deu moito que falar. Fun consultada sobre se tiñan razón e contestei a verdade: si e non.

Non podemos sacar a lingua do contexto das demais. O galego ten problemas coa sociedade, e non só el. Pero hai unha serie de fenómenos que son comúns. Ningún idioma se adoita escribir descoidadamente como se fala, porque a escrita é un nivel coidado e afastado do coloquialismo. Todas as linguas teñen modos de falar territoriais (dialectos) que moi raramente se reproducen na escrita igualadora. Só a historia anómala da nosa nos permite pensar que os galegos falan diferente se son do Ribeiro ou de Camariñas. Un texto xornalístico escrito en Cantabria e outro en Andalucía transcríbense igual. Os andaluces ocultarán o seu seseo e non suprimirán consoantes nin vocais Ningún andaluz con escolaridade escribirá “E un desahtre”, senón, “Es un desastre”. O mesmo pasa na cadea oral pronunciada nunha clase da Universidade, na defensa dun reo, no discurso dunha toma de posesión.

Os rapaces farán ben en defender o seu dialecto e aínda as súas variantes. Pero farán mal en non adquirir o rexistro culto que afortunadamente xa posúe a lingua. Porque isto faríaos incultos no seu propio idioma.

En Andalucía teñen regras mnemotécnicas que recordan as palabras que se escriben con l, como alma –que din arma-. Polo tanto, ese non é un problema do galego. É cuestión de distinguir rexistros e niveis e de aprendelos para saber cando cómpre usalos.

Nas primeiras dobraxes de películas rodadas en inglés os personaxes falaban un rexistro xudicial que facía chorar. Esta foi unha experiencia que ensinou moitas cousas e non cómpre esquecelas.

¿Teñen razón os rapaces e as rapazas do vídeo “Ghalegho”? Si e non. Quen renunciamos ao uso único do dialecto para ser profesores, escritores, avogados, xornalistas… tamén fomos rebeldes, pero convenceunos a realidade.

A nosa lingua é digna e merece un esforzo de aprendizaxes. Porque queremos que sexa unha máis das linguas normalizadas do mundo.

Texto lido no blogue didáctico "Galego na rede", de Helena Villar Janeiro

27/11/2014

0 comentários :

Danos a túa opinión