Germán Castro, nova firma en A Voz de Vilalba

Moncho Paz.- Co artigo "De lazos e perfís", hoxe incorporouse ao noso panel de colaboradores o prestixioso xornalista Germán Castro Tomé, máis coñecido na nosa profesión como Man. Del podemos dicir moitas cousas, especialmente que sempre foi un profesional coherente, inquedo e comprometido co seu tempo. Foi fundador e director do Diario de Ferrol, promotor do Club de Prensa de Ferrol (do que é actualmente presidente de honra), fundador e director da revista Ferrol Análisis, impulsor do certame de fotoxornalismo Galicia en Foco e tamén do Curso de Pensamento Contemporáneo Carlos Gurméndez.

Man é un profesional do xornalismo que tivo -ao longo da súa dilatada carreira- responsabilidades en diversas áreas, nas que acadou unha gran aceptación, tanto por parte do público como dos seus compañeiros. De feito, fixo escola para moitos xornalistas, que somos viva testemuña da súa defensa da ética xornalística, o rigor e a procura da verdade, ao marxe das presións propias dos axentes sociais e os partidos políticos.

Germán Castro sempre estivo en primeira liña profesional. Comezou con 17 anos, cando “non tiña nin diñeiro para xornais”, segundo confesaba nunha ocasión. Estivo fondamente implicado en movementos veciñais de Ferrol con afán humanista, que aprendeu no Seminario de Mondoñedo, no que cursou cinco anos de Latín e Humanidades e un de Filosofía; posteriormente revalidou o Bacharelato Superior e realizou estudos de Maxisterio. Traballou no desaparecido Ferrol Diario, en El Ideal Gallego e no Faro de Vigo. Foi correspondente de El País, Radio Nacional de España e crítico deportivo da desaparecida Hoja del Lunes de A Coruña.

Tras dezaseis anos en La Voz de Galicia, en 1999 embarcouse na aventura de dirixir Diario de Ferrol, “un gran proxecto que saíu zurrando duro con trinta e cinco páxinas de información local. Cando chegaron as presións, sabiamos que eramos importantes nunha cidade difícil”, lembra. O seu papel no xornal sempre o calificou como un compromiso persoal coa cidade que o viu nacer. En 2013 foi galardoado co premio Diego Bernal, concedido pola Asociación de Periodistas de Galicia, en recoñecemento a toda unha traxectoria  no mundo do xornalismo e da comunicación. E hoxe A Voz de Vilalba acolle a súa pluma con ledicia a agradecemento, polo seu interese en colaborar connosco neste proxecto. 

26/11/2014

0 comentários :

Danos a túa opinión