Lois Caeiro, premio Diego Bernal 2015

Redacción.- A Asociación de Periodistas de Galicia (APG) acordou distinguir co Premio Diego Bernal, na súa XX edición, ao xornalista Luis Rodríguez García (máis coñecido como Lois Caeiro) pola súa ampla traxectoria profesional en medios de comunicación.

Lois Caeiro (Sobrado dos Monxes, 1951) estudou na Universidade de Comillas e  na  Complutense, onde fixo os cursos de doutorado e da que foi profesor honorífico. Comezou en 1968 a colaborar en El Ideal Gallego. Cronista e comentarista político en Madrid nos anos da transición, posteriormente realizou os mesmos cometidos en Galicia coas primeiras eleccións parlamentarias e a constitución das institucións autonómicas; así, puxo en marcha os servizos informativos da Televisión de Galicia -dos que foi o primeiro director- e director xeral da Compañía de Radio Televisión de Galicia. Foi tamén director de Atlántico Diario, na saída á rúa do xornal, e participou na posta en marcha de outras publicacións como Galicia Confidencial ou Galicia, viajes y turismo. Colaborou  no suplemento cultural de Ya, La Voz de Galicia, El Correo Gallego, La Región, Man Común ou Encrucillada, entre outras. Foi correspondente en Galicia de ABC, Actualidad Agraria e da Axencia Logos. Desde o ano 2000 é director do diario El Progreso, de Lugo.

Foi tamén o primeiro responsable de prensa na Delegación do Goberno en Galicia, na Confederación de Empresarios de Galicia e na Xunta de Galicia. Asemade, encargouse de asesorar, en materia de comunicación, a numerosas empresas na nosa Comunidade, como Pescanova, Caixa Ourense ou Dragados. Publicou os libros Aquel mundo (1996) e O xantar da memoria (2003), galardoado co premio nacional de gastronomía Álvaro Cunqueiro. Foi co-tradutor da versión inglesa ao galego de A Biblia dos nenos (SEPT).  Membro do  Consello de Administración da editorial SEPT, do padroado da Fundación Araguaney e de diferentes comisións do Consello da Cultura Galega relacionadas cos medios de comunicación.
           
A Asociación de Periodistas de Galicia decidiu constituír en 1996 un premio xornalístico denominado Premio Anual APG, que tiña como finalidade premiar toda unha traxectoria profesional de xornalistas galegos que exerceron en Galicia ou fora da nosa Comunidade Autónoma. Tras o pasamento de Diego Bernal, vicepresidente da entidade, a Asociación acordou cambiar a denominación do premio, que pasou a chamarse Premio Diego Bernal, en homenaxe á súa memoria.

O Premio Diego Bernal non ten dotación económica e consta dunha figura tipicamente galega, deseñada segundo a artesanía tradicional de pratería de Compostela. Outórgase ao profesional que se considera máis merecedor do mesmo entre todos os candidatos propostos pola Xunta Directiva da APG, durante unha sesión ordinaria celebrada no último trimestre do ano; e faise público antes de que remate o ano, para ser entregado co gallo do 24 de xaneiro, festividade do Patrón dos Xornalistas.


A APG publicou en 2005 unha recopilación das semblanzas dos dez primeiros premiados e ao longo de 2015 está previsto que faga o mesmo coa relación dos galardoados nas vinte edicións, que integran unha lista de prestixiosos profesionais galegos, aos que agora se une Lois Caeiro, En edicións anteriores recibiron o galardón: Augusto Assia (1996), Pedro de Llano (1997), Feliciano Barrera (1998), Camilo José Cela (1999), Manuel Fernández Areal (2000), Colectivo Xornalistas Vascos (2001), Santiago Rey Fernández-Latorre (2002), José Manuel Rey Novoa (2003), Juan Ramón Díaz García (2004), Alfonso Sánchez Izquierdo (2005), Ángel Botana (2006), Blanca García Montenegro (2007), Gerardo González Martín (2008), Perfecto Conde Muruais (2009), Manuel Martín Ferrand (2010), Pepe Domingo Castaño (2011), Pilar Cernuda (2012), Germán Castro Tomé (2013) e José Luis Alvite (2014).

26/11/2014

0 comentários :

Danos a túa opinión