Mañá, estrea de "A esmorga" en Vilalba

Redacción.

A Esmorga, a película máis agardada do outono en Galicia, estrearase o venres 21 de novembro de maneira simultánea, nas principais salas de cine comercial das grandes cidades galegas e nas principais vilas, entre as que está o concello de Vilalba. No Auditorio Carmen Estévez realizaranse dous pases, un o venres 21 ás 20.30h e outro o domingo 23 ás 18.00h. O prezo da entrada é de 5€, están xa a venda na Casa da Cultura en horario de 11h a 13h e de 17h a 20h, e en taquilla o día da estrea. A idade recomendada e desde os 16 anos.

A ESMORGA é unha película baseada na gran novela do mesmo titulo do escritor galego EDUARDO BLANCO AMOR. Trátase dunha crónica tensa e intensa de vinte e catro horas na vida de tres homes (Bocas, Milhomes e Cibrán) compañeiros de esmorga que, deixando un regueiro de destrución, de sexo equívoco e reprimido, van fechando portas tras si e guindando coas chaves, como para non querer volver, tal coma se adrede camiñaran á súa perdición.

Cibrán (MIGUEL DE LIRA)
Home de carácter débil, que se deixa embrullar facilmente, vítima dalgunha forma de depresión que se activa cos incidentes climáticos. É o máis consciente dos tres, tanto no que se refire á conciencia de clase como á identificación da sociedade na que vive.

Milhomes (ANTONIO DURÁN “MORRIS”)
Vive a súa homosexualidade da única forma posible no mundo que o rodea, dominado pola homofobia. A súa vida afectiva debe disfrazarse da camaradería masculina e contentarse coa permisividade que consenten as borracheiras.

Bocas (KARRA ELEJALDE)
É un matalobos, tan amoral como o Milhomes pero cunha vontade de poder e un delirio de acadar experiencias únicas descoñecido polo seu compañeiro.

http://aesmorgafilme.com

20/11/2014

0 comentários :

Danos a túa opinión