Mo-Vémonos. Ximnasia no Rural

Redacción.-

O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, destaca a "aposta polo benestar e polo rural" que supón o programa Mo-vémonos, unha iniciativa que promove a área de Benestar Social e Deporte da institución provincial co obxectivo de achegar a práctica de exercicio físico a toda a poboación, ao tempo que se fomenta a interrelación persoal e social da cidadanía.

Un total de 100 asociacións de toda a provincia participan neste programa. Entre as asociacións participantes no programa Mo-vémonos atópanse colectivos de persoas maiores, asociacións de carácter social e asociacións de veciños de concellos de menos de 5.000 habitantes.

Baixo o lema Ximnasia no rural, deporte para todos e todas, a Vicepresidencia da Deputación pón en marcha este programa, que en anteriores edicións se desenvolveu baixo o nome de Todos a xogar ou Tempos, e que levará ximnasia dúas veces por semana a un cento de asociacións e colectivos sociais de toda a provincia de Lugo, favorecendo a actividade física e a interrelación social de máis de 2.000 persoas. O programa dará comezo o vindeiro 15 de setembro e rematará no mes de xuño e vai dirixido a persoas maiores de concellos do rural de menos de 5.000 habitantes e a colectivos de persoas con capacidades diferentes de toda a provincia.

“Un motivo para xuntarse e verse os veciños”
“Con este programa cubrimos unha demanda existente por parte das asociacións da provincia: achegar a todas as parroquias do rural servizos dos que unha persoa que vive na cidade ou nunha vila grande dispón”, explica o vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga. Os dous grupos beneficiarios deste programa serán persoas maiores de concellos pequenos do rural e colectivos sociais de toda a provincia. “A posta en marcha deste servizo é a expresión das principais liñas de traballo da Vicepresidencia da Deputación durante estes últimos anos, nos que tentamos que todo o noso traballo vaia dirixido a mellorar o benestar das persoas que viven no rural, aos que a Xunta lles afasta cada vez máis os servizos, e dos colectivos en risco de exclusión, para os que outras administracións, nomeadamente a Xunta de Galiza, seguen a reducir o seu apoio económico", dixo.

Antonio Veiga concluíu a súa intervención destacando a importancia destas sesións en canto “se converten nun motivo para reunirse, un motivo de encontro social, creando vida nas parroquias que cada vez están menos poboadas e presentan unha alta taxa de avellentamento na poboación, e que de non ser por iniciativas como a que hoxe presentamos, terían como único punto de reunión a misa dos domingos”.

Unha actividade totalmente gratuíta dúas veces por semana
O programa Mo-vémonos dispón de dúas liñas diferenciadas de actuación. A primeira vai dirixida a asociacións de capacidades diferentes e a colectivos que traballen con persoas en risco de exclusión social. Poderán participar entidades de tódolos concellos da provincia. O fin desta liña é a integración social das persoas a través de actividades en grupo que garantan a mellora das capacidades de relación.

A segunda liña vai dirixida a asociacións do medio rural, e nela poden participar entidades sen ánimo de lucro de concellos de menos de 5.000 habitantes. A actividade consiste en levar de xeito totalmente gratuíto un monitor o local social da asociación. Búscase chegar a localidades que pola pouca poboación, ou avellentamento ou a súa dispersión non dispoñen de medios para realizar actividades sociais.

A actividade é 100% gratuíta e está sufragada na súa totalidade pola Vicepresidencia Primeira, en ámbalas dúas liñas, para as cales se envía un monitor dous días a semana ao domicilio social da entidade ou lugar de celebración que ela elixa, recortando os custos de desprazamento dos usuarios; e coa que se pretende ofrecer unha actividade física non competitiva coa que se busca a integración social e conseguir unha mellora da saúde. O orzamento que destina a institución provincial para pór en marcha o programa ascende a 185.760 euros.

Todos os cursos estarán impartidos por persoas expertas na materia, profesionais entre os que haberá como mínimo un traballador social, un psicólogo e un educador social. Os monitores que impartan a propia actividade física contarán como mínimo bacharelato ou o grao superior en animación de actividades físicas e deportivas.
 

Asociacións da comarca chairega que participan no programa Mo-Vémonos
ASOCIACIÓN
CONCELLO
ASFADIVI
VILALBA
Cruz Vermella Castro Ribeiras do Lea
CASTRO DE REI
Centro de Día de Begonte
BEGONTE
UDP COSPEITO
COSPEITO
Asociación Baltar
PASTORIZA
Asociación Xubilados Rábade
RABADE
A.C. Castiñeiro Milenario
BEGONTE
A.C. Aquilino Iglesia Alvariño
COSPEITO
Escolas Deportivas
A PASTORIZA- Bretoña
Escolas Deportivas
A PASTORIZA-Fonmiñá
Escolas Deportivas
A PASTORIZA-Crecente
Escolas Deportivas
A PASTORIZA-Vián
AAVV Cazas
XERMADE
Consello Maiores Momán
XERMADE
AAVV Roupar
XERMADE

29/11/2014

0 comentários :

Danos a túa opinión