O barómetro que marca tendencia

Fermín Bouza.- Nunha primeira ollada ao barómetro do CIS non vexo grandes cousas que non estivesen anunciadas, aínda que as diferenzas con enquisas máis recentes son notables. Antes de falar de voto destacaría dúas cousas: o PP é situado pola enquisa no lugar 8,24 na escala dereita/esquerda de ubicación de partidos. Iso é a terra de ninguén entre a dereita máis dura e a pura extrema dereita. Asemade, o votante medio sitúase nunha autoubicación de 4,41 na mesma escala, e sitúa a Podemos no 2,43, ao PSOE en 4,61 e a IU en 2,67. Isto é moi significativo sobre o que está pasando: votantes dun partido ao borde da extrema dereita cambian a súa intención de voto a Podemos, ao que sitúan ao bordo da extrema esquerda.

Isto non parece un capricho nin un enfado momentáneo, debe responder a procesos de auténtico desclasamento nas clases medias e medias-altas, feridas en moitas cousas pero, sen dúbida, nos seus ingresos no fogar, incluíndo aos fillos (parados, en boa parte), etc. Non é estraño que arredor do 60% dos consultados na enquisa de clase media e media-alta diga que non votará nunca ao PP, unha cifra moi superior aos que din o mesmo nesas clases sobre Podemos.

E estamos ao borde do misterio que ningunha cociña demoscópica pode obviar: o novo en todo isto é que a desafección ao PP vén das clases acomodadas, que acumulan unha porcentaxe de rexeitamento similar ao das clases populares. É un voto perdido que vai unido a unha caída económica familiar: non volverá ese voto, polo menos ata que haxa unha forte recuperación económica nesas clases que daban o seu perfil á dereita histórica. Pasáronse ao outro bando: a confrontación civil está moi lonxe, se tomamos esa referencia racional. E o voto? É unha enquisa anterior á Operación Púnica, que tanta desafección está a crear nas bases electorais do PP, e iso tradúcese na conservación do voto estimado, que nas enquisas posteriores derrubouse ao terceiro lugar.

Neste sentido, a enquisa non aporta máis novidades que unha paisaxe xa coñecida ata hai uns días. Xa cambiou, e fíxoo na dirección prevista, aquela que pode seguir marcando tendencia. Agárdannos grandes emocións. Por certo, non hai como queixarse, e eu onte facíao de min mesmo. Deseguida recibín consolo e alento para as miñas particulares neuras, pois non me acontece nada importante. Grazas. É que onte foi un día estraño, coa entrada brusca nas sombras otoñais e nos túneles que levan ao inverno. Hoxe volveu o sol, aínda que con frio.

07/11/2014

0 comentários :

Danos a túa opinión