Os xornalistas, contra a violencia de xénero

Redacción.- Un ano máis, con motivo do Día Internacional pola Eliminación da Violencia de Xénero, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) quere expresar o seu rexeitamento á violencia machista en calquera manifestación que adopte.
A violencia de xénero representa a día de hoxe un dos principais problemas sociais e políticos do noso tempo, e debe contemplarse como unha vulneración gravísima dos dereitos humanos. Esta violencia, fruto do modelo patriarcal instaurado na nosa sociedade, vai máis alá da violencia física, para manifestarse como violencia estrutural, simbólica, cultural, económica e institucional nas distintas agresións, asasinatos, abusos, violacións, acosos, discriminacións e micromachismos que sofren a diario as mulleres.

O CPXG quere aproveitar o Día Internacional pola Eliminación da Violencia de Xénero para reiterar o seu compromiso contra a lacra da violencia machista, e instar aos medios de comunicación e a sociedade en xeral a practicar a tolerancia cero e o rexeitamento social frente a todas as manifestacións que adoptar esta violencia.

Para acabar con esta vulneración dos dereitos e as liberdades das mulleres é necesario fomentar a súa visibilización, así como unha concienciación social sobre as dimensións do problema, as súas raíces e as súas consecuencias. Neste labor, no que ten que colaborar toda a sociedade, teñen un especial papel os medios de comunicación e o conxunto das e dos xornalistas.
É necesario aplicar na práctica diaria as recomendacións para a mellora no tratamento da violencia de xénero recollidas na Declaración de Compostela, asinada en 2004 por profesionais da información e expertas e expertos no tratamento da violencia machista. Esta Declaración chama a unha abordaxe da violencia machista con compromiso e responsabilidade social, con respecto á intimidade das vítimas, que sexa útil para a sociedade e que non esqueza que o fondo do problema está na estrutura patriarcal da nosa sociedade.
Loitar contra a violencia machista é loitar pola igualdade das persoas é contra a discriminación de xénero na nosa sociedade e ese é un labor do que todas e todos temos que facer parte. As e os xornalistas, como profesionais dos medios e como persoas, temos que cumprir coa nosa responsabilidade nese sentido. Acabar con esta lacra é tarea de todas e todos.

25 de nov. de 2014

0 comentários :

Danos a túa opinión