Ponte nas Ondas! acada o Premio Ondas

Redacción.-

A Asociación pedagóxica e cultural Ponte...nas Ondas! que leva achegando a experiencia radiofónica e de comunicación aos escolares das dúas marxes do Miño, acadou o pasado xoves, 6 de novembro, o Premio Ondas segundo deu a coñecer o fallo do xurado da 61ª edición dos Premios Ondas, un dos máis prestixiosos galardóns de radio e televisión que se conceden en España e que premian cada ano aos profesionais, empresas e traballos nacionais e internacionais máis sobresalientes en radio, publicidade radiofónica e televisión. Nesta edición dos Premios Ondas, que contan co apoio oficial da Unión Europea de Radiodifusión (UER), foron presentadas preto de 300 candidaturas de máis de 20 países de todo o mundo.

Radio Barcelona da SER outorgou 25 premios aos profesionais, empresas e traballos nacionais e internacionais máis sobresalientes de radio, publicidade radiofónica, televisión e música desde ano 2014. Un deses "cabaliños alados" - a figura dos premios - viaxará de volta a Galicia das mans da Asociación Ponte... nas ondas! que logo de celebrar o seus 20 anos de vida "creando pontes" e vínculos entre os escolares das dúas marxes do Miño, ven correspondido deste xeito a súa labor.

"Cando un pequeno grupo de profesores e profesoras, desde varios centros escolares públicos, deciden implicarse con toda a súa paixón nunha actividade coa radio nun proxecto pedagóxico e cultural, estamos de noraboa. Cando ademais, ese proxecto faise internacional, implica a moitos centros de ensino e radios de todo o mundo, e dura xa máis de vinte anos, esa iniciativa é case un pequeno milagre alimentado con ilusión e empeño por moitas persoas, desde moitos países e en varios idiomas. É a riqueza de compartir, de valorar quen somos e quen fomos, de medrar e experimentar xuntos; e de facelo todo a través das ondas da radio." comenta o gondomareño Santiago Veloso, presidente da asociacións.

Nestas dúas décadas de historia, compartiron músicas e até as crearon; descubríronnos o patrimonio común e puxéronno en valor; gozaron coas fermosas palabras de moitos escritores e escritoras que achegaron as súas mensaxes desde distintos puntos do planeta; contaron co apoio e o afecto de grandes da radio; foron pioneros na utilización de novas tecnoloxías como o "streaming" a nova televisión por Internet que lle deron unha nova dimensión e fixeron máis grande a experiencia; "e aínda foron pais e nais doutras criaturas que hoxe teñen vida propia como o Festival Internacional de Teatro PONTE...NA ESCENA , o libro-CD-DVD NA PONTE ou os premios BOAS ONDAS".

A semente que plantaron aqueles profesores e os seus alumnos é hoxe unha árbore grande e forte, con raíces e pólas que se estenden polo bosque da sabedoría, da ilusión, e do respecto entre culturas. Unha ábore cuxas ramas alcanzan por igual os ámbitos da comunicación, a cultura, o patrimonio, a innovación educativa, o emprego da TICs, o compromiso social e a beleza da condición humana. Sombra que acolleu a nenos e nenas que medraron educándose na radio e hoxe son profesionais dela, emisores desas boas ondas que tiveron a fortuna de compartir desde ben pequenos con todos os que forman parte deste proxecto.A entrega de premios terá lugar nunha gala o próximo 25 de novembro no Gran Teatre do Liceu de Barcelona.

O locutor e músico galego Xurxo Souto -colaborador coa Asociación- avalou a proposta da candidatura aos premios.

07/11/2014

0 comentários :

Danos a túa opinión