Por non ser dos que calan


(A fotografía de Albert Camus é de Henri Cartier-Bresson, en 1947)

Agustín Fernández Paz.

Nesta entrada, imos comezar polo que debería ser o final. Trátase dun vídeo onde se recolle o discurso que Albert Camus pronunciou en Estocolmo o 10 de decembro de 1957, cando recibiu o Premio Nobel de Literatura. Paréceme un texto idóneo para achegarse de primeiras á figura do escritor francés:

Ler A peste en tempos difíciles

Durante estas últimas semanas, estiven a ler La peste, a novela de Albert Camus, na tradución ao castelán de Rosa Chacel ( o orixinal, La Chute, é de 1947) Debe de ser a cuarta vez que a leo completa; non o lembro ben porque foron moitas as ocasións en que me acheguei a ela para revisar algún anaco concreto.

O que nunca poderei esquecer é a primeira vez que lin A peste. Foi no verán de 1968, no campamento de Monte la Reina, en terras de Zamora, onde eu estaba facendo as Milicias Universitarias. Un compañeiro de tenda, ao que sempre lle estarei agradecido, ía á súa casa nas fins de semana e traíame libros da biblioteca do seu pai. Libros moi ben elixidos, para satisfacer a miña fame de lecturas. Así foi como, entre outros, e sempre en edicións arxentinas ou mexicanas, pois daquela estaban prohibidos en España, lin a Sartre, a Bertrand Russell, a Kafka, a Malraux… e tamén a Camus. Unha desas semanas tróuxome O estranxeiro e A peste. Esta última, sobre todo, deixou en min unha pegada fondísima.

Eu xa devecía por ler estes autores desde había algún tempo. Non é agora o momento de contalo aquí, mais debo dicir que o curso anterior lera, na Universidade Laboral de Xixón, os catro primeiros tomos da Literatura del siglo XX y cristianismo (do belga Charles Moeller, editados en castelán por Gredos). En cada toma reúnense estudos sobre algúns autores determinados (máis da metade, prohibidos daquela en España), con abondosa información e, sobre todo, coa reprodución de extensos fragmentos das obras.

Así que, cando enfrontei a lectura d’A peste, eu xa posuía ben información sobre a novela, así como sobre outros libros de Camus que aínda tardei décadas en ler, como O mito de Sísifo ou O home rebelde ou o seu teatro. Reitero que lin o libro con ansia e que a súa lectura influíu de xeito significativo na miña visión do mundo.

Agora, cando volvín a el, despois de tantos anos, comeceino con algo de prevención. Temía que me pasase coma con outros libros, descubrir que o tempo o fixera avellentar. Mais non, todo o contrario. Canta razón ten Italo Calvino no seu ensaio Por que ler os clásicos: «Un clásico é un libro que nunca remata de dicir o que ten que dicir.» Pois A peste, nestes primeiros anos do século XXI, semella estar escrita para falar da sociedade en que vivimos hoxe.

Que nos conta Camus n’A peste?

Antes disto, sei que debería comentar algúns aspectos básicos da biografía de Albert Camus (a infancia e a mocidade en Alxeria, o seu papel dentro do existencialismo, as polémicas con Sartre, o labor como xornalista, o papel xogado na Resistencia, o Premio Nobel concedido en 1957, a súa relación con María Casares…). Mais non paga a pena facelo aquí, á vista dos excelentes textos que podemos atopar na Rede (entre eles, este de Marga do Val ou estoutro de Tony Judt). Só comentarei que Camus naceu en Alxeria, cando aínda era unha colonia francesa. A peste publicouse en 1947, e a guerra que levou á independencia de Alxeria desenvolveuse entre 1954 e 1962.

Un bo complemento para achegarse á biografía de Camus témolo nesta fotobiografía “Albert Camus, soledad por la libertad”.

Sei que a ninguén lle estrago a lectura se fago aquí un breve resumo da historia, pois o apaixonante deste libro está máis alá da anécdota, como logo comentarei.

A historia transcorre na cidade de Orán, na beiramar de Alxeria, nalgún ano da década dos corenta. O 16 de abril comezan a aparecer ratas mortas polas rúas da cidade. Veñen dos sumidoiros e saen ao exterior para morrer pouco despois, botando sangue pola boca. Ao primeiro ninguén lle dá importancia; a preocupación comeza cando o número medra de forma alarmante.

Non tardan en enfermar as primeiras persoas, con síntomas que remiten á peste bubónica, a terrible Peste Negra da Idade Media. Eses enfermos van morrendo, sen que os médicos poidan facer nada. Para non alarmar, as autoridades quítanlles importancia. Mais cando o número de casos medra sen cesar, non teñen máis remedio que facelo público: trátase da peste, que se está a estender pola cidade. Ante a gravidade da situación, o goberno decide illar a cidade. Ninguén poderá entrar nin saír dela.

Todo o anterior, e os dez longos meses en que a peste permanece na cidade, ímolos vivindo a través dos personaxes que protagonizan este libro. O principal é o doutor Bernard Rieux, que asume a responsabilidade de dirixir a batalla contra a peste. Os outros personaxes irémolos coñecendo pola relación que teñen con Rieux. Case todos eles son representativos dos diversos estamentos da cidade (agás da poboación árabe, que en ningún momento aparece no libro). Así, temos o xuíz Othon e o sacerdote Peneloux, a xustiza e a relixión. E está Tarrou, chegado á cidade un pouco antes de comezar a peste, que asume o traballo de elaborar unha crónica detallada do que vai sucedendo. Un funcionario, Grand, é quen leva as estatísticas das mortes que se producen. E temos tamén un xornalista, Rambert, que loita por saír da cidade e reunirse coa súa amada.

O núcleo da novela reside nas actitudes, nos actos e nas conversas deses personaxes ao longo dos dez meses que a cidade permanece illada. O papel da relixión, o silencio de Deus, a dor e a morte, a solidariedade dalgunhas persoas, o egoísmo da maioría… son algúns dos temas que se desenvolven n’A peste. E, sempre omnipresente, a enfermidade e as súas consecuencias: que facer cos mortos, como loitar contra ela, os cambios na vida da cidade…


A actualidade d’A peste.

A novela publicouse en 1947, cando había só dous anos que rematara a 2ª Guerra Mundial. Daquela leuse como unha alegoría sobre a ocupación de Francia polos alemáns. Ou tamén sobre a expansión nazi por Europa antes e durante a guerra mundial. E si, ambas son lecturas con sentido, sobre todo no tempo en que apareceu a novela.

Non obstante, lida desde hoxe, é doado entendela como unha parábola que pode iluminar moitos máis feitos. Pois, por desgraza, son moitas as pestes que chegan a nós.

As máis evidentes son algunhas das novas enfermidades que se estenden na sociedade e que provocan reaccións moi semellantes as que describe Camus. Lembremos a relevancia da SIDA, e os comportamentos ante ela naquelas primeiros anos en que non se sabía que era nin como se contaxiaba. Algo parecido está a ocorrer co ébola, aínda que sexa máis limitado.

Pero tamén se pode asociar a outros feitos relevantes, pandemias que hoxe se estenden polo mundo e poñen en perigo o conxunto da humanidade. Coma tal, o capitalismo sen freos que provoca cada vez unha desigualdade maior, así como o esgotamento dos recursos naturais. Ou o cambio climático, do cal xa sufrimos na actualidade as primeiras consecuencias, e que ameaza con estenderse cada día máis.

Dous breves fragmentos

Con todo, A peste é unha novela que transmite unha inmensa esperanza nas persoas. Velaquí dos anacos da parte final:

No medio dos berros que redobraban a súa forza e a súa duración, a medida que os ramos multicolores se elevaban no ceo, o doutor Rieux decidiu redactar a narración que aquí remata, por non ser dos que calan, para testemuñar en favor dos apestados, para deixar polo menos unha lembranza da inxustiza e da violencia que se lles fixera e para dicir simplemente algo que se aprende no medio das pragas: que hai nas persoas máis cousas dignas de admiración que de desprezo.

(…)

Escoitando os berros de alegría que subían da cidade, Rieux tiña presente que esta alegría está sempre ameazada. Pois el sabía que esa multitude feliz ignoraba o que se pode ler nos libros, que o bacilo da peste non morre nin desaparece xamais, que pode permanecer durante décadas durmido nos mobles, na roupa, que agarda pacientemente nas alcobas, nas bodegas, nas maletas, nos panos de man e nos papeis, e que pode chegar un día en que a peste, para desgraza e ensinanza dos homes, esperte as súas ratas e as mande a morrer nunha cidade feliz.

Outros dous vídeos e unha cita
En 1992, o director arxentino Luis Puenzo fixo unha película a partir da novela de Albert Camus, con William Hurt no papel do doutor Rieux. Velaquí o trailer:

Nestoutro vídeo temos a oportunidade de ver e escoitar a Albert Camús, nunha entrevista que lle fixeron a propósito da estrea da súa obra teatral Os poseídos en 1959:

Como remate, un anaquiño de O home rebelde, un dos ensaios máis coñecidos de Camus:

Que é un home rebelde? Un home que di non. Pero negar non é renunciar: tamén é un home que di si desde o seu primeiro movemento. Un escravo, que recibiu ordes durante toda a súa vida, xulga de súpeto inaceptable unha nova orde. Cal é o contido dese «non»? Significa, por exemplo, «as cousas duraron xa demasiado», «hai un límite que non pasaredes». En suma, ese «non» afirma a existencia dunha fronteira.


  O texto completo, con todas as imaxes, vídeos e ligazóns, pode lerse no blog de Agustín Fernández Paz: 

http://agustinfernandezpaz.eu/es/blog-afp/

21 de nov. de 2014

0 comentários :

Danos a túa opinión