Tecnificación deportiva de loitas olímpicas

Redacción.- O vindeiro sábado, 8 de novembro, o Pazo Provincial dos Deportes de Lugo será escenario dunha xornada de tecnificación deportiva de loita a nivel autonómico, á que acudirán a formarse uns 35 deportistas de toda Galicia. Esta actividade, organizada polo Club de Loita Lugo en colaboración coa área de Benestar e Deporte da Deputación de Lugo, servirá para “mellorar a formación técnico-táctica dos deportistas”, explicou Pablo Pintos, adestrador e presidente do Club de Loita Lugo, que asistiu á presentación acompañado de Nicolás López Gradilla, un dos loitadores con maior proxección da entidade da cidade amurallada. 
“Unha vez máis poñemos o Pazo a disposición de todas as modalidades deportivas, sobre todo a disposición de deportes minoritarios. Xa semanas atrás houbo unha competición de jiu jitsu e este fin de semana, en colaboración co Club de Loita Lugo, vai haber unha xornada de tecnificación deportiva e de educación”, sinalou Antonio Veiga, vicepresidente da Deputación, quen tamén destacou que“entendemos que é importante que se visualicen todos estes deportes que non saen todos os días nos medios de comunicación, pero si que están facendo unha labor de suma importancia, como a que está levando a cabo esta entidade de Lugo”.
Entre os deportistas que van desprazarse este sábado a Lugo atópanse loitadores das categorías cadete, júnior e sénior. Todos eles traballarán de forma conxunta nun adestramento dirixido para formar e pulir ás novas promesas da loita en Galicia. Buscarán unificar o traballo específico deportivo e a lograr adaptación ao novo regulamento das loitas olímpicas. A xornada de traballo desenvolverase en dúas sesións. Pola mañá, de 11:30 a 13:30 horas, e pola tarde, desde as 16 ás 18 horas.
Os encargados de dirixir os adestramentos serán Iván Castro Seone, adestrador estatal de loita e de deportistas preolímpicos, e Rubén Méndez Lois, seleccionador galego de Loita Grecorromana, dous técnicos dun nivel totalmente contrastado. “O traballo con grandes adestradores ten unha connotación moi positiva, difícil de atopar noutros eidos formativos”, remarcou Pablo Pintos.
Asemade, destacou que “temos a grandísimos profesionais, que non valoramos nunha escala obxectiva como se merecen. O que fan nos seus clubs e na loita en xeral en Galicia, tanto Iván Castro como Rubén Méndez, é unha milagre na mellor relación recursos/resultados do noso deporte”, puntualizou Pintos.
O adestrador do Club de Loita Lugo, comentou que “todos os participantes nesta xornada son medallistas nacionais e na mesma dámoslle cabida ás tres modalidades olímpicas de loita: a libre olímpica, a grecorromana e a feminina”. Finalmente, Pablo Pintos agradeceu a colaboración da área de Deporte do organismo provincial. “Este tipo de actividades son de grande interese para todos os deportistas e adestradores, xa que a formación continua no deporte é a base fundamental do éxito, pero as dificultades na organización mítiganse grazas á colaboración da Vicepresidencia Primeira da Deputación, que facilita e dinamiza este tipo de actividades de formación deportiva”, asegurou.
O sábado estarán representados nove clubs galegos nesta xornada de tecnificación. Xunto á entidade anfritriona participarán as seguintes entidades: Clubs Kuzushi de Vigo, Club “El Castro” de Vigo, Atila de Ourense, Club de Loita Pontevedra, Club de Loita Keltoi de Vila de Cruces, Club Stellae de Compostela, Club de Loita Rábade e Club de Loitas Olímpicas de Vilalba.

07/11/2014

0 comentários :

Danos a túa opinión