2015, ano de Ramón Chao

Redacción.- O xornal A Voz de Vilalba e o Instituto de Estudos Chairegos acordaron dedicar o vindeiro ano ao escritor Ramón Chao. Nado en Vilalba en 1935, criouse tocando o piano na fonda dos seus pais  na capital da Terra Chá. Bolseiro polo Concello de Vilalba e pola Deputación de Lugo, trasladouse a Madrid para estudar piano, harmonía e bacharelato. 

De Madrid foise posteriormente a París, cunha bolsa do Goberno español. Na capital francesa fíxose xornalista, entrando a traballar en Radio France, onde dirixiu emisións en galego que serían prohibidas por Franco. Foi nomeado Cabaleiro das Artes e das Letras polo Goberno de Francia en 1991. Destacou como correspondente da revista Triunfo, crítico Literario en Le Monde e polas súas colaboracións en Le Monde Diplomatique. Publicou máis de vinte libros, entre novelas e biografías. 

Ramón Chao recibiu con moita ledicia no seu domicilio de Sévres, preto de París, a noticia desta iniciativa, e comprometeuse a viaxar a Vilalba para participar nalgún dos actos que se celebren, cuxo calendario está nestes intres en vías de programación.

29 de dec. de 2014

Losada presenta "Código Mariano" en Vilalba

Redacción.-

Na tarde do pasado venres tivo lugar a presentación en Vilalba de Código Mariano (Barcelona, Roca Editorial, 2014), o último libro do profesor e politólogo Antón Losada Trabada. O autor estivo arroupado por Manuel Castro Santamariña, presidente do Instituto de Estudos Chairegos; e polo xornalista Moncho Paz, editor de A Voz de Vilalba, que foron as dúas entidades encargadas de organizar o evento, no que se deron cita preto de cen persoas. Baixo este suxerente título, e nun ton de humor e ironía, Losada pretende descifrar a complexa personalidade de Rajoy, un dos políticos de comportamento máis enigmático. O libro divídese en cinco grandes bloques: a vida de Mariano, o partido segundo Mariano, a política segundo Mariano, o Goberno segundo Mariano e o Marianismo segundo Mariano.

Antón Losada (Xove, 1966) é doutor en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, cunha tese sobre o impacto da política de pesca na consolidación institucional da autonomía, é profesor titular de Ciencia Política no departamento de Socioloxía e Ciencia Política desa universidade dende 1998. Ten un máster en xestión pública pola Universidade Autónoma de Barcelona.

A súa posición de relevancia gañouna sobre todo grazas ao seu labor como xornalista, participando en diversos parladoiros radiofónicos da Cadena SER e escribindo artigos no xornal electrónico Xornal.com, en La Opinión e El Periódico de Catalunya. O seu maior cargo de responsabilidade tívoo a mediados dos anos noventa, cando ocupou a dirección de Radiovoz en Madrid. Tamén ten colaborado en diversos programas de radio e televisión, entre os que destacan os programas humorísticos Unha de romanos e A familia Mudanza na TVG, a serie Composteláns dirixida por Xosé Manuel Pereiro, e foi o presentador do programa Bule Bule, dirixido por Antón Reixa. Tamén compuxo letras para temas de Siniestro Total e Os Resentidos, así como unha peza de teatro, Qué é das dependentas dos grandes almacéns ó faceren os cincuenta?, para a compañía Pífano.

O seu contacto coa política iniciouse na Universidade de Santiago de Compostela, onde foi membro dos CAF. A comezo dos noventa foi asesor puntual do conselleiro de Pesca, o popular Henrique López Veiga. Na primeira década do século XXI retomou o nacionalismo e a partir do ascenso de Anxo Quintana como voceiro nacional do BNG, fíxose militante e comezou a traballar ao seu lado en labores de asesoría e comunicación política. En 2005 foi nomeado secretario xeral de Vicepresidencia e de Relacións Institucionais, colocándose como a man dereita de Anxo Quintana dentro do organigrama da Xunta de Galicia.

Poden verse as imaxes do evento aquí.

27 de dec. de 2014

Os sabores de Galicia

Helena Villar Janeiro.- Nunha entrevista gastronómica pregúntanme a que sabe Galicia, e eu respondo coa sensación que aínda levaba na boca: “A peixe”. Os do mar son sabores moi presentes porque vivo cabo del e me gustan os seus froitos. Pero a resposta podía valerse da memoria, ser outra e tamén sería certa. O país ten moitísimos gustos. Galicia é unha festa culinaria e sería unha mágoa que a sabedoría gastronómica popular fose substituída por pratos invasores. Pizzas, churrascos e paellas non superan a exquisitez das nosas comidas tradicionais.  

Temos unha cociña estacional de calidade, nas montañas e nas chairas. Aí, Galicia sabe a carne fresca ou á salgada dos cortes do porco e os seus procesos. E tamén a cimos amargos, ou grelos, que dicían mouriscos e non sei se cultivan, porque o abandono do autóctono fai xa que as leitugas, as peras, as mazás e ata as patacas sexan todas idénticas, mercadas en calquera establecemento. E sabe a pan de verdade, onde coidan este vello pracer. Tamén é estacional nas ribeiras, con troitas, lampreas e anguías, xoubas ou sardiñas, fóra ou dentro dunha empanada, e os mariscos cando engordan, por citar unha mostra mariñeira. A terra produce o que mellor lle fai ao noso corpo en cada lugar e en cada tempo. Son os principios do ying e o yang, que tamén aquí teñen sentido aínda sen os coñecer. Temporalidade e territorialidade conforman a dieta máis concorde co equilibrio dos habitantes, aínda que hoxe os mercados nos invadan con produtos importados e fóra de tempada.

Porque Galicia ten sabores de memoria. A cociña familiar está no pouso da xeografía sentimental e os sabores transportan ás paisaxes. Para quen vive lonxe do país, Galicia sabe a gloria. E a gloria, en non poucas ocasións, está representada polo lacón, as empanadas e o polbo á feira, ese cefalópodo que nos xungue co territorio, e entre nós, como os vencellos aos feixes.


25 de dec. de 2014

Entrevista a Darío Villanueva

Moncho Paz.- Recentemente elixido director da Real Academia Española, Darío Villanueva Prieto (Vilalba, 1950) recíbenos no seu despacho da institución para falar da súa traxectoria vital e profesional, desde os anos da infancia en Vilalba ata a súa etapa como reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC). A combinación de experiencia en postos de xestión de alta responsabilidade coa súa faceta de investigador, permitiulle optimizar a súa achega á RAE: primeiro como académico, logo como secretario e, desde o pasado 11 de decembro, como o director número XXX da corporación.

Pregunta.- É académico da RAE desde 2008, ocupando o sillón D, que coincide coa letra inicial do seu nome de pía.
Resposta.- En efecto, tomei como bo agoiro o feito de que me tocase o sillón da letra D, que pertenceu anteriormente a destacadas personalidades, como dous presidentes republicanos (Emilio Castelar, da I República; e Niceto Alcalá-Zamora, da II). Fun elixido en 2007, en 2008 ingresei, en 2009 nomeáronme secretario e hai uns días, director da Real Academia. Nesta traxectoria resultoume de gran utilidade a miña anterior experiencia en postos de responsabilidade, fundamentalmente no eido universitario, pero tamén noutras entidades, xeralmente fundacións vencelladas a escritores (Camilo José Cela, Torrente Ballester e Carlos Casares).

P.- O seu discurso de ingreso titulábase O Quixote antes do cinema. Que queda da obra cumio de Cervantes na sociedade actual?
R.- O Quixote converteuse nun auténtico mito da literatura universal, e Cervantes é un deses poucos escritores -equiparado a Shakespeare e por riba doutros grandes autores clásicos, modernos e contemporáneos- que todos temos en mente. A creación dos personaxes de Don Quixote e Sancho tivo unha enorme influencia no mundo de literatura e das imaxes; a iconografía que rodea a estas dúas figuras xurdiu moi cedo, en forma de ilustracións, pero tamén de pantomimas, debuxos, caricaturas, pinturas… E iso continúa ata hoxe, de tal xeito que a imaxe do cabaleiro andante e o seu escudeiro está incluso no imaxinario colectivo das persoas non afeccionadas á literatura e que tampouco leron a novela de Cervantes. E xa en América, temos que falar de México, país ao que adoito referirme como a terra de promisión do Quixote, pois a súa presenza é fonda en todas partes, aínda que de maneira moi especial nunha vila colonial moi fermosa, chamada Guanajuato, onde abriron o Museo Iconográfico do Quixote -único no seu xénero- e celebran unhas Xornadas Cervantinas internacionais; nas prazas da cidade represéntanse continuamente pezas de Cervantes e os actores e as actrices que interveñen son xente do pobo, de todas as idades. 

P.- O terceiro centenario da RAE contribuíu a dinamizar a institución, que moitos consideran estática. Limpa, fixa e dá esplendor ao idioma?
R.- Ese foi o lema que os académicos, logo de considerar unha serie de propostas, acordaron nunha votación secreta en 1715. A Academia da Publicidade, para renderlle homenaxe ao tricentenario da RAE, fixo un spot utilizando precisamente ese lema coma se fose un eslogan, e a verdade é que algo había diso. Probablemente os académicos fundadores, sen decatarse, estaban a sentar as bases da que sería a primeira proposta dun lema autenticamente publicitario. Discutíronse outros, concretamente houbo un que tivo os seus defensores e que foi unha sorte que finalmente non se elixise: “Aproba e reproba”, un lema que significaría desde o principio que a Academia adoitaba un papel de policía da linguaxe, algo que non resulta convinte e que nós nunca promovemos nin aceptamos. En canto a “limpar”, a Academia procura emitir o seu informe cando no idioma prodúcense entradas de termos que non son os óptimos, que están moi contaminados por outras linguas; aínda que o fenómeno do préstamo entre linguas é absolutamente normal e non se debe tomar nunca como algo radicalmente pernicioso. Por outra banda, Ferdinand de Saussure -no Curso de Lingüística Xeral- fala precisamente do papel de “fixar” que ten a gramática, pero tamén o dicionario e a ortografía. E no que se refire a “dar esplendor”, hai que lembrar que na Academia hai un número considerable de sillóns ocupados polos escritores máis notables do momento, e foi así desde o século XIX, pois no XVIII non había apenas escritores de renome, senón máis ben persoas dedicadas ao traballo lexicográfico e gramatical. 

P.- Algo está cambiando na Real Academia.
R.- Coido que si; é certo que existe un estereotipo referido a ela, que a identifica cunha organización vetusta, arcaizante, pouco dinámica, etc. Iso callou nunha especie de tópico que ten algúns visos de realidade en relación ao pasado, pero que agora nos acompaña como unha especie de lousa da cal é moi difícil librarse. A única solución é seguir o noso criterio e agardar a que a percepción externa vaia cambiando. A Academia é unha institución que, desde os anos 80 do século pasado, acomodouse con rapidez ás novas tecnoloxías porque lle ía moito niso; agora o noso dicionario ofrécese na Rede a través da páxina web e ten millóns de consultas. Contamos con máis de medio millón de seguidores en Twitter e, por todo iso, debemos respostar ás expectativas depositadas nesta institución, que leva funcionando 300 anos e que ten un cometido sustantivo que imos seguir mantendo: elaborar os códigos da lingua, a gramática, o dicionario e a ortografía. E tamén estamos a revitalizar moito un aspecto contemplado nos estatutos fundacionais da Academia, pero que quizais non acadou o desenvolvemento que debería: a atención á creación literaria, sobre todo da tradición da nosa literatura. Por exemplo, nestes intres temos un proxecto moi ambicioso, que é a Biblioteca Clásica da RAE, consistente en 111 títulos seleccionados, comezando con El Cantar del Mío Cid e rematando con Los Pazos de Ulloa, de Emilia Pardo Bazán.

P.- Non lle parece que hai poucas mulleres na RAE?
R.- Por suposto, pero a historia non se pode reescribir. A mediados do século XVIII a Academia nomeou a unha primeira socia “honoraria”, a aristócrata María Isidra de Guzmán y de la Cerda, que finou moi nova, aos 35 anos de idade. Ás veces penso que se empezou moi ben con aquela designación e que logo se torceron as cousas; así, no século XIX, cando Gertrudis Gómez de Avellaneda, unha escritora do romanticismo hispanoamericano, aspirou a ingresar, recibiu unha mala resposta por parte dos académicos de entón. Case medio século despois, sucede algo parecido con Emilia Pardo Bazán, que tamén é rexeitada pola institución coa mesma resposta: “Non hai lugar para señoras”. De feito, a primeira muller que formou parte da Academia foi Carmen Conde, que pronunciou o seu discurso de ingreso en 1979. Seguírona Elena Quiroga, Ana María Matute, Carmen Iglesias, Margarita Salas, Soledad Puértolas, Inés Fernández Ordoñez, Carme Riera e Aurora Egido. De todos xeitos, hai que dicir que en L'Académie Française, a primeira muller que ingresou foi Marguerite Yourcenar, en 1981, co que no país veciño a incorporación da muller foi posterior. 

P.- Investigador ou xestor cultural?
R.- As dúas facetas, pois supoño que obedece á dualidade que temos os Xéminis (nacín un 5 de xuño) e, no meu caso, dáse entre o traballo intelectual, como profesor e estudoso, e a xestión -non só cultural, senón tamén educativa- dunha gran universidade como a USC, que na miña época de reitor chegou a ter máis de corenta e cinco mil estudantes.

P.- Con que se queda da súa etapa á fronte da USC?
R.- Con todo. Foi a etapa máis plena, feliz e intensa da miña vida. Aínda que non era un posto fácil; en primeiro lugar, tiven que gañar as eleccións, competindo co reitor de entón, Ramón Villares, e catro anos despois, fun candidato único, non houbo ninguén que me disputase o reitorado, o cal facilitoume enormemente as cousas. Iso non quere dicir que fosen oito anos sen dificultades ou situacións complexas. Visto na distancia, deixoume unha pegada moi positiva; creo que de todo podemos obter experiencias que se aplican despois á vida. Actualmente, na miña etapa da Academia, decátome de que todo aquilo serviume para entender tamén os problemas que conleva a xestión cotiá dunha institución.

P.- Ten unha ampla bagaxe internacional. Cóntenos algunha anécdota.
R.- Tiven a sorte de percorrer os cinco continentes por razóns profesionais, como profesor visitante ou como conferenciante. E en todas partes atopei algún paisano galego, dedicado ás máis diversas actividades, pero sempre aclimatado ao seu lugar de residencia ou de traballo, enormemente solidario e receptivo co forasteiro. É unha vivencia común a case todas as miñas viaxes.

P.- Que pensa sobre as sucesivas reformas educativas?
R.- É unha auténtica calamidade, un dos prexuízos máis grandes causado á nosa sociedade, ao seu equilibrio, crecemento e progreso. A educación ten que ser estable, froito de pactos e cun alto nivel de consenso entre as distintas opcións políticas que nos gobernan lexitimamente. É imprescindible separar educación de ideoloxía; o feito de que o cambio de maioría no Congreso supoña a promulgación dunha nova Lei de Educación, dá a entender precisamente o contrario. Desta forma, lonxe de ser un tronco fundamental e estabilizador da sociedade, o sistema educativo fica sometido a distintas perspectivas ideolóxicas. E iso non é bo.

P.- Parece que os políticos esquecéronse da cultura.
R.- É unha consecuencia da consideración puramente economicista das cousas. Na miña etapa de reitor, cando tiña que pronunciar discursos en actos institucionais e ante a presenza de altos representantes do poder executivo, sempre mencionaba os estudos dos economistas que interpretan que o gasto en educación é, en realidade, un investimento; o que se gasta no sistema educativo redunda na formación das persoas que, deste xeito, conseguen unha posición profesional destacada, cuns ingresos superiores á media e, en consecuencia, uns retornos fiscais que permiten recuperar ao Estado o investimento inicial na formación deses individuos. É absurdo aplicar o mesmo criterio de rendabilidade, de obrigado cumprimento no caso dunha empresa comercial, a sectores como a cultura ou a educación. Desde os estudos da Escola de Frankfurt (Max Horkheimer, Theodor Adorno, Walter Benjamin…) xa se manexa o concepto “industria cultural”, entendida como capacidade para producir bens culturais en forma masiva; a cultura é, efectivamente, unha industria e acada unha porcentaxe moi significativa en relación ao PIB.

P.- Rematará algo ou alguén cos libros?
R.- Esa é unha vella canción que comezou a soar en 1962, cando Marshall McLuhan publicou A Galaxia Gutenberg, onde anunciaba que a era iniciada pola invención da imprenta, a mediados do século XV, chegaba ao seu fin pola irrupción da Galaxia Marconi ou Aldea Cósmica, caracterizada polo medio televisivo e as innovacións tecnolóxicas que comezaron no XIX co telégrafo, e seguiron máis tarde coa chegada do teléfono, a radio e a televisión. E el foi o primeiro en anunciar a morte do libro, pero esa defunción non se produciu aínda, senón ao contrario: hoxe escríbense, edítanse, véndense, mércanse, róubanse, pirateanse, plaxianse, critícanse, estúdanse e ensínanse máis libros que nunca na historia da humanidade. O concepto de libro non é unitario; o libro impreso continuou a tradición dos manuscritos, que tiñan soportes distintos (papiro, pergamino, tabliñas de cera ou barro, etc.). E agora o libro electrónico, sen dúbida, vai convivir co libro de papel e é presumible que no noso século coexistan ambos os dous soportes. Non son apocalíptico neste senso e coido que o libro vai ter, loxicamente, unha longa vida.

P.- Lese moito ou pouco en España?
R.- Temos unha tendencia ao pesimismo nesta cuestión e os índices de lectura que hoxe se poden establecer non resisten a comparación cos mesmos índices dos países do centro e norte de Europa, de gran desenvolvemento económico, social e cultural. Pero tampouco a situación española é absolutamente desesperada, hai unhas estatísticas que falan dunha porcentaxe de lectores que supera o cincuenta por cento. Se imos a cortes de idade, atopámonos cun dato moi interesante: os nenos e os mozos len máis, quizáis niso inflúa que están no ámbito educativo e a educación promove a lectura. Sería moi interesante que se puidese manter ese mesmo nivel de lectura cando son adultos. En definitiva, España pode e debe crecer aínda máis en índices de lectura, pero está nunha zona media razoable. Deberiamos ter ambición e dar o salto para situarnos ao nivel deses países que antes mencionaba.

P.- Que opinión lle merece a tendencia de non incluír a escritores con obra en español dentro da literatura galega?
R.- O asunto temos que enfocalo dunha maneira moi obxectiva e que non é, de ningún xeito, polémica. O concepto de literatura galega está vencellado á lingua na que se produce esa literatura; e a literatura é, fundamentalmente, lingua. De modo que literatura galega é a escrita en galego. O cal non quere dicir que Torrente Ballester, por exemplo, non sexa un escritor galego, porque nese intre xa pasamos a outro nivel de designación; é un escritor galego, non só porque naceu e viviu en Galicia, senón porque unha parte considerable da súa obra está ambientada en Galicia. E non só por cuestión de localización ou dos personaxes, senón pola percepción do mundo que o escritor reflicte; no caso de Torrente, manifesta tamén esa condición súa de galego. Como filólogo, non vexo ningunha polémica nesta cuestión; de feito, dirixín -e dígoo sen presunción- a historia da literatura galega máis completa que se editou ata o momento, dentro do Proxecto Galicia, que publica Francisco Iglesias en A Coruña, na Editorial Hércules; son cinco volumes nos que colaboran moitos novos investigadores da literatura, cada un co seu capítulo. Neses tomos non hai un capítulo para Cela por razón obvia: a literatura galega é a que se escribe en galego; pero sí temos outro tomo dedicado exclusivamente aos escritores galegos que escriben en castelán. O problema non é dicir que calquera destes escritores non pertence á literatura galega; son escritores galegos, é un matiz absolutamente distinto. Se Joseph Conrad non pertence á literatura polaca, senón que forma parte da literatura inglesa, é porque -aínda sendo polaco- escribiu en inglés, e a lingua condiciona a adscrición dun autor a unha determinada literatura. Ás veces atopámonos cunha especie de imputación culposa contra estes escritores galegos, polo feito de escribir en castelán, e paréceme unha aberración total e absoluta, non ten o máis mínimo sentido, mírese por onde se mire. Igual que penso que os rusos non deberían considerar a Vladimir Nabokov un traidor polo feito de escribir Lolita en inglés, e que sexa un dos escritores máis importantes da literatura inglesa do século XX. Ou o caso de James Joyce, que é un escritor irlandés por todos os poros da súa pel, que escribe a gran novela de Dublín que é o Ulysses, e faino en inglés, non na lingua irlandesa.

P.- Que acordanzas garda da súa adolescencia en Vilalba? 
R.- O meu pai é asturiano e, cando nacín, exercía de xuíz en Luarca; eu fun nacer a Vilalba porque a miña nai era chairega, pero crieime en Asturias. Logo o meu pai trasladouse como xuíz a Lugo e, no ano 70 destinárono a Coruña, onde se xubilou como maxistrado. Naquela época eu xa estaba na universidade, así que podemos dicir que son, nese senso, un coruñés bastante intermitente e escaso. Pero en Vilalba pasei longas tempadas e tamén os momentos máis felices da miña infancia e adolescencia. Estoume a referir a unha parte considerable do verán, e logo tamén ao Nadal e a outras vacacións. Alí tiña o meu círculo de amigos, e algúns tampouco residían en Vilalba todo o ano, senón que nos xuntabamos alí de cando en vez. A vinculación coa miña familia materna foi intensísima. O meu avó Darío, do que herdo o nome, era unha persoa extraordinariamente interesante: estivo en Cuba, marchouse sendo un raparigo, permaneceu na illa uns vinte anos, e cando fixo un pequeno peto, voltou para instalarse e casar coa miña avóa. É dicir, foi dos emigrantes que retornaron coa maleta suficientemente chea e, por suposto, moito antes desoutro momento -tan doloroso para moitos dos nosos paisanos- derivado da Revolución castrista, que lles fixo, nalgúns casos, perder as propiedades. O meu avó regresou nos anos vinte, cunha visión do mundo moi marcada por esa enorme experiencia; un mozo de San Xoán de Alba que, de súpeto, sendo un neno, déixano caer na Habana, descobre alí a gran cidade, a modernidade, a circulación do diñeiro, as prácticas económicas que van máis aló dunha economía agraria, etc. Unha magnífica universidade da vida. E traía esa impronta consigo a Vilalba, onde desenvolveu a súa actividade. Eu mantiven sempre o meu vencello coa vila, pois alí teño practicamente case todo o meu arquivo persoal e tamén unha parte moi importante da miña biblioteca, en dúas casas da familia; e, por suposto, alí vive a miña tía Pilar, coa que manteño unha fonda relación de agarimo, afecto e gratitude.

24 de dec. de 2014

A Deputación apoia ao Pentatlón e Triatlón

Redacción.- O vicepresidente e responsable de Benestar e Deporte da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, vén de asinar un convenio de colaboración coa Federación Galega de Pentatlón Moderno e Triatlón por valor de 24.000 euros. Esta axuda, de carácter excepcional, servirá para sufragar un ano máis parte dos gastos derivados da promoción polos centros escolares da provincia de Lugo que fai esta federación das dúas modalidades deportivas que abrangue. No acto de sinatura participou o novo máximo mandatario desta federación, Óscar José Surís Regueiro, que veu acompañado de varios membros da xunta directiva que preside.
O responsable de Deportes, Antonio Veiga, valorou a importancia da continuidade deste convenio de colaboración cunha das federacións cuxos deportistas mellor representan ao país. “Galiza é unha potencia mundial no mundo do triatlón e en Lugo, tanto o triatlón como o pentatlón moderno, gozan dunha ampla implantación e ano tras anos véñennos dando alegrías a todos os lucenses, ademais de conseguir que moitos rapaces e rapazas se acheguen a facer deporte, un dos obxectivos primordiais que sempre nos marcamos dende a Área de Benestar Social e Deporte”, indicou.
Esta colaboración é unha das máis que mantén nos últimos anos á Área de Deporte do organismo provincial con federacións deportivas galegas, “co fin de apoiar economicamente iniciativas de promoción do deporte dende a base, facendo especial fincapé naquelas modalidades que se cadra se consideran minoritarias pola súa repercusión mediática, pero que, non obstante, en Lugo ou Galiza contan con número notable de practicantes”, explicou o vicepresidente provincial.
Durante os últimos meses, a Federación Galega de Pentatlón Moderno e Triatlón centrou o seu traballo nos colexios dos concellos de Lugo, Meira, Abadín, Mondoñedo, Lourenzá, A Pastoriza, Viveiro e O Vicedo. Alí desprazaron ao seu persoal e o material deportivo necesario para que os estudantes, de distintas idades, puidesen coñecer máis de preto os dous deportes, así como as súas diferentes modalidades (biatlón, acuatlón, etc.). Esta federación, aproveitando a experiencia dos anos previos, deu un salto de calidade importante para achegar mellores seus deportes a todos os rapaces e rapazas da provincia.
Este traballo de campo levado a cabo por técnicos desta federación busca tres obxectivos principais. Por unha banda promocionar estes dous deportes olímpicos (triatlón e pentatlón moderno), aumentar o número de licencias federativas nas escolas de triatlón e pentatlón moderno da provincia que participen nas probas que se disputen a nivel autonómico e en todo o Estado e continuar inculcando aos rapaces o deporte como sinónimo de benestar, solidariedade e saúde.

23 de dec. de 2014

A Voz de Vilalba en papel


Redacción.-

Vén de saír do prelo o novo número especial (e xa van seis) de A Voz de Vilalba editado en papel, o mesmo que nas ocasións precedentes. Esta vez contamos cunha entrevista de Moncho Paz a Darío Villanueva, nomeado recentemente director da RAE, e artigos de Antón Baamonde, Helena Villar Janeiro, Xosé Manuel Pacho e Mario Paz González.

Como en ocasión anteriores, pode descargarse picando na imaxe que acompaña a este texto, nesta ligazón ou na nosa Hemeroteca, no apartado adicado aos números especiais da publicación.

    22 de dec. de 2014

    O galego, un arma cargada de futuro

    Xosé Manuel Pacho.-

    Veño de ver estas semanas a polémica xurdida polas diferentes enquisas que falan sobre o emprego da nosa lingua, e veño de ver tamén a preocupación e o derrotismo entre moitos dos que sentimos sinceramente o galego. Con todo, eu non podo estar máis en desacordo.

    Non é un problema de sentimentalismo, é unha cuestión de conquista de espazos para a nosa lingua e de superación de barreiras. Nunca houbo máis xente preparada comprometida coa lingua galega. Nunca houbo tantas investigacións como agora feitas en galego, tantas aulas na universidade que se desen en galego, tantas publicacións… Nós estamos vivindo no soño imposible, na utopía das xeracións anteriores no que atinxe á nosa lingua. Por suposto que debemos ser autocríticos e dende logo a situación non é doada, pero sen dúbida é moito mellor.

    Anímovos a que vexades onde comeza a historia literaria da nosa lingua, a historia moderna, claro. Anímovos a que comprobedes cal era a lingua de comunicación dos escritores do Rexurdimento, a lingua que empregaban os escritores da Xeración Nós. Hai pouco, no Arquivo Sonoro de Galicia que nos proporciona o Consello da Cultura Galega -algo tiña que facer co presuposto que ten- escoitaba unhas cantas conferencias de intelectuais “senlleiros”, como dirían Os da ría, e reafirmeime nesta convicción. Nunca estivemos mellor que agora.

    Acontece que a utopía dos devanceiros é tamén a nosa distopía. E nós vivimos nela. Nunha realidade onde un ten a sensación de que as institucións, as políticas e as culturais, podían facer máis. O problema que temos no tempo actual é que en demasiadas ocasións vístense de intereses de país o que non son máis ca intereses persoais. A Real Academia Galega debe reflexionar, e o Consello da Cultura Galega, e a Xunta de Galicia, e todas as institucións que tocan a nosa cultura.

    Pero tamén as editoriais galegas e as fundacións galegas. Subvencionadas e axudadas, subsidiadas, para despois non estar á altura, para pensar só en intereses caprichosos, personalistas, que non funcionan a longo prazo. E por suposto tamén nós, escritores, axentes culturais, intelectuais.

    Obviamente, debemos madurar como comunidade social, como cultura, como lingua. E dende esa maduración axudar a sociedade galega a superar algo que só se pode conseguir con paciencia, con determinación e con cordialidade: superar o autoodio. Ese autoodio que fai que moitos reneguen da súa lingua, que fai que moitos pensen que non se pode ser moderno dende o galego, que non se pode estar na vangarda. En definitiva, procurar a excelencia, procurar sermos os mellores nos diferentes campos, sen se conformar. Iso é madurar, e ese é o camiño que debemos trazar. O camiño da nosa cultura, da nosa lingua, da nosa historia no século XXI aínda está por escribirse.

    Hoxe máis ca nunca atopámonos persoas que, dende o seu amor pola lingua, poden servir de modelo social. En todos os campos, e dende unha experiencia que procura ser universal. E temos un exemplo a seguir, Catalunya.

    Por iso, digo que endexamais tivo o galego máis futuro que no tempo actual. Agora só temos que traballar, sempre sendo autocríticos para avanzar e construír a nosa nova utopía.

    21 de dec. de 2014

    Baldo Ramos na Galería Soho

    Redacción.-

    Desde o 18 de decembro ao 31 de xaneiro de 2015 pódese visitar na Galería Soho, na praza de Compostela 8, de Vigo, a exposición individual do poeta e artista plástico Baldo Ramos.

    Baldo Ramos comezou a pintar no ano 1993 pola necesidade de establecer pontes entre a escrita e a plástica, expoñendo por primeira vez no ano 1994 en Santiago de Compostela. Ten colaborado como poeta e ensaísta en diferentes iniciativas editoriais como Grial, Anuario de Estudios Galegos, Ólisbos, Casa da Gramática, Río Arga, Luces y sombras ou Dorna; e como ilustrador de obras literarias para Follas Novas Edicións, Centro Ramón Piñeiro, Espiral Maior, Dorna, Boletín Galego de Literatura, Faktoría K ou Kalandraka, así como o libro Mongólia: umha entidade estatal rugosóide (2001) de Ígor Lugrís.

    É autor de máis de douscentos libros de artista de exemplar único.

    Convenios co benestar, o deporte e a cultura

    Redacción.-

    O vicepresidente e responsábel de Benestar e Deporte da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, anunciou onte na rolda de prensa posterior á xunta de goberno do organismo provincial a aprobación de catro convenios por unha contía global superior aos 120.000 euros. A partida máis importante irá destinada ao Club Deportivo Foz, que recibirá 45.034 para realizar distintos obras de mellora no estadio Martínez Otero. Entre os arranxos destaca o arranxo de parte das deterioradas cubertas do campo de fútbol focense. “O vello estadio Martínez Otero é un campo histórico dentro da comarca da Mariña. Foi construído xa nos anos 50 e cremos que estas reformas que se van levar a cabo son máis que necesarias, xa que ademais dos encontros do primeiro equipo do CD Foz, durante o ano acolle varios campus e torneos nos que participan moitos nenos e nenas”, explicou Antonio Veiga.

    Así mesmo, indicou que “estes traballos van na liña de manter as instalacións existentes, independentemente de que na medida das posibilidades apostemos por facer instalacións alí onde sexa preciso e orzamentariamente posible. É importante colaborar neste tipo de actuacións, sobre todo polas dificultades que teñen os concellos para acometer este tipo de obras”, asegurou.

    Mentres tanto, o Concello de Monforte recibirá 28.500 euros que servirán para sufragar os gastos dun proxecto que pretende eliminar as barreiras arquitectónicas que aínda existen na cidade do Cabe. “Dende a Vicepresidencia Primeira estamos moi concienciados con todas as cuestións relacionadas co Benestar e cremos fundamental facerlle máis doada a vida ás persoas con discapacidades físicas e permitirlle que podan desenvolver a súa vida diaria en igualdade de condicións que o resto de cidadáns. Un dos atrancos principais cos que aínda se atopan en moitos lugares son as barreiras arquitectónicas e unha das nosas liñas de actuación sempre foi intentar acabar con elas, de aí que colaboremos co Concello de Monforte neste proxecto”, apuntou Antonio Veiga.

    Deses máis de 120.000 euros, un total de 20.000 irán destinados á Asociación de Veciños Santa Lucía de Candia, no Concello de Abadín. Servirán para financiar os gastos derivados do arranxo do local social. “As asociacións de veciños de núcleos pequenos e rurais fan unha labor social sobresaínte á hora de ofrecerlle aos seus asociados actividades culturais, deportivas, recreativas ou de tempo libre. Dinamizan o rural e tamén é unha aposta nosa levar servizos a eses concellos máis pequenos”, remarcou o vicepresidente provincial.

    O último convenio terá como beneficiario a Vía Láctea Filmes, que recibirá unha axuda de 30.000 euros. “Trátase dunha subvención plurianual, entre os anos 2014 e 2015, para colaborar nos gastos do proxecto denominado ‘A Esmorga’, unha película que xa leva varias semanas en carteleira e que goza de todos os parabéns da crítica. Hai que facer o posible por difundir a nosa cultura e este é un proxecto moi bo para facelo, colaborando ademais co noso audiovisual”, expuxo Veiga, quen recordou que moitos das escenas do filme “tiveron á provincia de Lugo como escenario, nomeadamente o Pazo de Tor, en Monforte, onde sucede unha parte importante da trama”, expuxo.

    Substitución dun médico na Pobra do Brollón

    O vicepresidente provincial aproveitou esta rolda de prensa para abordar outros temas de actualidade na provincia de Lugo. Primeiramente referiuse á situación do centro de saúde da Pobra do Brollón. “O grupo de goberno tomou un acordo esixindo á Xunta de Galiza a substitución do médico que se atopa de baixa por enfermidade na Pobra do Brollón. Hoxe o alcalde de Brollón, Xosé Lois Maceda, está na sede do Valedor do Pobo presentando unha demanda ao respecto. A Pobra do Brollón tiña tres médicos no 2011 e actualmente, desde agosto, só hai un. Demandan substituír ao que está de baixa, tendo en conta ademais que son un dos pobos máis envellecidos de Lugo (o 60% da poboación supera os 65 anos). Rexistraron tamén na sede do Valedor as 364 sinaturas dos veciños reclamando este servizo”, explicou Veiga.

    O vicepresidente provincial criticou que “curiosamente, por parte do Sergas recibiron unha resposta xenérica, que parece que é de corta e pega, porque ata se enganan e aparece polo medio un Riotorto. Aí se ve o interese que ten o Sergas e a Xunta polos concellos de pouca poboación, que día a día perden servizos, ademais de atiborralos de datos e falarlles de isócronas, que ademais non son reais. É moi fácil desde Santiago, sobre o papel, dicir que dunha parroquia á outra se chega en determinados minutos, pero cando topas coa realidade, non é así. Parece que o PP e o goberno da Xunta descoñecen por completo a provincia de Lugo e fanlle caso omiso aos seus veciños”, manifestou.

    Sanidade pública da provincia en perigo

    Veiga apoia esta afirmación do desinterese do PP pola provincia na xestión da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) do HULA. “Desde logo, a sanidade pública de Lugo está en perigo por culpa do PP. Non temos máis que ver o tratamento que se lle deu a esta ILP, con 42.000 sinaturas, unha das que obtivo máis respaldo social, con sinaturas nun papel que o goberno autonómico vén de converter en papel mollado, baleirando de contido a iniciativa orixinal”, indicou.

    “Burla e ninguneo aos asinantes da ILP e ao resto de veciños da provincia”

    Por isto, continua Veiga, “concluímos que o PP é un perigo para a sanidade público e a saúde dos e das lucenses. Podemos dicir que é un produto ou un partido tóxico. Nós non imos permitir que se burlen e ninguneen a eses 42.000 asinantes e ao resto de veciños da provincia de Lugo e amordacen a súa voz”, aseverou.

    Dique norte de Alcoa e tarifa eléctrica

    Finalmente, tocou dous temas referentes a Alcoa, o dique norte e a tarifa eléctrica. “O PP vén de rexeitar unha vez máis no Congreso dos Deputados unha proposta do BNG a respecto da apertura do dique norte de Alcoa. Hai posicionamentos unánimes deste goberno provincial nos que se pedía a liberalización dese dique norte, é dicir, rescatalo da concesión que a multinacional Alcoa ten ata o 2022. Consideramos, ao igual que o tecido industrial da zona, que co seu rescate se podería crear un novo porto para dar saída á cantidade de materia prima que se xera na provincia (caolín, madeira e outras mercancías). Reúne as condicións, hai un estudio de viabilidade do 2010 de Portos de Galicia, no que recoñece que se pode converter en poucos anos nunha autovía do mar, como Xixón ou Vigo. No medio destas podería haber unha terceira autovía do mar, que sería este porto do dique norte de Morás e sería un avance importantísimo para A Mariña”, sinalou.

    Esta situación entróncase tamén “coa que está vivindo a comarca e Alcoa, polos lóxicos temores que hai visto o que ocorreu na poxa eléctrica coas factorías que esta multinacional ten na Coruña e Avilés. Entendemos que isto é apostar polo futuro e apostar polo futuro tamén é demandar unha tarifa eléctrica propia. Ninguén pode entender que un país excendentario en produción eléctrica non teña enerxía para as empresas de aquí ou que se instalan no noso territorio”, apuntou.

    Tamén di que “non se entende tampouco que, producindo en Galiza a enerxía, esta custe o mesmo aquí que en Madrid, cando a hai que transportala 500 quilómetros. Noutras comunidades non teñen este problema, como por exemplo en Euskadi, xa que contan cunha tarifa propia e dominan os seus recursos. Nós sempre defendemos estas dúas actuacións e seguirémolo facendo”, concluíu.

    A Chaira con Cuba no corazón

    Antón de Guizán.-

    Está de actualidade a nova da recomposición das relacións diplomáticas entre Cuba e os Estados Unidos que pode levar á suspensión definitiva do bloqueo que manteñen os USA á illa desdenos anos 60. Unha boa nova para os cubanos e unha boa nova para os galegos que entendemos que máis aló de diferencias políticas, os dereitos das persoas non deben ser conculcados.

    Os galegos temos unha grande relación con Cuba, un país que nos acolleu e co que construimos lazos estreitos á marxe dos estados, un país omde milleiros de familias conservan aínda parentes produto do asentamento consecuencia da emigración masiva.

    Pero si a relación Galiza-Cuba é innegable, a da Chaira é si cadra aínda máis intensa máis dependente. Eu mesmo tiven un tío avó (o capitán Piñeiro) que.participou na Guerra de 1898 e o meu avó materno (Jesús de Guizán) emigrou dúas veces á illa. Tíos do meu pai tamén emigraron e manteño alí familia aínda, e coma min, milleiros de Chairegos.

    En Lanzós, San Simón, Santaballa, Os Vilares é numerosas parroquias da Chaira hai casas escolás habaneras construidas con cartos de emigrantes en Cuba para alfabetizar e educar aos rapaces daquel tempo, nunha obra sin precedentes e aínda hoxe, galegos e descendentes de Chairegos emigrados conservan sociedades das parroquias de orixe.

    Cuba representa incluso para os que nunca a pisamos, un lugar no noso corazón, como tamén o representou para Manuel Fraga no seu momento por riba das diferencias ideolóxicas apoiando as relacións coa illa por diante dos intereses do seu.partido e dos poderes fácticos.

    Os Chairegos, sabemos do sentir, sabemos agradecer e lembrar e precisamente por eso, alégranos que Cuba, os cubanos progresen na súa felicidade, no seu benestar e nesa independencia que souberon defender sempre con sacrificios, erixíndose nese pequeno Davide que ten resistido contra o Goliat heroicamente.

    Este acordó cos EE.UU. Presididos por Obama, pon en.evidencia o radicalismo de gobernantes americanos do pasado e a cegueira política de España, que queda mal posicionada por esa teima reaccionaria de gobernos do PP desde Aznar, que.non entenden de humanidade nin de historia. Eses non merecen aos cubanos nin merecen aos galegos.


    Parabéns á razón e á convivencia o bó para Cuba e os cubanos énchenos de alegría e satisfacción aos Chairegos.



    Fotos: Jesús de Guizán é casa escola habanera de Lanzós (101 anos).

    Presentación de "Código Mariano" en Vilalba

    Redacción.- O profesor de Ciencias Políticas da USC, Antón Losada (Xove, 1966) estará o venres 26 de decembro na capital da Terra Chá para presentar o seu último libro. Baixo o suxerente título Código Mariano, con humor e ironía pretende descifrar a complexa personalidade de Rajoy, un dos políticos de comportamento máis enigmático. O libro divídese en cinco grandes bloques: a vida de Mariano, o partido segundo Mariano, a política segundo Mariano, o Goberno segundo Mariano e o Marianismo segundo Mariano. O acto celebraráse na Casa da  Cultura ás 20:30 horas e Antón Losada estará acompañado polo xornalista Moncho Paz, editor de A Voz de Vilalba, e por Manuel Castro Santamariña, presidente do Instituto de Estudos Chairegos. 

    18 de dec. de 2014

    Microrreservas en Melide e no Caurel


    Redacción.-

    O vindeiro sábado 20 de Decembro de 2014 no C.E.N “Casa das Insuas”, coincidindo coa Asemblea Xeral da AGCT, terá lugar a intervención de dous especialistas en flora de Galicia que presentarán os avances no proxecto de microrreservas nas áreas de Melide e do Courel. Estas charlas, previas á asemblea, serán abertas ao público en xeral.

    O programa será o seguinte:

    16:00 h. Dúas ferramentas para a conservación da flora ameazada: a Custodia do Territorio e as Microrreservas de Flora

    Martiño Cabana - Asociación Galega de Custodia do Territorio


    16:30 h. Flora endémica dos afloramentos serpentínicos do centro de Galicia

    Juan Rodríguez Oubiña - Universidade de Santiago de Compostela


    17:30 h. Microrreservas de orquídeas do Courel

    Carlos Cortizo (Coautor da guía das orquídeas de Galicia)

    17 de dec. de 2014

    Dopaxe, alcol, drogas e condución


    Redacción.-


    O salón de actos da Casa da Cultura da Pastoriza foi escenario esta mañá da presentación das ‘Xornadas sobre dopaxe, alcol, drogas e condución’, que terán lugar a fin de semana do 27 e o 28 de decembro na Casa da Cultura e nas instalación do circuíto existente na localidade pastoricense. No acto de presentación participaron o responsable de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro; a tenente de alcalde da Pastoriza, Elva Carrera; e Antonio Solorzano, responsable de PTC Escola de Condución.

    As xornadas divídense en dous bloques. Por un lado están os coloquios, no que expertos na materia e pilotos expoñerán a súa visión sobre os distintos aspectos en torno aos que xiran estas xornadas, e polo outro atópanse as probas con vehículos acompañados destes pilotos profesionais.

    “Dende a Vicepresidencia Primeira da Deputación colaboramos con estas xornadas porque consideramos que ser moi beneficiosas para os participantes, xa que nelas se vai tratar a importancia do xogo limpo no deporte do motor e o problema que pode supoñer a combinación de sustancias dopantes, drogas ou alcol, que son unha auténtica bomba en potencia”, sinalou Mario Outeiro.

    O responsable de Cultura e Turismo do organismo provincial destacou a presenza de “destacados pilotos, que son referencia neste mundo en toda a provincia, en Galiza e mesmo no resto do Estado. Eles mellor que ninguén poderán dar consellos importantes á hora de situarse diante do volante dun vehículo que vai coller velocidades moi altas”, apuntou Outeiro.

    Participación de especialistas e pilotos profesionais
    Nas xornadas, como adiantou Mario Outeiro, tomarán parte especialistas no mundo do automobilismo e pilotos profesionais como os irmáns Sergio e Diego Vallejo, Pedro Burgo, Adrián Díaz, Pablo Silva, Avelino Basanta, Álvaro Muñiz, Esteban Vallín, Jairo Castro, Juanjo López ou Carlos Casanova. Eles ofrecerán as súas experiencias no mundo do motor e serán partícipes das accións formativas que se levarán a cabo durante toda a fin de semana.

    Dous coloquios
    O evento arrincará o sábado con dous coloquios sobre drogas, alcohol e o xogo limpo no deporte, que contará coa participación de diferentes representantes de todas as partes implicadas no mundo do automobilismo. O primeiro coloquio, centrado na influencia das drogas e o alcol na condución, dará comezo ás 11 da mañá, mentres que o segundo, a partir das 13 horas, xirarán en torno á dopaxe e o xogo limpo neste deporte. Ambos os dous terán lugar na Casa da Cultura da Pastoriza.

    Probas con vehículos e sorteos
    Xa pola tarde, entre ás 15:30 e as 18:30 horas desenvolverase na praza do Concello distintas sesións nas que os participantes poderán probar cos seus pilotos favoritos. Pecharanse as xornadas o domingo pola mañá no circuíto. Das dez da mañá ás dúas da tarde, os participantes poderán rodar con distintos vehículos e levaranse a cabo diferentes sorteos, entre os que se inclúe un curso de condución e copilotaxe con pilotos profesionais.

    Darío Villanueva, novo director da RAE

    Redacción.-

    Darío Villanueva (Vilalba, 1950) foi elixido este xoves novo director da Real Academia Española (RAE) durante as eleccións que se celebraron no Pleno da institución, polo que releva neste posto a José Manuel Blecua.

    Villanueva tomou posesión en Madrid da cadeira de brazos 'D' da RAE o 8 de xuño de 2008, vacante tras a morte do filólogo Alonso Zamora Vicente. Durante a cerimonia de ingreso, o agora novo director pronunciou un discurso titulado 'O Quixote antes do cinema', co que abordou a preeminencia da literatura sobre o cinema.

    Desta forma, o até agora secretario da institución toma a substitución a José Manuel Blecua, quen foi elixido en 2010 por maioría absoluta, tras unha primeira sesión plenaria na que os académicos máis votados non conseguiron a maioría esixida en primeira instancia que establecen os estatutos.

    Naquel entón, Blecua substituíu a Víctor García da Concha, actual director do Instituto Cervantes, quen se mantivo neste posto durante 12 anos. O director saínte manifestou este mesmo xoves durante a súa intervención nas Xornadas do Futuro en Español, que se celebran en Valladolid, que non desexaba exercer de novo como director desta institución.

    Traxectoria e relevancia
    Nado en Vilalba no ano 1950, Darío Villanueva é na actualidade un dous principais teóricos e críticos literarios do Estado español. Fillo de asturiano e galega, a súa infancia transcurriu entre Luarca e Vilalba. Os seus estudos de bacharelato desenvolvéronse en Lugo, onde se trasladara a súa familia, que desde 1970 fixou definitivamente a súa residencia en A Coruña.

    Este ilustre vilalbés é profesor da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, como Catedrático de Teoría da literatura e Literatura comparada. E desde 2007, pertence á Real Academia Española, ocupando o sillón da letra D; o seu discurso de ingreso, lido o 8 de xuño de 2008, versaba sobre "O Quixote antes do cinema".

    É membro da Asociación Internacional de Hispanistas, da Sociedade Española de Literatura Xeral e Comparada -da que é Presidente-, da Asociación Española de Teoría da literatura (ASETEL) -que presidiu entre 1996 e 2001- da Sociedade Española de Semiótica e da Twentieth Century Spanish Association of America. Foi Secretario e posteriormente Decano da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela entre 1978 e 1990. En xuño de 1994 produciuse a súa elección como Rector desta e en maio de 1998 a súa reelección para un segundo e derradeiro mandato de catro anos.

    Asemade, Villanueva foi Profesor visitante da Escola española de Middlebury College (Vermont) en 1987; nos outonos de 1988 e 1993 da Universidade de Colorado en Boulder, a cuxo claustro pertence desde 1989 en calidade de Catedrático adxunto; e entre 1989 e 1991 da Universidade de Borgoña (Dijon). Durante máis de corenta anos escribiu en publicacións xeralistas e especializadas, destacando o seu labor como crítico literario do suplemento El Cultural do diario El Mundo.

    Pódese escoitar aquí a conferencia que o ano pasado deu Darío Villanueva en Vilalba sobre os 300 anos da RAE

    12 de dec. de 2014

    Escritos na floresta

    Redacción.-

    Hoxe venres 12 de decembro Ricardo Polín inaugurará a exposición "Escritos na floresta. Árbores senlleiras na cultura chairega", organizada polo Instituto de Estudios Chairegos, en colaboración co Departamento de Galego do IES Santiago Basanta Silva de Vilalba e co financiamento da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación Provincial. O acto terá lugar a partir das oito e media do serán.

    Ademais do propio autor, tamén participarán na presentación desta mostra Xosé Manuel Carballo, colaborador da mesma, e Manuel Castro Santamariña, presidente do IESCHA. Así mesmo, a violonchelista Paula Rancaño poñerá música ao recital poético denominado "Albre" con poemas e comentarios alusivos á simboloxía das árbores na cultura chairega e universal.

    A mostra, que se poderá ver ata o 11 de xaneiro no horario habitual do auditorio, está composta por un total de 56 paneis maquetados por Arturo Gómez Mato que recollen outras tantas árbores senlleiras de distintos sitios da Terra Chá. As árbores están clasificadas como "árbores históricas", "árbores monumentais" e "árbores literarias" identificadas con cadanseu anel "a raíz", "o tronco" e "as polas", respectivamente. Ademais, cada panel vai acompañado de fichas culturais específicas sobre cada unha destas árbores.

    Andando a terra, con Uxía


    Redacción.-

    O vicepresidente e responsable de Benestar e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, participou esta mañá na presentación do concerto ‘Andando a Terra’, que se celebrará o vindeiro martes 16 de decembro no Auditorio Gustavo Freire de Lugo coa colaboración duns 300 estudantes do Colexio Galén. No acto tamén estivo presente a propia artista, Uxía; a tenente de alcalde e concelleira de Cultura de Lugo, Carmen Basadre; e Catuxa Cela e Uxía Cribeiro, en representación do centro educativo lugués. Tamén tomou parte o músico Santi Cribeiro, que xunto ás dúas Uxías interpretaron “O Carro”, ofrecendo deste xeito un adianto do que se poderá escoitar a vindeira semana no Gustavo Freire.

    Neste traballo, que se publicou no 2012, Uxía cántalle a Manuel María, xa que versiona varios poema do autor chairego. Porén, a principal novidade deste concerto de Lugo é que a artista de Mos estará axudada por 300 alumnos do Centro Educativo Galén, que levan traballando coa obra de Manuel María varios meses. “Convidamos a todos e todas as lucenses a asistir a este concerto, que será especial, xa que contará con ese número importante de rapaces e rapaces e coa grande artista Uxía, que nos ofrecerán o seu traballo sobre Manuel María, o poeta nacional galego. Esta iniciativa debe ser compartida por todos para rememorar unha gran parte da poesía de Manuel María e que esta se siga transmitindo de xeración en xeración”, apuntou o vicepresidente provincial, Antonio Veiga.

    Catuxa Cela explicou que “Andando a Terra é un proxecto multidisciplinar cun espectáculo musical final, en colaboración con Uxía e o Colexio Galén, no que queremos traballar a figura de Manuel María. Traballámola nas aulas e logo levámola á parte máis musical, artística, na que se representan a través da danza, da plástica e da fotografía os diferentes poetas cantados por Uxía e acompañados nunhas ocasións polas cancións dos nenos e as nenas, e a danza”, indicou.

    Cela manifestou que o obxectivo fundamental deste proxecto “é achegarlle aos nenos e nenas a figura de Manuel María, tanto na súa parte poética como cultural, do contorno e da Terra Chá. E, ademais, representar a través da expresión corporal e das dramatizacións o que cos poemas nos quería transmitir e o seu traballo sobre a lingua e a cultura galega”, puntualizou.

    “Espectáculo novo, único, singular e moi emocionante”

    Pola súa banda, Uxía destacou que este recital “é un espectáculo novo, único e singular, con todos os alumnos e alumnas do Colexio Galén, partindo de ‘Andando a Terra’, un disco que fixen baseándome nos poemas de Manuel María. Creo que, aínda que xa é unha figura moi coñecida e popular, este concerto vai axudar a que os nenos se identifiquen con el como poeta poliédrico que é, con moitas caras, desde a máis lúdica ata a máis metafísica, pasando polo Manuel María máis comprometido”, sinalou.

    A cantante de Mos asegurou que Manuel María “foi un poeta realmente do pobo e agora é como se lle devolveramos todos o que el nos deu. Estamos nunha débeda permanente con el e penso que é moi bo que as novas xeracións coñezan a obra de Manuel María a través da música, que é unha maneira moi directa e intensa tamén de sentir a poesía”, explicou.

    Uxía aventurou que este concerto chegará aos corazóns dos asistentes. “Imaxino que vai ser moi emocionante ver a todos os nenos cantando, bailando, recitando a obra de Manuel María. Nas nosas cancións hai partes moi divertidas, onde eu creo que os nenos o van pasar moi ben, e hai outras máis profundas. En cada canción as profesoras e profesores do colexio, que traballaron moitísimo cos nenos, crearán momentos especiais”, destacou

    A interpretación de ‘O Carro’ poñeralle o broche de ouro

    Uxía tamén avanzou como finalizará o recital, que tamén será moi especial. “Remataremos todos no escenario cantando un tema emblemático como é ‘O Carro’, se cadra a canción máis coñecido das inspiradas nun poema de Manuel María, que é unha especie de homenaxe á Terra Chá. Eu creo que dende os de Infantil ata os maiores, van gozar moitísimo e nós tamén, porque é unha experiencia diferente. É a primeira vez que o faremos coa participación activa de todos os nenos e nenas do Colexio Galén, así que agradecemos moito este convite, que tamén nos servirá para divulgar o noso traballo. Estamos moi contentos de que este disco teña tanta vida e de que poida permanecer na memoria dos nenos e nenas de Lugo que asistan e participen neste concerto”, concluíu.

    A entrada será totalmente de balde, aínda que aqueles que queiran asistir deberán retirar previamente unha invitación.

    11 de dec. de 2014

    Marica Campo e Fuxan os ventos

    Antón de Guizán.-

    Os Vilares, a parroquia do poeta Díaz Castro ao que se adicou o día das letras deste ano e que no vindeiro fará xa 25 do seu pasamento, ferve de actividade e propostas.

    Un xoven poeta local, Jaki Quintela verá saír á luz un libro, DELTA, nos próximos días promovido pola A.C. Xermolos.

    Varios audiovisuais viron a luz este ano arredor do poeta do Vilariño, e o proxecto OS VILARES, LAREIRA DE SOÑOS, achegase ao final do documentario, dirixido por Cibrán Tenreiro e a publicación da que é autora Pastora Veres.

    Outras iniciativas como o premio Trapeiro de honra, web, e mesmo unha exposición de fotos históricas parabo vindeiro ano están en.marcha tamén vinculadas a este proxecto.

    No traballo de campo de Pastora e Cibrán fixose unha importante recopilación de documentos, testemuñas, fotografías e entre eles un poema de Marica Campo do ano 1974 adicado ao Señor Pedro, o Trapeiro dos Vilares que viaxou polo Incio, Lóuzara e O Courel e que paraba na casa de Marica sendo ela unha cativa. O poema, escrito a máquina e con apuntamentos a bolígrafo de Marica e Margarita Ledo foi proporcionado polo neto do señor Pedro, Luís de Patricio.

    A primeira idea foi musicalo, e quén mellor que os grandes, Fuxan os Ventos, para incluilo no documental.

    Fuxan acolleu a idea con ilusión e Marica axudou en apuntamentos e correccións e esta mesma fin de semana foi entregado ese precioso romance xa gravado en estudio a Pastora Veres por Moncho e Tereixa.

    Este tema estará incluido no documental na parte adicada aos trapeiros e formará parte do novo disco de Fuxan os Ventos. Ambos verán a luz nos primeiros meses do ano.

    Os trapeiros son un símbolo dos Vilares, coñecida en tempos cómo a parroquia dos trapeiros e don Pedro, representa aos centos de trapeiros que contribuiron a sacar adiante as súas familias e a xerar na vecindade un espíritu emprendedor e de traballo que aínda se conserva no presente.

    Don Pedro foi homenaxeado anteriormente polo director da Real Banda de Gaitas de Ourense, Xosé Luís Foxo coa muiñeira de Pedro Trapeiro, e persoeiros como Marica Campo adicaronlle artigos e mencións destacadas en pregóns, entre os que destacan tamén os dous de Xulio Xiz na Romería Labrega da Chaira.

    O proxecto Os Vilares, Lareira de soños, está a depararnos co pouco que sabemos aínda, agradables sorpresas cómo esta iniciativa e agardaremos ansiosos o libro, o documental e, como non, o romance de Pedro Trapeiro musicado por Fuxan os Ventos...

    A RAE terá hoxe novo director

    Moncho Paz.- O pleno da Real Academia Española (RAE) de hoxe, 11 de decembro, procederá á elección de catro cargos da súa Xunta de Goberno, tal como establecen os estatutos da corporación cando se producen vacantes por finais de mandato. Os postos sometidos a votación serán catro: director, tesoureiro, bibliotecario e vocal segundo. Calquera dos 41 membros que forman actualmente parte da RAE -hai cinco prazas vacantes das 46 coas que conta a corporación- pode optar a algún destes cargos, aínda que, seguindo as normas e a tradición académica, non se proclaman oficialmente candidaturas a eles. O candidato que máis soa hoxe en Madrid para acadar o posto de director é o académico e filólogo Darío Villanueva Prieto (Vilalba, 1950), actualmente secretario da RAE.


    De acordo co recolleito no artigo xxv dos vigentes estatutos da RAE, «para a validez da elección será necesaria a presenza da metade máis un dos académicos con dereito a voto». Neste mesmo apartado dos estatutos sinálase que «nas respectivas votacións sairá elixido o académico que obteña a maioría absoluta dos votos emitidos polos presentes e por quen, estando ausentes e contando con dereito a voto, o exerzan por escrito». Se ninguén acadase ese resultado, a maioría absoluta, «realizarase a semana seguinte (18 de decembro) unha nova votación coa participación dos presentes e ausentes con dereito a voto, na que só figurarán como candidatos os tres académicos máis votados na xornada electoral anterior».

    Lembrando a Álvaro Paradela

    Germán Castro Tomé.- Un ano máis hei de lembrar a figura de Álvaro Paradela, ao cumprirse o vindeiro día 13 de decembro o trinta e cinco aniversario do seu pasamento, atropelado por un coche cando se dispoñía a pasear o seu can pola Estrada de Castela (Narón), en cuxas inmediacións tiña a súa residencia e consulta como médico rural. Paradela (Amaro Orzán) é un personaxe completamente esquecido dos ambientes literarios galegos e, sinceiramente, sen ter -dadas as miñas limitacións- vara de medilo como o faría un profesional da crítica, non entanto permítome afirmar que relegalo ao esquecemento é unha inxustiza manifesta. Eu, pobre do min, cheguei a editar "Diálogos con Álvaro Paradela. Ensaio, poesía e xornalismo" coa sa intención de contribuir á súa recuperación, pero foi un van intento. É verdade que a súa obra (A rosa que canta, esquelete espiritual dun home, asimetría glandular, a Galicia que doe, Irmaus tolos...) chegaba só aos amigos, -unicamente sálvase "Sabencias", que foi editada por Galaxia-xa que lanzaba edicións non venais.

    A súa popularidade como columnista e tamén como poeta foi moi notoria nos anos sesenta e setenta. Era un gran afeccionado aos neoloxismos, o caso máis "glorioso" é o vocábulo Ferrolterra, e defensor da galeguización da toponimia. Freijeiro pasou a ser Freixeiro desde que el asentou en Narón, por citar un exemplo ben próximo. Chegou a falar tamén da posibilidade de crear un TBO, cómic galego para adultos, con historietas, retrancas paisanas, noticias, resumos literarios en cor, caricaturas, etc.

    Como posúo toda a súa produción en narrativa breve os "Cadernos de Amaro Orzán" non descarto que algún día, se teño o apoio pertinente, podería chegar a editarse unha antoloxía daqueles contos, preñados dun gran sentido do humor irónico e crítico, cos que, non seu aniversario, obsequiaba a unha ampla relación de amizades, incluídos xornalistas de aquí e de alá que daban sempre acuse de recibo nas súas respetivas columnas de prensa.

    A nivel cidadán, fai bastantes anos deuse o seu nome a unha praza de Narón, máis recentemente, unha rúa na Coruña a proposta da Asociación de Prensa coruñesa, e en Ferrol, a Sociedade de Artistas Ferroláns (SAF) convoca anualmente un concurso de relato curto. Amaro Orzán, pseudónimo que popularizou, nacera na Coruña onde exerceu como médico e a súa traxectoria profesional desenvólvese, ademais en Curtis, período breve, e en Narón, onde se estableceu definitivamente en 1960, etapa á que corresponde a súa maior produción creativa como narrador, poeta e columnista. Chegou a militar no movemento anarquista e estivo a piques de ser "paseado" no 1936.

    9 de dec. de 2014

    EXODUS dos Vilares

    Antón de Guizán.-

    En tempos de gloria para o cinema galego coa recente estrea da Esmorga, a parroquia dos Vilares, protagonista este ano de varios audiovisuais polo ano de Díaz Castro, da autoría de Marcos Nine, Xosé Antón Cascudo, varias curtas de proxectos e algunha outra dos escolares, a remasterización do precioso documentario de Xulio Xiz e a próxima estrea do filme de Cibrán Tenreiro, Os Vilares mantén relación agora con grandes superproducions de Hollywood.

    Estase agora coa estrea.mundial de EXODUS, do laureado Ridley Scott e co oscarizado Christian Bale de protagonista. E preguntaredes que ten que ver eso cos Vilares...

    exodus foi rodada en parte en Andalucía e os carros para centos de extras, os centos de apeiros de labranza foron aportados polo anticuario das Reixas, Xacobe Castro e os seus fillos, Juanra e Jaki, este último a punto de presentar o seu traballo poético Delta.

    Os de Xacobe co seu espíritu trapeiro, innovador e inquedo amosan así a universalidade da aldea, igual que Díaz Castro e a capacidade dos galegos de ser competitivos neste mundo globalizado acreditando no propio.

    Así como estamos orgullosos da Esmorga e de todo o que se faga desde aquí, sexa grande ou pequeno, para Os Vilares tamén será unha honra ver EXODUS sabendo que a parroquia está moi presente ao longo de todo o mundo co que sempre soubemos facer, carros e ferramenta de traballo, antes e sempre... Trapeiros da dignidade.

    5 de dec. de 2014

    Magosto en Lanzós

    Xulio Xiz.-

    Antón de Guizán é o nome de guerra dun home que naceu en Lanzós: Antón Manuel Tenreiro Ferreiro. Hai días mandoume a invitación para un magosto que me chamou a atención. Xa sei que é tempo de magostos, que as castañas están en sazón, e xa vin a noticia doutro na Frouxeira, organizado pola Asociación de Veciños de Sancobade, gratis para os socios, onde ademáis de castañas hai chorizo, queixos, liscos, chocolatada e queimada, que completan un magnífico menú.

    Os de Lanzós plantéano tamén ao grande, con cartel anunciador incluído, para o 29 de novembro, ás 9 da noite, e a súa festa gastronómica comprende liscos, chourizos, pan e viño e actuación do Dúo Escobar, todo de balde. Ademáis de castañas, que supoño do país que producción debe abondar polas terras vilalbesas de Lanzós.

    O que máis chama a atención é que os de Lanzós anuncien que a festa vai ser gratuita para todos os asistentes, que, sendo así, xa son ganas de quedar ben e de facer patria, neste caso caso facer parroquia, invitando rumbosamente a cantos queiran achegarse a esta terra vilalbesa á que en tempos acudiamos a pé –os coches eran un ben moi escaso- e agora –A Conexeira e o cemiterio, no camiño- se chega desde Vilalba nuns poucos minutos.

    Antón mándame a invitación porque sabe da miña querencia por Vilalba e os seus produtos, e tamén para que faga publicidade do tema, cousa que fago, e lamento que, os meus axetreos de xubilado que non para, me impidan estar alí ese día para ver como celebran os de Lanzós un magosto que parece festa do patrón.

    Coñezo a Antón desde hai menos dun ano, cando o presentei nun recital poético, sabendo que era natural de Lanzós, como oriundo da terra que é pórtico e autovía de entrada a Vilalba, con vía propia desde os entrañables Catro Camiños. E desde entón mantemos relación por correo electrónico e algún contacto visual como o do pregón que fun dar á Romaría Labrega dos Vilares, a súa patria pequena de adopción.

    Non poderei estar no magosto de Lanzós, e ben o sinto, e por eso o difundo para que quen poida que acuda, que xa que son tan xenerosos hai que invadilos de participación e de amizade.

    Os proletas non teñen alma

    STRATOS (1987), de Miguelanxo Prado
    Agustín Fernández Paz.-

    Para recuperarmos Stratos
    Durante máis de tres décadas (dos 70 aos 90 do século pasado, sobre todo) fun un lector apaixonado das revistas de cómics que daquela se publicaban en España (e das de Portugal, sempre que podía). Foron os anos dourados deste tipo de publicacións (TOTEM, Cairo, Cimoc, 1984, Rambla, El Víbora, Cómix Internacional, etc), que se beneficiaron da recuperación de gran cantidade de historias doutros países que ata daquela estiveran inéditas na España de Franco.

    Cando en 1997 publiquei O centro do labirinto, unha das miñas novelas máis persoais, inicieina con esta dedicatoria:

    Sinalaba así dúas obras que admiraba, que me fixeran pensar e que, dun xeito ou doutro, tivera presentes durante a redacción da novela. Esta entrada está dedicada á primeira, Stratos; sobre Watchmen, xa terei ocasión de falar máis cedo ca tarde.

    Aínda que Stratos se publicou orixinariamente en 1985, o feito de que El Patito Editorial publicase hai pouco tempo a versión galega deste álbum, sérveme de pretexto para traela hoxe aquí. Veño de relelo hai uns días: non só conserva todos os valores que eu lembraba, senón que o paso do tempo non fixo máis que agrandar a súa vixencia, pois o mundo que describe está agora moito máis preto que cando Miguelanxo Prado o creou, hai xa trinta anos.

    Ben sei que despois viñeron outras obras excelentes de Miguelanxo, entre elas esas indiscutibles obras mestras que son Trazo de xiz, De profundis e Ardalén. Mais iso non é impedimento para que nos acheguemos a álbums tan sólidos como Stratos.

    Unha exposición e un catálogo
    O texto que segue é, en boa medida, outra recuperación. En abril de 1992, o Concello da Coruña organizou, no Kiosco Alfonso, unha amplísima exposición da obra de Miguelanxo Prado (MAP, en diante), que daquela aínda non publicara Trazo de xiz (e da que se ofrecía un adianto). O catálogo que se publicou con tal motivo incluía dous ensaios: “Sinfonías minimalistas e insumisas”, de Jesús Cuadrado, e “Vintedous fragmentos”, da miña autoría.

    Unha parte dese ensaio estaba dedicada a Stratos. É a que reproduzo parcialmente aquí, tras eliminar a faramalla e quedar só coa substancia.
    O álbum Stratos, o segundo na obra de Miguelanxo Prado, apareceu en 1987. Recollíanse nel os sete capítulos que foran aparecendo durante o ano anterior na revista 1984. A acción transcorre nun tempo futuro, arredor do ano 2115. Esta translación temporal vaille permitir unha maior liberdade na creación dos ambientes e das situacións que lle interesa tratar; liberdade que aproveitará para falarnos, unha vez máis, sobre o tempo presente.

    Para os que fomos seguindo no tempo a obra de Miguelanxo, Stratos significou unha constatación que logo se evidenciou con máis claridade en obras posteriores: se había un cambio de tema, había tamén unha proposta plástica diferente. Demostrando que fondo e forma son indisociables, o autor renunciaba ó fácil camiño de insistir nun estilo gráfico que xa demostrara a súa rendibilidade e ofrecíanos unha nova estética que cadraba á perfección cos temas e co ambiente que agora se trataba.

    O panorama que se nos presenta en Stratos é sombrío, non ofrece fendas que permitan albiscar unha raiola de optimismo. O que aquí se nos ensina é o panorama que agarda á sociedade actual, á sociedade baseada no consumo e na depredación dos recursos naturais, se segue polas liñas marcadas e aceptadas hoxe maioritariamente. Trátase dun álbum duro, insólito no eido da banda deseñada, cunhas propostas ideolóxicas que cada ano que pasa se perciben como máis actuais.

    Fala Ferrín
    “E é que Stratos supón algo moi serio: unha reflexión poética sobre a dexeneración do sistema capitalista, sobre os diversos absurdos a que conduce a acumulación. Estas reducións (anticipativas) do que hoxe temos ata extremos de utopía, quero dicir de utopía posible no sentido de Esnst Bloch, poñen a pel de galiña, porque o aparente irreal explica e dá sentido ó realmente presente. A súa forza, a de Miguelanxo Prado en Stratos, non radica no terrorismo satírico de Swift, nin é un manifesto contro il laboro, coma no caso de Island de Aldous Huxley. Isto fire porque en Occidente, hoxe, todo camiña na mesma dirección que o narrador e debuxante nos sinala.

    Calidade de estilo e dureza conceptual existen nalgúns dos novos autores de cómic, entre os que se encontran Christin/Bilal e Prado. Fronte á vaporosa delicuescencia posmodernista que invade, por exemplo, o vídeo ou a poesía do noso tempo, con irisacións deliberadamente insignificantes, fronte á belixerancia ideolóxica que vemos en todas partes contra calquera forma de literatura ou de creación crítica, aparece esta historieta, capaz de ilustrar a Historia. En realidade, soubémolo sempre: Woolrich era quen de explicar mellor a Norteamérica da Depresión nunha páxina de diálogo que moitos tomos saídos dos seminarios universitarios.”

    X. L. Méndez Ferrín (anacos do prólogo que escribiu para o álbum Stratos)

    (1ª parte da entrevista a MAP no programa “Somos unha potenzia”, TVG. A 2ª parte pode verse aquí)

    No interior dos estratos
    Stratos, o título do álbum, fai referencia á idea que lle dá o sentido final ao conxunto das sete historias. Porque MAP imaxina unha sociedade ferreamente estruturada en clases sociais: unha sociedade onde as clases son tan evidentes que os ideólogos do poder teñen que estar teimando, unha e outra vez, na ilusión da sociedade horizontal e aberta.

    Hai un cómic de Moebius, “The long tomorrow“, no que a estratificación social está resolta cunha idea gráfica excelente: o mundo no que transcorre a historia, unha inmensa cidade construída baixo a superficie do planeta, ten innumerables “pisos” cara a abaixo. De maneira que cada nivel corresponde a unha certa clase social, a un poder económico. Os que viven nos niveis próximos á superficie son os que mandan; os que habitan os niveis inferiores, inhóspitos e perigosos, son os marxinados e os que non teñen ningunha posesión de valor.

    Se cambiamos a dimensión vertical pola horizontal e se examina a división topográfica das nosas cidades (esas liñas invisibles que a fragmentan en zonas nas que habitan distintos grupos sociais, en función do poder económico) atopariamos unhas similitudes inquietantes.

    Dos proletas aos que moven os fíos na sombra
    En Stratos, MAP irá amosándonos os diferentes estratos da sociedade ¿futura?, empezando polo máis baixo: o dos proletas (“E falando de proletas… ¿sabes que me dixo o director? ¡Que se demostrou que non teñen alma! Así se explica que só sirvan para eses traballos e que vivan como viven!“, di un dos personaxes) e subindo devagar ata o máis alto: o das oito persoas que, desde a sombra do poder económico, controlan todos os gobernos mundiais.

    Nunha construción exemplar, o percorrido por estes estratos facémolo por medio dun mecanismo narrativo que serve para engarzar con fluidez unhas historias con outras: o protagonista de cada un dos relatos é sempre un dos personaxes que aparecía como secundario na historia precedente.

    Asistimos así a un feroz axuste de contas cos absurdos sobre os que hoxe se basea a nosa sociedade. No primeiro relato, os protagonistas son dous obreiros que están a piques de ser despedidos da empresa para a que traballan. Os planos que nos mostran as súas condicións de vida e de traballo deixarían pálido ao Dickens que retratou o rostro salvaxe do capitalismo do XIX. Un deles non dubida en matar ao compañeiro para conservar o seu emprego. De nada lle vale: o paro será tamén o seu destino.

    Despois, en lenta ascensión, imos pasando revista á obsesión polo consumo (eses planos coas rúas ateigadas de carteis publicitarios!), ao racismo máis exacerbado (nunha das historias cóntasenos como un grupo de altos executivos viaxan a África para ver unha auténtica tribo salvaxe. Un deles di: “Os auténticos extinguíronse, pero a partir de cachorros de proleta, criados en estado salvaxe, conseguiuse recuperar esa especie desaparecida. ¡A ciencia é grande!“), á corrupción que domina unha boa parte da sociedade.

    No quinto relato chegamos ao nivel máis alto. A protagonista é Ilka Meséjic, unha das oito persoas que controla o mundo, aínda que cara á sociedade figure como unha alta directiva dunha empresa de computadoras. Unha persoa que, ao comprobar que a orde económica ameaza con derrubarse, entra en crise e vai visitar un vello membro dese club de elixidos, Einar, agora retirado no campo e dedicado aos seus bonsais. O diálogo non ten desperdicio. Nun momento dado, preguntado polo porqué da súa retirada, Einar contesta: “Perdín a miña fe no Plan… herdamos unha sociedade que era unha tubaria podre… e en vez de cambiala liámonos a lle poñer parches. Rebentará en calquera momento e nós, os directivos, ditadores secretos, determinando pobrezas, riquezas, consumos, producións, éticas, políticas… Non podemos salvala, só prolongar a agonía“. Despois da toma de conciencia, Ilka introduce nos ordenadores os datos suficientes para que o proceso de degradación se acelere, e foxe para o campo, onda Einar.

    O resultado do proceso é a desaparición dos estratos tal como estaban configurados e a aparición dunha nova sociedade que se rexe pola lei do máis forte. Coma tal, o proleta do primeiro relato agora é un gánster que controla un sector da cidade; unha sociedade na que xa está inoculado o xerme da autodestrución.

    O capítulo derradeiro, brevísimo, ofrécenos a imaxe de Ilka, no seu refuxio do campo, despois da morte de Einar. Decide volver á sociedade (?) e, aínda que promete regresar á casa, a secuencia derradeira, un longo plano fixo que nos marca o paso do tempo, indícanos, nun final aberto, que nunha sociedade así xa non son posibles os privilexios.

    A estética de Stratos
    A proposta gráfica de Stratos é coherente co contido, como dixen antes. Nas figuras e ambientes búscase deliberadamente unha estética feísta, ateigada de claroscuros. Trátase dun grafismo escasamente compracente co lector, cuns personaxes de trazos caricaturescos, nunha liña tan feroz coma a de George Grosz. Uns personaxes arquetipos, nos que doadamente recoñecemos tipos e comportamentos actuais. O debuxo resólvese case exclusivamente coa utilización da liña, con viñetas nas que os tramados, cunha estética expresionista, recollen o ambiente opresivo axeitado a certas escenas.

    Stratos foi, na miña opinión, unha intensa viaxe por un camiño que Miguelanxo Prado explorou minuciosamente, espreméndoo ata as últimas consecuencias. As novas obras (Crónicas incongruentes, Quotidianía delirante) tiñan que ser, forzosamente, diferentes.


    ** Para saber máis da ampla e diversa obra de MAP é imprescindible a súa páxina web: www.miguelanxoprado.com

    ** Para coñecer mellor a Miguelanxo Prado: unha longa e substanciosa conversa en Popular TV Galicia:


    O texto completo, con todas as imaxes, vídeos e ligazóns, pode lerse no blog de Agustín Fernández Paz: 
    http://agustinfernandezpaz.eu/es/blog-afp/

    3 de dec. de 2014