Convenios co benestar, o deporte e a cultura

Redacción.-

O vicepresidente e responsábel de Benestar e Deporte da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, anunciou onte na rolda de prensa posterior á xunta de goberno do organismo provincial a aprobación de catro convenios por unha contía global superior aos 120.000 euros. A partida máis importante irá destinada ao Club Deportivo Foz, que recibirá 45.034 para realizar distintos obras de mellora no estadio Martínez Otero. Entre os arranxos destaca o arranxo de parte das deterioradas cubertas do campo de fútbol focense. “O vello estadio Martínez Otero é un campo histórico dentro da comarca da Mariña. Foi construído xa nos anos 50 e cremos que estas reformas que se van levar a cabo son máis que necesarias, xa que ademais dos encontros do primeiro equipo do CD Foz, durante o ano acolle varios campus e torneos nos que participan moitos nenos e nenas”, explicou Antonio Veiga.

Así mesmo, indicou que “estes traballos van na liña de manter as instalacións existentes, independentemente de que na medida das posibilidades apostemos por facer instalacións alí onde sexa preciso e orzamentariamente posible. É importante colaborar neste tipo de actuacións, sobre todo polas dificultades que teñen os concellos para acometer este tipo de obras”, asegurou.

Mentres tanto, o Concello de Monforte recibirá 28.500 euros que servirán para sufragar os gastos dun proxecto que pretende eliminar as barreiras arquitectónicas que aínda existen na cidade do Cabe. “Dende a Vicepresidencia Primeira estamos moi concienciados con todas as cuestións relacionadas co Benestar e cremos fundamental facerlle máis doada a vida ás persoas con discapacidades físicas e permitirlle que podan desenvolver a súa vida diaria en igualdade de condicións que o resto de cidadáns. Un dos atrancos principais cos que aínda se atopan en moitos lugares son as barreiras arquitectónicas e unha das nosas liñas de actuación sempre foi intentar acabar con elas, de aí que colaboremos co Concello de Monforte neste proxecto”, apuntou Antonio Veiga.

Deses máis de 120.000 euros, un total de 20.000 irán destinados á Asociación de Veciños Santa Lucía de Candia, no Concello de Abadín. Servirán para financiar os gastos derivados do arranxo do local social. “As asociacións de veciños de núcleos pequenos e rurais fan unha labor social sobresaínte á hora de ofrecerlle aos seus asociados actividades culturais, deportivas, recreativas ou de tempo libre. Dinamizan o rural e tamén é unha aposta nosa levar servizos a eses concellos máis pequenos”, remarcou o vicepresidente provincial.

O último convenio terá como beneficiario a Vía Láctea Filmes, que recibirá unha axuda de 30.000 euros. “Trátase dunha subvención plurianual, entre os anos 2014 e 2015, para colaborar nos gastos do proxecto denominado ‘A Esmorga’, unha película que xa leva varias semanas en carteleira e que goza de todos os parabéns da crítica. Hai que facer o posible por difundir a nosa cultura e este é un proxecto moi bo para facelo, colaborando ademais co noso audiovisual”, expuxo Veiga, quen recordou que moitos das escenas do filme “tiveron á provincia de Lugo como escenario, nomeadamente o Pazo de Tor, en Monforte, onde sucede unha parte importante da trama”, expuxo.

Substitución dun médico na Pobra do Brollón

O vicepresidente provincial aproveitou esta rolda de prensa para abordar outros temas de actualidade na provincia de Lugo. Primeiramente referiuse á situación do centro de saúde da Pobra do Brollón. “O grupo de goberno tomou un acordo esixindo á Xunta de Galiza a substitución do médico que se atopa de baixa por enfermidade na Pobra do Brollón. Hoxe o alcalde de Brollón, Xosé Lois Maceda, está na sede do Valedor do Pobo presentando unha demanda ao respecto. A Pobra do Brollón tiña tres médicos no 2011 e actualmente, desde agosto, só hai un. Demandan substituír ao que está de baixa, tendo en conta ademais que son un dos pobos máis envellecidos de Lugo (o 60% da poboación supera os 65 anos). Rexistraron tamén na sede do Valedor as 364 sinaturas dos veciños reclamando este servizo”, explicou Veiga.

O vicepresidente provincial criticou que “curiosamente, por parte do Sergas recibiron unha resposta xenérica, que parece que é de corta e pega, porque ata se enganan e aparece polo medio un Riotorto. Aí se ve o interese que ten o Sergas e a Xunta polos concellos de pouca poboación, que día a día perden servizos, ademais de atiborralos de datos e falarlles de isócronas, que ademais non son reais. É moi fácil desde Santiago, sobre o papel, dicir que dunha parroquia á outra se chega en determinados minutos, pero cando topas coa realidade, non é así. Parece que o PP e o goberno da Xunta descoñecen por completo a provincia de Lugo e fanlle caso omiso aos seus veciños”, manifestou.

Sanidade pública da provincia en perigo

Veiga apoia esta afirmación do desinterese do PP pola provincia na xestión da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) do HULA. “Desde logo, a sanidade pública de Lugo está en perigo por culpa do PP. Non temos máis que ver o tratamento que se lle deu a esta ILP, con 42.000 sinaturas, unha das que obtivo máis respaldo social, con sinaturas nun papel que o goberno autonómico vén de converter en papel mollado, baleirando de contido a iniciativa orixinal”, indicou.

“Burla e ninguneo aos asinantes da ILP e ao resto de veciños da provincia”

Por isto, continua Veiga, “concluímos que o PP é un perigo para a sanidade público e a saúde dos e das lucenses. Podemos dicir que é un produto ou un partido tóxico. Nós non imos permitir que se burlen e ninguneen a eses 42.000 asinantes e ao resto de veciños da provincia de Lugo e amordacen a súa voz”, aseverou.

Dique norte de Alcoa e tarifa eléctrica

Finalmente, tocou dous temas referentes a Alcoa, o dique norte e a tarifa eléctrica. “O PP vén de rexeitar unha vez máis no Congreso dos Deputados unha proposta do BNG a respecto da apertura do dique norte de Alcoa. Hai posicionamentos unánimes deste goberno provincial nos que se pedía a liberalización dese dique norte, é dicir, rescatalo da concesión que a multinacional Alcoa ten ata o 2022. Consideramos, ao igual que o tecido industrial da zona, que co seu rescate se podería crear un novo porto para dar saída á cantidade de materia prima que se xera na provincia (caolín, madeira e outras mercancías). Reúne as condicións, hai un estudio de viabilidade do 2010 de Portos de Galicia, no que recoñece que se pode converter en poucos anos nunha autovía do mar, como Xixón ou Vigo. No medio destas podería haber unha terceira autovía do mar, que sería este porto do dique norte de Morás e sería un avance importantísimo para A Mariña”, sinalou.

Esta situación entróncase tamén “coa que está vivindo a comarca e Alcoa, polos lóxicos temores que hai visto o que ocorreu na poxa eléctrica coas factorías que esta multinacional ten na Coruña e Avilés. Entendemos que isto é apostar polo futuro e apostar polo futuro tamén é demandar unha tarifa eléctrica propia. Ninguén pode entender que un país excendentario en produción eléctrica non teña enerxía para as empresas de aquí ou que se instalan no noso territorio”, apuntou.

Tamén di que “non se entende tampouco que, producindo en Galiza a enerxía, esta custe o mesmo aquí que en Madrid, cando a hai que transportala 500 quilómetros. Noutras comunidades non teñen este problema, como por exemplo en Euskadi, xa que contan cunha tarifa propia e dominan os seus recursos. Nós sempre defendemos estas dúas actuacións e seguirémolo facendo”, concluíu.

21/12/2014

0 comentários :

Danos a túa opinión