Entrevista a Darío Villanueva

Moncho Paz.- Recentemente elixido director da Real Academia Española, Darío Villanueva Prieto (Vilalba, 1950) recíbenos no seu despacho da institución para falar da súa traxectoria vital e profesional, desde os anos da infancia en Vilalba ata a súa etapa como reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC). A combinación de experiencia en postos de xestión de alta responsabilidade coa súa faceta de investigador, permitiulle optimizar a súa achega á RAE: primeiro como académico, logo como secretario e, desde o pasado 11 de decembro, como o director número XXX da corporación.

Pregunta.- É académico da RAE desde 2008, ocupando o sillón D, que coincide coa letra inicial do seu nome de pía.
Resposta.- En efecto, tomei como bo agoiro o feito de que me tocase o sillón da letra D, que pertenceu anteriormente a destacadas personalidades, como dous presidentes republicanos (Emilio Castelar, da I República; e Niceto Alcalá-Zamora, da II). Fun elixido en 2007, en 2008 ingresei, en 2009 nomeáronme secretario e hai uns días, director da Real Academia. Nesta traxectoria resultoume de gran utilidade a miña anterior experiencia en postos de responsabilidade, fundamentalmente no eido universitario, pero tamén noutras entidades, xeralmente fundacións vencelladas a escritores (Camilo José Cela, Torrente Ballester e Carlos Casares).

P.- O seu discurso de ingreso titulábase O Quixote antes do cinema. Que queda da obra cumio de Cervantes na sociedade actual?
R.- O Quixote converteuse nun auténtico mito da literatura universal, e Cervantes é un deses poucos escritores -equiparado a Shakespeare e por riba doutros grandes autores clásicos, modernos e contemporáneos- que todos temos en mente. A creación dos personaxes de Don Quixote e Sancho tivo unha enorme influencia no mundo de literatura e das imaxes; a iconografía que rodea a estas dúas figuras xurdiu moi cedo, en forma de ilustracións, pero tamén de pantomimas, debuxos, caricaturas, pinturas… E iso continúa ata hoxe, de tal xeito que a imaxe do cabaleiro andante e o seu escudeiro está incluso no imaxinario colectivo das persoas non afeccionadas á literatura e que tampouco leron a novela de Cervantes. E xa en América, temos que falar de México, país ao que adoito referirme como a terra de promisión do Quixote, pois a súa presenza é fonda en todas partes, aínda que de maneira moi especial nunha vila colonial moi fermosa, chamada Guanajuato, onde abriron o Museo Iconográfico do Quixote -único no seu xénero- e celebran unhas Xornadas Cervantinas internacionais; nas prazas da cidade represéntanse continuamente pezas de Cervantes e os actores e as actrices que interveñen son xente do pobo, de todas as idades. 

P.- O terceiro centenario da RAE contribuíu a dinamizar a institución, que moitos consideran estática. Limpa, fixa e dá esplendor ao idioma?
R.- Ese foi o lema que os académicos, logo de considerar unha serie de propostas, acordaron nunha votación secreta en 1715. A Academia da Publicidade, para renderlle homenaxe ao tricentenario da RAE, fixo un spot utilizando precisamente ese lema coma se fose un eslogan, e a verdade é que algo había diso. Probablemente os académicos fundadores, sen decatarse, estaban a sentar as bases da que sería a primeira proposta dun lema autenticamente publicitario. Discutíronse outros, concretamente houbo un que tivo os seus defensores e que foi unha sorte que finalmente non se elixise: “Aproba e reproba”, un lema que significaría desde o principio que a Academia adoitaba un papel de policía da linguaxe, algo que non resulta convinte e que nós nunca promovemos nin aceptamos. En canto a “limpar”, a Academia procura emitir o seu informe cando no idioma prodúcense entradas de termos que non son os óptimos, que están moi contaminados por outras linguas; aínda que o fenómeno do préstamo entre linguas é absolutamente normal e non se debe tomar nunca como algo radicalmente pernicioso. Por outra banda, Ferdinand de Saussure -no Curso de Lingüística Xeral- fala precisamente do papel de “fixar” que ten a gramática, pero tamén o dicionario e a ortografía. E no que se refire a “dar esplendor”, hai que lembrar que na Academia hai un número considerable de sillóns ocupados polos escritores máis notables do momento, e foi así desde o século XIX, pois no XVIII non había apenas escritores de renome, senón máis ben persoas dedicadas ao traballo lexicográfico e gramatical. 

P.- Algo está cambiando na Real Academia.
R.- Coido que si; é certo que existe un estereotipo referido a ela, que a identifica cunha organización vetusta, arcaizante, pouco dinámica, etc. Iso callou nunha especie de tópico que ten algúns visos de realidade en relación ao pasado, pero que agora nos acompaña como unha especie de lousa da cal é moi difícil librarse. A única solución é seguir o noso criterio e agardar a que a percepción externa vaia cambiando. A Academia é unha institución que, desde os anos 80 do século pasado, acomodouse con rapidez ás novas tecnoloxías porque lle ía moito niso; agora o noso dicionario ofrécese na Rede a través da páxina web e ten millóns de consultas. Contamos con máis de medio millón de seguidores en Twitter e, por todo iso, debemos respostar ás expectativas depositadas nesta institución, que leva funcionando 300 anos e que ten un cometido sustantivo que imos seguir mantendo: elaborar os códigos da lingua, a gramática, o dicionario e a ortografía. E tamén estamos a revitalizar moito un aspecto contemplado nos estatutos fundacionais da Academia, pero que quizais non acadou o desenvolvemento que debería: a atención á creación literaria, sobre todo da tradición da nosa literatura. Por exemplo, nestes intres temos un proxecto moi ambicioso, que é a Biblioteca Clásica da RAE, consistente en 111 títulos seleccionados, comezando con El Cantar del Mío Cid e rematando con Los Pazos de Ulloa, de Emilia Pardo Bazán.

P.- Non lle parece que hai poucas mulleres na RAE?
R.- Por suposto, pero a historia non se pode reescribir. A mediados do século XVIII a Academia nomeou a unha primeira socia “honoraria”, a aristócrata María Isidra de Guzmán y de la Cerda, que finou moi nova, aos 35 anos de idade. Ás veces penso que se empezou moi ben con aquela designación e que logo se torceron as cousas; así, no século XIX, cando Gertrudis Gómez de Avellaneda, unha escritora do romanticismo hispanoamericano, aspirou a ingresar, recibiu unha mala resposta por parte dos académicos de entón. Case medio século despois, sucede algo parecido con Emilia Pardo Bazán, que tamén é rexeitada pola institución coa mesma resposta: “Non hai lugar para señoras”. De feito, a primeira muller que formou parte da Academia foi Carmen Conde, que pronunciou o seu discurso de ingreso en 1979. Seguírona Elena Quiroga, Ana María Matute, Carmen Iglesias, Margarita Salas, Soledad Puértolas, Inés Fernández Ordoñez, Carme Riera e Aurora Egido. De todos xeitos, hai que dicir que en L'Académie Française, a primeira muller que ingresou foi Marguerite Yourcenar, en 1981, co que no país veciño a incorporación da muller foi posterior. 

P.- Investigador ou xestor cultural?
R.- As dúas facetas, pois supoño que obedece á dualidade que temos os Xéminis (nacín un 5 de xuño) e, no meu caso, dáse entre o traballo intelectual, como profesor e estudoso, e a xestión -non só cultural, senón tamén educativa- dunha gran universidade como a USC, que na miña época de reitor chegou a ter máis de corenta e cinco mil estudantes.

P.- Con que se queda da súa etapa á fronte da USC?
R.- Con todo. Foi a etapa máis plena, feliz e intensa da miña vida. Aínda que non era un posto fácil; en primeiro lugar, tiven que gañar as eleccións, competindo co reitor de entón, Ramón Villares, e catro anos despois, fun candidato único, non houbo ninguén que me disputase o reitorado, o cal facilitoume enormemente as cousas. Iso non quere dicir que fosen oito anos sen dificultades ou situacións complexas. Visto na distancia, deixoume unha pegada moi positiva; creo que de todo podemos obter experiencias que se aplican despois á vida. Actualmente, na miña etapa da Academia, decátome de que todo aquilo serviume para entender tamén os problemas que conleva a xestión cotiá dunha institución.

P.- Ten unha ampla bagaxe internacional. Cóntenos algunha anécdota.
R.- Tiven a sorte de percorrer os cinco continentes por razóns profesionais, como profesor visitante ou como conferenciante. E en todas partes atopei algún paisano galego, dedicado ás máis diversas actividades, pero sempre aclimatado ao seu lugar de residencia ou de traballo, enormemente solidario e receptivo co forasteiro. É unha vivencia común a case todas as miñas viaxes.

P.- Que pensa sobre as sucesivas reformas educativas?
R.- É unha auténtica calamidade, un dos prexuízos máis grandes causado á nosa sociedade, ao seu equilibrio, crecemento e progreso. A educación ten que ser estable, froito de pactos e cun alto nivel de consenso entre as distintas opcións políticas que nos gobernan lexitimamente. É imprescindible separar educación de ideoloxía; o feito de que o cambio de maioría no Congreso supoña a promulgación dunha nova Lei de Educación, dá a entender precisamente o contrario. Desta forma, lonxe de ser un tronco fundamental e estabilizador da sociedade, o sistema educativo fica sometido a distintas perspectivas ideolóxicas. E iso non é bo.

P.- Parece que os políticos esquecéronse da cultura.
R.- É unha consecuencia da consideración puramente economicista das cousas. Na miña etapa de reitor, cando tiña que pronunciar discursos en actos institucionais e ante a presenza de altos representantes do poder executivo, sempre mencionaba os estudos dos economistas que interpretan que o gasto en educación é, en realidade, un investimento; o que se gasta no sistema educativo redunda na formación das persoas que, deste xeito, conseguen unha posición profesional destacada, cuns ingresos superiores á media e, en consecuencia, uns retornos fiscais que permiten recuperar ao Estado o investimento inicial na formación deses individuos. É absurdo aplicar o mesmo criterio de rendabilidade, de obrigado cumprimento no caso dunha empresa comercial, a sectores como a cultura ou a educación. Desde os estudos da Escola de Frankfurt (Max Horkheimer, Theodor Adorno, Walter Benjamin…) xa se manexa o concepto “industria cultural”, entendida como capacidade para producir bens culturais en forma masiva; a cultura é, efectivamente, unha industria e acada unha porcentaxe moi significativa en relación ao PIB.

P.- Rematará algo ou alguén cos libros?
R.- Esa é unha vella canción que comezou a soar en 1962, cando Marshall McLuhan publicou A Galaxia Gutenberg, onde anunciaba que a era iniciada pola invención da imprenta, a mediados do século XV, chegaba ao seu fin pola irrupción da Galaxia Marconi ou Aldea Cósmica, caracterizada polo medio televisivo e as innovacións tecnolóxicas que comezaron no XIX co telégrafo, e seguiron máis tarde coa chegada do teléfono, a radio e a televisión. E el foi o primeiro en anunciar a morte do libro, pero esa defunción non se produciu aínda, senón ao contrario: hoxe escríbense, edítanse, véndense, mércanse, róubanse, pirateanse, plaxianse, critícanse, estúdanse e ensínanse máis libros que nunca na historia da humanidade. O concepto de libro non é unitario; o libro impreso continuou a tradición dos manuscritos, que tiñan soportes distintos (papiro, pergamino, tabliñas de cera ou barro, etc.). E agora o libro electrónico, sen dúbida, vai convivir co libro de papel e é presumible que no noso século coexistan ambos os dous soportes. Non son apocalíptico neste senso e coido que o libro vai ter, loxicamente, unha longa vida.

P.- Lese moito ou pouco en España?
R.- Temos unha tendencia ao pesimismo nesta cuestión e os índices de lectura que hoxe se poden establecer non resisten a comparación cos mesmos índices dos países do centro e norte de Europa, de gran desenvolvemento económico, social e cultural. Pero tampouco a situación española é absolutamente desesperada, hai unhas estatísticas que falan dunha porcentaxe de lectores que supera o cincuenta por cento. Se imos a cortes de idade, atopámonos cun dato moi interesante: os nenos e os mozos len máis, quizáis niso inflúa que están no ámbito educativo e a educación promove a lectura. Sería moi interesante que se puidese manter ese mesmo nivel de lectura cando son adultos. En definitiva, España pode e debe crecer aínda máis en índices de lectura, pero está nunha zona media razoable. Deberiamos ter ambición e dar o salto para situarnos ao nivel deses países que antes mencionaba.

P.- Que opinión lle merece a tendencia de non incluír a escritores con obra en español dentro da literatura galega?
R.- O asunto temos que enfocalo dunha maneira moi obxectiva e que non é, de ningún xeito, polémica. O concepto de literatura galega está vencellado á lingua na que se produce esa literatura; e a literatura é, fundamentalmente, lingua. De modo que literatura galega é a escrita en galego. O cal non quere dicir que Torrente Ballester, por exemplo, non sexa un escritor galego, porque nese intre xa pasamos a outro nivel de designación; é un escritor galego, non só porque naceu e viviu en Galicia, senón porque unha parte considerable da súa obra está ambientada en Galicia. E non só por cuestión de localización ou dos personaxes, senón pola percepción do mundo que o escritor reflicte; no caso de Torrente, manifesta tamén esa condición súa de galego. Como filólogo, non vexo ningunha polémica nesta cuestión; de feito, dirixín -e dígoo sen presunción- a historia da literatura galega máis completa que se editou ata o momento, dentro do Proxecto Galicia, que publica Francisco Iglesias en A Coruña, na Editorial Hércules; son cinco volumes nos que colaboran moitos novos investigadores da literatura, cada un co seu capítulo. Neses tomos non hai un capítulo para Cela por razón obvia: a literatura galega é a que se escribe en galego; pero sí temos outro tomo dedicado exclusivamente aos escritores galegos que escriben en castelán. O problema non é dicir que calquera destes escritores non pertence á literatura galega; son escritores galegos, é un matiz absolutamente distinto. Se Joseph Conrad non pertence á literatura polaca, senón que forma parte da literatura inglesa, é porque -aínda sendo polaco- escribiu en inglés, e a lingua condiciona a adscrición dun autor a unha determinada literatura. Ás veces atopámonos cunha especie de imputación culposa contra estes escritores galegos, polo feito de escribir en castelán, e paréceme unha aberración total e absoluta, non ten o máis mínimo sentido, mírese por onde se mire. Igual que penso que os rusos non deberían considerar a Vladimir Nabokov un traidor polo feito de escribir Lolita en inglés, e que sexa un dos escritores máis importantes da literatura inglesa do século XX. Ou o caso de James Joyce, que é un escritor irlandés por todos os poros da súa pel, que escribe a gran novela de Dublín que é o Ulysses, e faino en inglés, non na lingua irlandesa.

P.- Que acordanzas garda da súa adolescencia en Vilalba? 
R.- O meu pai é asturiano e, cando nacín, exercía de xuíz en Luarca; eu fun nacer a Vilalba porque a miña nai era chairega, pero crieime en Asturias. Logo o meu pai trasladouse como xuíz a Lugo e, no ano 70 destinárono a Coruña, onde se xubilou como maxistrado. Naquela época eu xa estaba na universidade, así que podemos dicir que son, nese senso, un coruñés bastante intermitente e escaso. Pero en Vilalba pasei longas tempadas e tamén os momentos máis felices da miña infancia e adolescencia. Estoume a referir a unha parte considerable do verán, e logo tamén ao Nadal e a outras vacacións. Alí tiña o meu círculo de amigos, e algúns tampouco residían en Vilalba todo o ano, senón que nos xuntabamos alí de cando en vez. A vinculación coa miña familia materna foi intensísima. O meu avó Darío, do que herdo o nome, era unha persoa extraordinariamente interesante: estivo en Cuba, marchouse sendo un raparigo, permaneceu na illa uns vinte anos, e cando fixo un pequeno peto, voltou para instalarse e casar coa miña avóa. É dicir, foi dos emigrantes que retornaron coa maleta suficientemente chea e, por suposto, moito antes desoutro momento -tan doloroso para moitos dos nosos paisanos- derivado da Revolución castrista, que lles fixo, nalgúns casos, perder as propiedades. O meu avó regresou nos anos vinte, cunha visión do mundo moi marcada por esa enorme experiencia; un mozo de San Xoán de Alba que, de súpeto, sendo un neno, déixano caer na Habana, descobre alí a gran cidade, a modernidade, a circulación do diñeiro, as prácticas económicas que van máis aló dunha economía agraria, etc. Unha magnífica universidade da vida. E traía esa impronta consigo a Vilalba, onde desenvolveu a súa actividade. Eu mantiven sempre o meu vencello coa vila, pois alí teño practicamente case todo o meu arquivo persoal e tamén unha parte moi importante da miña biblioteca, en dúas casas da familia; e, por suposto, alí vive a miña tía Pilar, coa que manteño unha fonda relación de agarimo, afecto e gratitude.

24/12/2014

0 comentários :

Danos a túa opinión