Os proletas non teñen alma

STRATOS (1987), de Miguelanxo Prado
Agustín Fernández Paz.-

Para recuperarmos Stratos
Durante máis de tres décadas (dos 70 aos 90 do século pasado, sobre todo) fun un lector apaixonado das revistas de cómics que daquela se publicaban en España (e das de Portugal, sempre que podía). Foron os anos dourados deste tipo de publicacións (TOTEM, Cairo, Cimoc, 1984, Rambla, El Víbora, Cómix Internacional, etc), que se beneficiaron da recuperación de gran cantidade de historias doutros países que ata daquela estiveran inéditas na España de Franco.

Cando en 1997 publiquei O centro do labirinto, unha das miñas novelas máis persoais, inicieina con esta dedicatoria:

Sinalaba así dúas obras que admiraba, que me fixeran pensar e que, dun xeito ou doutro, tivera presentes durante a redacción da novela. Esta entrada está dedicada á primeira, Stratos; sobre Watchmen, xa terei ocasión de falar máis cedo ca tarde.

Aínda que Stratos se publicou orixinariamente en 1985, o feito de que El Patito Editorial publicase hai pouco tempo a versión galega deste álbum, sérveme de pretexto para traela hoxe aquí. Veño de relelo hai uns días: non só conserva todos os valores que eu lembraba, senón que o paso do tempo non fixo máis que agrandar a súa vixencia, pois o mundo que describe está agora moito máis preto que cando Miguelanxo Prado o creou, hai xa trinta anos.

Ben sei que despois viñeron outras obras excelentes de Miguelanxo, entre elas esas indiscutibles obras mestras que son Trazo de xiz, De profundis e Ardalén. Mais iso non é impedimento para que nos acheguemos a álbums tan sólidos como Stratos.

Unha exposición e un catálogo
O texto que segue é, en boa medida, outra recuperación. En abril de 1992, o Concello da Coruña organizou, no Kiosco Alfonso, unha amplísima exposición da obra de Miguelanxo Prado (MAP, en diante), que daquela aínda non publicara Trazo de xiz (e da que se ofrecía un adianto). O catálogo que se publicou con tal motivo incluía dous ensaios: “Sinfonías minimalistas e insumisas”, de Jesús Cuadrado, e “Vintedous fragmentos”, da miña autoría.

Unha parte dese ensaio estaba dedicada a Stratos. É a que reproduzo parcialmente aquí, tras eliminar a faramalla e quedar só coa substancia.
O álbum Stratos, o segundo na obra de Miguelanxo Prado, apareceu en 1987. Recollíanse nel os sete capítulos que foran aparecendo durante o ano anterior na revista 1984. A acción transcorre nun tempo futuro, arredor do ano 2115. Esta translación temporal vaille permitir unha maior liberdade na creación dos ambientes e das situacións que lle interesa tratar; liberdade que aproveitará para falarnos, unha vez máis, sobre o tempo presente.

Para os que fomos seguindo no tempo a obra de Miguelanxo, Stratos significou unha constatación que logo se evidenciou con máis claridade en obras posteriores: se había un cambio de tema, había tamén unha proposta plástica diferente. Demostrando que fondo e forma son indisociables, o autor renunciaba ó fácil camiño de insistir nun estilo gráfico que xa demostrara a súa rendibilidade e ofrecíanos unha nova estética que cadraba á perfección cos temas e co ambiente que agora se trataba.

O panorama que se nos presenta en Stratos é sombrío, non ofrece fendas que permitan albiscar unha raiola de optimismo. O que aquí se nos ensina é o panorama que agarda á sociedade actual, á sociedade baseada no consumo e na depredación dos recursos naturais, se segue polas liñas marcadas e aceptadas hoxe maioritariamente. Trátase dun álbum duro, insólito no eido da banda deseñada, cunhas propostas ideolóxicas que cada ano que pasa se perciben como máis actuais.

Fala Ferrín
“E é que Stratos supón algo moi serio: unha reflexión poética sobre a dexeneración do sistema capitalista, sobre os diversos absurdos a que conduce a acumulación. Estas reducións (anticipativas) do que hoxe temos ata extremos de utopía, quero dicir de utopía posible no sentido de Esnst Bloch, poñen a pel de galiña, porque o aparente irreal explica e dá sentido ó realmente presente. A súa forza, a de Miguelanxo Prado en Stratos, non radica no terrorismo satírico de Swift, nin é un manifesto contro il laboro, coma no caso de Island de Aldous Huxley. Isto fire porque en Occidente, hoxe, todo camiña na mesma dirección que o narrador e debuxante nos sinala.

Calidade de estilo e dureza conceptual existen nalgúns dos novos autores de cómic, entre os que se encontran Christin/Bilal e Prado. Fronte á vaporosa delicuescencia posmodernista que invade, por exemplo, o vídeo ou a poesía do noso tempo, con irisacións deliberadamente insignificantes, fronte á belixerancia ideolóxica que vemos en todas partes contra calquera forma de literatura ou de creación crítica, aparece esta historieta, capaz de ilustrar a Historia. En realidade, soubémolo sempre: Woolrich era quen de explicar mellor a Norteamérica da Depresión nunha páxina de diálogo que moitos tomos saídos dos seminarios universitarios.”

X. L. Méndez Ferrín (anacos do prólogo que escribiu para o álbum Stratos)

(1ª parte da entrevista a MAP no programa “Somos unha potenzia”, TVG. A 2ª parte pode verse aquí)

No interior dos estratos
Stratos, o título do álbum, fai referencia á idea que lle dá o sentido final ao conxunto das sete historias. Porque MAP imaxina unha sociedade ferreamente estruturada en clases sociais: unha sociedade onde as clases son tan evidentes que os ideólogos do poder teñen que estar teimando, unha e outra vez, na ilusión da sociedade horizontal e aberta.

Hai un cómic de Moebius, “The long tomorrow“, no que a estratificación social está resolta cunha idea gráfica excelente: o mundo no que transcorre a historia, unha inmensa cidade construída baixo a superficie do planeta, ten innumerables “pisos” cara a abaixo. De maneira que cada nivel corresponde a unha certa clase social, a un poder económico. Os que viven nos niveis próximos á superficie son os que mandan; os que habitan os niveis inferiores, inhóspitos e perigosos, son os marxinados e os que non teñen ningunha posesión de valor.

Se cambiamos a dimensión vertical pola horizontal e se examina a división topográfica das nosas cidades (esas liñas invisibles que a fragmentan en zonas nas que habitan distintos grupos sociais, en función do poder económico) atopariamos unhas similitudes inquietantes.

Dos proletas aos que moven os fíos na sombra
En Stratos, MAP irá amosándonos os diferentes estratos da sociedade ¿futura?, empezando polo máis baixo: o dos proletas (“E falando de proletas… ¿sabes que me dixo o director? ¡Que se demostrou que non teñen alma! Así se explica que só sirvan para eses traballos e que vivan como viven!“, di un dos personaxes) e subindo devagar ata o máis alto: o das oito persoas que, desde a sombra do poder económico, controlan todos os gobernos mundiais.

Nunha construción exemplar, o percorrido por estes estratos facémolo por medio dun mecanismo narrativo que serve para engarzar con fluidez unhas historias con outras: o protagonista de cada un dos relatos é sempre un dos personaxes que aparecía como secundario na historia precedente.

Asistimos así a un feroz axuste de contas cos absurdos sobre os que hoxe se basea a nosa sociedade. No primeiro relato, os protagonistas son dous obreiros que están a piques de ser despedidos da empresa para a que traballan. Os planos que nos mostran as súas condicións de vida e de traballo deixarían pálido ao Dickens que retratou o rostro salvaxe do capitalismo do XIX. Un deles non dubida en matar ao compañeiro para conservar o seu emprego. De nada lle vale: o paro será tamén o seu destino.

Despois, en lenta ascensión, imos pasando revista á obsesión polo consumo (eses planos coas rúas ateigadas de carteis publicitarios!), ao racismo máis exacerbado (nunha das historias cóntasenos como un grupo de altos executivos viaxan a África para ver unha auténtica tribo salvaxe. Un deles di: “Os auténticos extinguíronse, pero a partir de cachorros de proleta, criados en estado salvaxe, conseguiuse recuperar esa especie desaparecida. ¡A ciencia é grande!“), á corrupción que domina unha boa parte da sociedade.

No quinto relato chegamos ao nivel máis alto. A protagonista é Ilka Meséjic, unha das oito persoas que controla o mundo, aínda que cara á sociedade figure como unha alta directiva dunha empresa de computadoras. Unha persoa que, ao comprobar que a orde económica ameaza con derrubarse, entra en crise e vai visitar un vello membro dese club de elixidos, Einar, agora retirado no campo e dedicado aos seus bonsais. O diálogo non ten desperdicio. Nun momento dado, preguntado polo porqué da súa retirada, Einar contesta: “Perdín a miña fe no Plan… herdamos unha sociedade que era unha tubaria podre… e en vez de cambiala liámonos a lle poñer parches. Rebentará en calquera momento e nós, os directivos, ditadores secretos, determinando pobrezas, riquezas, consumos, producións, éticas, políticas… Non podemos salvala, só prolongar a agonía“. Despois da toma de conciencia, Ilka introduce nos ordenadores os datos suficientes para que o proceso de degradación se acelere, e foxe para o campo, onda Einar.

O resultado do proceso é a desaparición dos estratos tal como estaban configurados e a aparición dunha nova sociedade que se rexe pola lei do máis forte. Coma tal, o proleta do primeiro relato agora é un gánster que controla un sector da cidade; unha sociedade na que xa está inoculado o xerme da autodestrución.

O capítulo derradeiro, brevísimo, ofrécenos a imaxe de Ilka, no seu refuxio do campo, despois da morte de Einar. Decide volver á sociedade (?) e, aínda que promete regresar á casa, a secuencia derradeira, un longo plano fixo que nos marca o paso do tempo, indícanos, nun final aberto, que nunha sociedade así xa non son posibles os privilexios.

A estética de Stratos
A proposta gráfica de Stratos é coherente co contido, como dixen antes. Nas figuras e ambientes búscase deliberadamente unha estética feísta, ateigada de claroscuros. Trátase dun grafismo escasamente compracente co lector, cuns personaxes de trazos caricaturescos, nunha liña tan feroz coma a de George Grosz. Uns personaxes arquetipos, nos que doadamente recoñecemos tipos e comportamentos actuais. O debuxo resólvese case exclusivamente coa utilización da liña, con viñetas nas que os tramados, cunha estética expresionista, recollen o ambiente opresivo axeitado a certas escenas.

Stratos foi, na miña opinión, unha intensa viaxe por un camiño que Miguelanxo Prado explorou minuciosamente, espreméndoo ata as últimas consecuencias. As novas obras (Crónicas incongruentes, Quotidianía delirante) tiñan que ser, forzosamente, diferentes.


** Para saber máis da ampla e diversa obra de MAP é imprescindible a súa páxina web: www.miguelanxoprado.com

** Para coñecer mellor a Miguelanxo Prado: unha longa e substanciosa conversa en Popular TV Galicia:


O texto completo, con todas as imaxes, vídeos e ligazóns, pode lerse no blog de Agustín Fernández Paz: 
http://agustinfernandezpaz.eu/es/blog-afp/

03/12/2014

0 comentários :

Danos a túa opinión