Nabiza Girl en Outeiro de Rei

Redacción.-

O auditorio da Casa Museo Manuel María en Outeiro de Rei acollerá este sábado 24 ás 21 horas As aventuras de Nabiza Girl, un espectáculo cómico da actriz Isabel Risco.

A actuación é parte da programación cultural e lúdica coa que a Fundación Manuel María de Estudos Galegos desexa dinamizar a casa natal do escritor como un espazo en constante movemento de propostas coas que atraer a públicos o máis heteroxéneos posíbeis, ao tempo que ofrecer unha alternativa cultural de calidade durante todo o ano á veciñanza de Outeiro de Rei e da Terra Chá.

Este sábado Isabel Risco chegará a Outeiro de Rei mutada en Nabiza Girl para nos contar, a través dun espectáculo que ten o divertimento asegurado, a historia e andaina desta particular superheroína galega.

Isabel Risco, actriz de recoñecida traxectoria no teatro, a radio, o audiovisual ou a televisión, galardoada en 2013 co Premio Mestre Mateo á mellor Actriz de Reparto pola súa participación no espazo da TVG Era visto!, ofreceranos, como só ela sabe, o mellor da súa espontaneidade e naturalidade nun ambiente distendido e nun lugar de seu máxico para todo tipo de espectáculos que buscan a interacción entre público e escenario: a que foi antiga palleira da casa natal e familiar de Manuel María, que el mesmo retratou nas súas composicións.

As entradas para o espectáculo teñen un prezo de 4 € e pódense reservar por adiantado a través do teléfono 698 177 621 ou do correo-e fundacion@manuelmaria.com. Retiraranse na mesma Casa Museo entre 1 hora e 15 minutos antes do inicio do espectáculo.

22/01/2015

Lois Caeiro recibe o Diego Bernal

Manuel París.- Hoxe tivo lugar en Compostela o acto oficial de entrega do premio Diego Bernal, na súa XX edición, co que foi galardoado o xornalista Luis Rodríguez García (máis coñecido comoLois Caeiro). Recibiuno de mans do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Nuñez Feijóo; e do presidente da Asociación de Periodistas de Galicia (APG), Arturo Maneiro. A semblanza do homenaxeado correu a cargo de Juan Ramón Díaz García, presidente de Editorial  La Capital.
Lois Caeiro (Sobrado dos Monxes, 1951) estudou na Universidade de Comillas e  na  Complutense, onde fixo os cursos de doutorado e da que foi profesor honorífico. Comezou en 1968 a colaborar en El Ideal Gallego. Cronista e comentarista político en Madrid nos anos da transición, posteriormente realizou os mesmos cometidos en Galicia coas primeiras eleccións parlamentarias e a constitución das institucións autonómicas; así, puxo en marcha os servizos informativos daTelevisión de Galicia -dos que foi o primeiro director- e director xeral da Compañía de Radio Televisión de Galicia. Foi tamén director de Atlántico Diario, na saída á rúa do xornal, e participou na posta en marcha de outras publicacións comoGalicia Confidencial ou Galicia, viajes y turismo. Colaborou  no suplemento cultural de YaLa Voz de GaliciaEl Correo GallegoLa Región, Man Común ou Encrucillada, entre outras. Foi correspondente en Galicia de ABC, Actualidad Agrariae da Axencia Logos. Desde o ano 2000 é director do diario El Progreso, de Lugo.
Foi tamén o primeiro responsable de prensa na Delegación do Goberno en Galicia, na Confederación de Empresarios de Galicia e na Xunta de Galicia. Asemade, encargouse de asesorar, en materia de comunicación, a numerosas empresas na nosa Comunidade, como Pescanova, Caixa Ourense ou Dragados. Publicou os libros Aquel mundo (1996) e O xantar da memoria (2003), galardoado co premio nacional de gastronomía Álvaro Cunqueiro. Foi co-tradutor da versión inglesa ao galego de A Biblia dos nenos (SEPT).  Membro do  Consello de Administración da editorial SEPT, do padroado da Fundación Araguaney e de diferentes comisións do Consello da Cultura Galega relacionadas cos medios de comunicación.
A Asociación de Periodistas de Galicia decidiu constituír en 1996 un premio xornalístico denominado Premio Anual APG, que tiña como finalidade premiar toda unha traxectoria profesional de xornalistas galegos que exerceron en Galicia ou fora da nosa Comunidade Autónoma. Tras o pasamento de Diego Bernal, vicepresidente da entidade, a Asociación acordou cambiar a denominación do premio, que pasou a chamarse Premio Diego Bernal, en homenaxe á súa memoria.
O Premio Diego Bernal non ten dotación económica e consta dunha figura tipicamente galega, deseñada segundo a artesanía tradicional de pratería de Compostela. Outórgase ao profesional que se considera máis merecedor do mesmo entre todos os candidatos propostos pola Xunta Directiva da APG, durante unha sesión ordinaria celebrada no último trimestre do ano; e faise público antes de que remate o ano, para ser entregado co gallo do 24 de xaneiro, festividade do Patrón dos Xornalistas.
A APG publicou en 2005 unha recopilación das semblanzas dos dez primeiros premiados e ao longo de 2015 está previsto que faga o mesmo coa relación dos galardoados nas vinte edicións, que integran unha lista de prestixiosos profesionais galegos, aos que agora se engade Lois Caeiro, En edicións anteriores recibiron o galardón: Augusto Assia (1996), Pedro de Llano (1997), Feliciano Barrera (1998), Camilo José Cela (1999), Manuel Fernández Areal (2000), Colectivo de Xornalistas Vascos (2001), Santiago Rey Fernández-Latorre (2002), José Manuel Rey Novoa (2003), Juan Ramón Díaz García (2004), Alfonso Sánchez Izquierdo (2005), Ángel Botana (2006), Blanca García Montenegro (2007), Gerardo González Martín (2008), Perfecto Conde Muruais (2009), Manuel Martín Ferrand (2010), Pepe Domingo Castaño (2011), Pilar Cernuda (2012), Germán Castro Tomé (2013) e José Luis Alvite (2014).

Ser ou non ser, galegos

Xosé Manuel Pacho.- Dicía Ortega no comezo do século XX, nun libro xa clásico, que España non sufría unha enfermidade, era unha enfermidade. Neste sentido, Galicia non chega a ese punto. Galicia todos os días confórmase con sobrevivirse a si mesma. Que, visto o visto, xa é moito. E non falo de política, que tamén, falo da nosa condición, da nosa identidade.

Dunha sinxela observación, podemos concluir que os galegos vivimos nunha negación, nunha contradición, que demasiadas veces non percibimos, ou que se converteu hai demasiados séculos nunha pulsión inconsciente. Non sabemos ser. O trazo máis caraterístico do ser galego é xustamente este, non ser. Porque non ser foi o noso xeito de supervivencia, porque disimular e a camuflaxe foron a nosa salvación. Hai uns anos, Revista de Occidente dedicaba un número, o de novembro de 2008, a esta idea, a esta construción cultural como metáfora contemporánea.

Durante moito tempo, para os galegos a arte de disimular, de pasar desapercibido, foi o noso único camiño. A mímese. Levado ao extremo, o inglés máis inglés de Chelsea seguro que é galego, como o mexicano máis mexicano do D.F. Nesta xeografía mundial apareceron, aparecen e aparecerán galegos vivindo nesa camuflaxe. Ese paisano, Alfonso Graña, rei do xíbaros; ese pintor nacido en Cangas do Morrazo, Angel Botello, considerado como o Gauguin do Caribe; ou un empresarios como José Oreiro "Pepe",  rei de Rio de Janeiro. O paroxismo da nosa identidade ten un momento sublime no século XX, cando comparamos a Casares Quiroga, o último Presidente da República, con Franco, o ditador que deu o golpe de estado, os dous galegos, e que teñen en común xustamente que poderían ser de calquera sitio menos da Galiza.

De xeito que así, tempo por tempo, fomos acomodando a nosa condición de galegos a esa idea de mímese, de disimulo. E chegou a democracia. Chegou un tempo onde os pobos podíamos avanzar. Pero para nós, esa mímese, converteuse na nosa némese, no noso inimigo. E arrastramos esa confusión derivada da nosa historia en todos os campos. Nos nosos políticos en xeral, e nos nacionalistas en particular. Esa é a única explicación do que está a acontecer con Beiras, con AGE, co BNG... Pero non é mellor na nosa cultura, que de tanto vivir de axudas, de tanto disimular, xa non sabe ser. Dicimos que somos alternativos, como Chévere, pero vivimos de subvencións. Dicimos que somos modernos, pero imitamos modelos que xa están pasados hai moito tempo, como se ve na película de A esmorga.


Doe máis todo isto cando pasa na cultura, porque a cultura é o mellor que somos como sociedade. A solución para ser modernos, para revindicar a nosa identidade é ben doada. Só temos que mirar cara adentro. Mirar cara a nós, para ver a Blanco Amor, a Celso Emilio, a Cunqueiro... Este é o único xeito de que Galicia sexa. Ser nós.

18/01/2015

Os cervos e o calígrafo

Redacción.-

O proxecto titulado ONDE BEBEN OS CERVOS QUE AMANSOU O CALÍGRAFO é unha iniciativa de colaboración entre dous artistas ourensáns, Carlos González Villar e Baldo Ramos, que se bifurca en dúas achegas:
- Por un lado, a edición dun libro de artista de elaboración totalmente artesanal que ten como vértice de unión a reconstrución dun espazo e dun tempo simbólicos que sitúa o seu referente nas Terras de Celanova (concretamente nas aldeas de Sorga e Quintas).
A edición consta de 5 poemas de Baldo Ramos e cinco gravados de Carlos González Villar, nos que a presenza deses espazos do rural ourensán serven de punto de partida para esculcar nas posibilidades plásticas e literarias destas localizacións nas que os dous autores teñen parte das súas raiceiras familiares.
Esta obra foi dada a coñecer en decembro de 2013 no Centro de Arte Moderno de Madrid e, en marzo de 2014, no Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense, ao aveiro dunha exposición conxunta dos dous artistas
Parte destas obras poden verse agora na galería luguesa Clérigos, na que tamén se amosarán os gravados e os poemas que conforman a edición do libro de artista do mesmo nome.
Os traballos de Carlos González Villar e Baldo Ramos teñen como punto de encontro as raiceiras comúns ourensanas, a caligrafía como ponte entre a literatura e a pintura e o soporte papel como vínculo coa cultura popular e o mundo dos libros.

O mirante de xaneiro

Carlos Neira Cortizas.-

Con este nome dei a coñecer hai uns meses as miñas estimacións sobre as eleccións xerais en España. Trátase dunha síntese analítica de datos alleos que decidín ofrecer de forma gratuíta á AMEGA nun intento de promover a cooperación entre os medios privados en lingua galega.

O Mirante non é unha enquisa. A aclaración é importante, pois é un erro bastante común encadrala ao lado doutros datos que si proceden de traballos de campo específicos. Trátase dunha estimación que utiliza datos alleos, e baséase para o seu cálculo na eliminación dos nesgos ou desvíos sistemáticos nos que incorren os institutos demoscópicos -e cadanseus clientes.

Dun tempo a esta parte O Mirante analiza tamén outras fontes de datos diferentes das enquisas tradicionais. É o caso das estimacións realizadas por outros analistas con base en microdatos de enquisas devoltos ao dominio público. Un terceiro tipo de datos utilizados son os paneis de (máis ou menos) expertos en liña que con certa periodicidade elaboran tamén as súas propias estimacións. A inclusión deste último tipo abusa dos fundamentos estatísticos do método, pero teño comprobado que axuda a consolidar a miña estimación.

En primeira instancia O Mirante publica só estimacións de voto para as eleccións xerais, por ser aquelas para as que hai máis datos dispoñibles. Non descarto, porén, ampliar a estimación ao reparto de escanos, ou implementar o método para outras eleccións como as autonómicas galegas ou mesmo as municipais -aquí inevitablemente de xeito agregado. Obviamente para iso son precisos non só máis datos dos que existen na actualidade senón a aplicación de novas metodoloxías, o que resulta complexo e require dun tempo do que non dispoño.

O Mirante é o nome co que bapticei este traballo, tratando de apartarme das denominacións que tradicionalmente reciben as prospectivas electorais publicadas polos medios de comunicación. Mirante é unha palabra galegoportuguesa, non recollida polo Dicionario da RAG pero si polo Estraviz e por todos os dicionarios portugueses, que ten na forma miradoiro o sinónimo máis extendido entre nós. O seu signficado xoga coa miña posición como observador atento dos acontecementos desde unha posición distante e neutral.

Estimación de xaneiro


Os principais comentarios que me merecen os resultados son:

  • Podemos segue como primeira forza, mais detén o seu crecemento, vendo reducida a un punto a súa vantaxe sobre o Partido Popular.
  • O Partido Popular recupérase, e tralos escándalos de corrupción coñecidos no mes de outubro que afundiron os seus apoios, medra por vez primeira nos últimos catro meses. Perde, con todo, máis de 5 puntos desde o final do verán.
  • O maior cambio deste mes é o retroceso do PSOE, que cae un punto no último mes e dous desde outubro, o que converte nun bluff a rexeneración personificada en Pedro Sánchez. O PSOE afástase significativamente de Podemos e o PP, co que se desfai o triple empate que aínda tentan trasladar á opinión pública algúns medios.
  • Segue a existir unha maior variabilidade entre as forzas minoritarias, máis afectadas pola volatilidade xeral, dependentes dos cambios experimentados polas tres primeiras forzas, e tamén pola maior marxe relativa de erro estatístico inherente ás súas estimacións. IU mantén por pouco a cuarta posición, e a tendencia é que Ciudadanos cómelle terreo paulatinamente a UPyD fóra de Cataluña.
  • ERC comeza a acusar o xiro dos acontecementos en relación co proceso soberanista, ao tempo que CiU detén o seu retroceso. Cabe esperar un intercambio de posicións entrambos nos próximos tempos.
  • Entre o resto de formacións nacionalistas destaca a caída de EH Bildu. Como outras forzas nacionalistas situadas na esquerda están a sufrir, en maior medida que as instaladas na dereita, a auxe de Podemos.

O informe público do Mirante de xaneiro pode descargarse aquí.

José André Lôpez Gonçâlez

Antón de Guizán.-

Poucos Chairegos saberán que un paisano seu, concretamente dos Vilares, é o principal investigador e impulsor da figura do Apalpador, do que fixo investigación de campo no Courel e artigos e escritos para a recuperación desta figura que ano tras ano está a medrar no nadal cómo unha figura propia, autóctona que compite cos reis de Oriente e o Noël nórdico. http://www.pglingua.org/images/stories/pdfs/2008/20061231_o_apalpador_jose_andre_lopez.pdf

José André Lôpez Gonçâlez naceu nos Vilares, no lugar da Ponte en 1955 e mantén parentesco co señor Pedro, o Trapeiro dos Vilares pois o seu avó era irmao deste. Aos cinco anos marchou coa familia para a parroquia tamén chairega de San Xoán de Alba.

Estudou ciencias da imformación e traballou en Euskadi durante moitos anos. agora mesmo reside en Madrid. Ademáis de delegado de ventas dunha empresa, ten destacado pola súa militancia nacionalista e por ser un respetado tradutor, poeta ensallista. Hoxe, mantense activo nesa liña desde as terras da capital do estado.

Impulsor de publicacións e revistas de pensamento marxista e colaborador de iniciativas a prol do galego e da
norma reintegracionista, mantén grande amizade co vilarego Raúl Río e ten adicado un fermoso poema a Díaz Castro cando coñeceu o seu pasamento e que reproduzo:

NA MORTE DO GRANDE POETA GALEGO JOSE MARIA DIAZ CASTRO

(2 de outubro de 1990)

O escultor Raul Rio Diaz deu-me a triste nova da morte do grande poeta por telefone dizendo apenas: “morreu o Diaz Castro” e mais nada disse. Eu fiz este soneto essa mesma noite, transido de dor, em homenagem e honra ao grande poeta.

“E um cão que estava deitado, ergueu a testa e as orelhas,
era Argos, o cão do paciente Odisseu, que o herói criara
mas teve de o deixar quando partiu para a sagrada Ilião”

Homero, a Odisseia

Honor àquele que navegou os mares
para voltar à Pátria inesquecida
e envolto na saudade lentescida
nos trouxe a nau povoada de cantares.

Bogaste junto a nós para nos dares
Nimbos de luz, e agora, na partida,
fica um recendo a erva florescida,
Ulisses Diaz Castro dos Vilares.

Por Vilarinho a terra se outoniça
e bradam os bois longos letargos:
“Um passo adiante e outros atrás, Galiza”

Um dia hão voltar passos amargos
e bandeiras de Parga a Pastoriza
quando te reconheçamos, como Argos.

Pastora Veres ten contactado tamén con José André para o seu proxecto de Os Vilares, lareira de soños.

XXVI Festa dos Manol@s

Redacción.-

O pasado venres, 17 de xaneiro, xuntáronse, coma tódolos anos, os Manolos e Manolas da comarca da Terra Chá para cear. A XXVI xuntanza tivo lugar no restaurante Montero (Vilalba).

Regresa a revista dixital A Voz de Vilalba

https://drive.google.com/file/d/0B1jBgjzQBXUGS2FXa0NJMnlydE0/view?usp=sharing
Redacción.-

Regresa de novo a revista dixital A Voz de Vilalba coa nova periodicidade semestral, tal e como anunciamos o pasado verán. O presente número (que fai xa o 73) inclúe parte dos contidos publicados na web entre xullo e decembro de 2014.

Nesta ocasión publícanse textos de Helena Villar Janeiro, Xosé Manuel Pacho Blanco, Antón de Guizán, Germán Castro Tomé, Xulio Xiz, Moncho Paz, Agustín Fernández Paz, Xoan Xosé Fernández Abella, Paulo Naseiro, Miguel Martínez Panero, Fermín Bouza, Mario Paz González, Santiago Veloso, Miguel Barrera, David Otero, Martiño Maseda, Ramón Chao, Antón Baamonde, Xabier P. Igrexas, Modesto Renda Santiso e Fran Alvedro.

Como sempre, pode descargarse na nosa Hemeroteca ou picando na imaxe que acompaña a este texto.

10/01/2015

XXIX Festival de Polifonía e Panxoliñas

Redacción.-

Como ven sendo habitual por estas datas, a Coral Polifónica Vilalbesa organiza para o vindeiro martes, día 6 de xaneiro de 2015, ás 20:30 do serán, o XXIX Festival de Polifonía e Panxoliñas que terá lugar no Auditorio Municipal de Vilalba e coa participación da Coral Polifónica Municipal "Virxe do Monte" de Cospeito; A Coral Polifónica "Luar", do Centro Sociocomunitario de Vilalba, e a Coral Polifónica Vilalbesa.

05/01/2015

O Vispalia, derradeiro capador da Chaira

Antón de Guizán.-

Serafín Vispalia (1902-1882) foi o derradeiro capador da Chaira, un oficio itinerante hoxe desaparecido pero moi importante naqueles tempos de posguerra nos que nas casas o gando e os cultivos servían para asubsistencia das familias e pouco máis.

Os capadores non só atendían cochos, senón carneiros e outras especies no período da primavera verán ademáis de facer outras labores veterinarias como operar as lurpias das vacas ou axudar con cesareas, eran tamén menciñeiros da cabaña animal de cada casa.

O Vispalia foi máis que un capador ou un menciñeiro, percorreu coa súa mula a Chaira desde Guitiriz a Outeiro de Rei, desde Friol a terras de Meira e era coñecido e recoñecido en tódalas casas pola súa bondade e bó talante, cobraba no que que podían pagar, que naqueles tempos era pouco.

nado en Cospeito nunha parada de bestas e burras, resideu casi sempre en Goiriz, onde viven varios dos seus fillos. Gustaba do seu traballo e deixou amigos por onde pasaba.

Lembroo de cativo cando chegaba á casa de Ferreira en Lanzós naquela mula que para min resultaba imponente e escondíame porque tanto él como o pranto dos cochos me producían medo.

Xa maior, lembroo paseando co seu fillo Moisés e a súa nora Alicia e sempre levaba no peto da chaqueta aquela navalla de capador que sempre foi parte del, o símbolo do que el representa para a historia chairega.

Aínda hoxe, os seus fillos Manuel e Moisés lembran fachendosos a súa memoria e contan anécdotas divertidas deste cabaleiro chairego.

O poeta da Terra Chá, Manuel María, ten falado do Vispalia nos seus artigos co pseudónimo Manuel Hortas Vilanova no semanario A Nosa Terra, porque non se.pode escribir unha historia da Terra Chá sin lembras ao Vispalia.

Contan que na súa cabeza, foi capador até o día da súa morte, orgulloso dun oficio hoxe desaparecido, que exerceu con
grande profesionalidade e bondade e que tanto ben fixo en centos de casas.

Na foto, o Vispalia coa súa mula e un neto.

01/01/2015