Ser ou non ser, galegos

Xosé Manuel Pacho.- Dicía Ortega no comezo do século XX, nun libro xa clásico, que España non sufría unha enfermidade, era unha enfermidade. Neste sentido, Galicia non chega a ese punto. Galicia todos os días confórmase con sobrevivirse a si mesma. Que, visto o visto, xa é moito. E non falo de política, que tamén, falo da nosa condición, da nosa identidade.

Dunha sinxela observación, podemos concluir que os galegos vivimos nunha negación, nunha contradición, que demasiadas veces non percibimos, ou que se converteu hai demasiados séculos nunha pulsión inconsciente. Non sabemos ser. O trazo máis caraterístico do ser galego é xustamente este, non ser. Porque non ser foi o noso xeito de supervivencia, porque disimular e a camuflaxe foron a nosa salvación. Hai uns anos, Revista de Occidente dedicaba un número, o de novembro de 2008, a esta idea, a esta construción cultural como metáfora contemporánea.

Durante moito tempo, para os galegos a arte de disimular, de pasar desapercibido, foi o noso único camiño. A mímese. Levado ao extremo, o inglés máis inglés de Chelsea seguro que é galego, como o mexicano máis mexicano do D.F. Nesta xeografía mundial apareceron, aparecen e aparecerán galegos vivindo nesa camuflaxe. Ese paisano, Alfonso Graña, rei do xíbaros; ese pintor nacido en Cangas do Morrazo, Angel Botello, considerado como o Gauguin do Caribe; ou un empresarios como José Oreiro "Pepe",  rei de Rio de Janeiro. O paroxismo da nosa identidade ten un momento sublime no século XX, cando comparamos a Casares Quiroga, o último Presidente da República, con Franco, o ditador que deu o golpe de estado, os dous galegos, e que teñen en común xustamente que poderían ser de calquera sitio menos da Galiza.

De xeito que así, tempo por tempo, fomos acomodando a nosa condición de galegos a esa idea de mímese, de disimulo. E chegou a democracia. Chegou un tempo onde os pobos podíamos avanzar. Pero para nós, esa mímese, converteuse na nosa némese, no noso inimigo. E arrastramos esa confusión derivada da nosa historia en todos os campos. Nos nosos políticos en xeral, e nos nacionalistas en particular. Esa é a única explicación do que está a acontecer con Beiras, con AGE, co BNG... Pero non é mellor na nosa cultura, que de tanto vivir de axudas, de tanto disimular, xa non sabe ser. Dicimos que somos alternativos, como Chévere, pero vivimos de subvencións. Dicimos que somos modernos, pero imitamos modelos que xa están pasados hai moito tempo, como se ve na película de A esmorga.


Doe máis todo isto cando pasa na cultura, porque a cultura é o mellor que somos como sociedade. A solución para ser modernos, para revindicar a nosa identidade é ben doada. Só temos que mirar cara adentro. Mirar cara a nós, para ver a Blanco Amor, a Celso Emilio, a Cunqueiro... Este é o único xeito de que Galicia sexa. Ser nós.

18/01/2015

0 comentários :

Danos a túa opinión