A biografía "non autorizada" de Rouco

Ramón Chao.- O teólogo José Manuel Vidal acaba de publicar unha biografía “non autorizada” do noso paisano Antonio Rouco Varela. Empezaron a traballar a catro mans nunha biografía autorizada, ata que Rouco rompeu o acordo e a obra converteuse en “non autorizada”.

Sabemos que o vilalbés non soportaba o ton libre e ata crítico que José Manuel Vidal levaba, e este, á súa vez, negouse á censura. Da vida privada de Rouco, os vilalbeses estabamos ao tanto de todo o que figura nesas páxinas, e moito máis. Por exemplo, eu que o coñezo e tratei moito desde a nenez, non ignoraba que o seminarista era tosco, brutal e testarudo. No comedor familiar do noso Hotel Chao era, xunto con Pardeiro, o que chistes máis verdes contaba, o máis brutal e violento coas bandas rivais, polo que avisaban: Coidado, que vén o bronco Varela!. Ese carácter dúralle ata hoxe.


O seu biógrafo di que o cardeal instaurou un clima de medo na Igrexa católica española, un clima insano, paralizante, que non permitía axuntar esforzos, que dividía e encerraba a cada cal no seu gueto. Medo que mantiña aos provinciais, aos superiores e aos propios bispos pendentes dun telefonazo e, polo tanto, sen poder ser libres nin promover a sa liberdade dos fillos de Deus entre os seus cregos, frades, monxas e fieis. Como consecuencia, estendeuse a autocensura e a néboa do medo o que recubría todo. Rouco e os seus non querían teólogos secretarios dos bispos. Querían simples papagaios do maxisterio. E estaban decididos a acabar con todos os que non se pregasen á súa santa vontade.

O biógrafo Vidal trata de buscarlle desculpas no estreñemento que Rouco sufriu desde sempre, de orixe nerviosa, desde que xa en Salamanca os seus compañeiros facían risas das súas dificultades para evacuar, e cando vían un servizo pechado, dicían: “Xa està Rouco no labor”.

Xuízo semellante emite quen foi o seu profesor en Mondoñedo, o meu irmán Xosé Chao. Díxolle a Vidal que é “un home moi depresivo e moi estreñido, de saúde moi precaria, o cal afecta á escasa seguridade que ten en si mesmo, malia aparentar todo o contrario”. Pois aínda que xa intuísemos todo isto, recomendamos a lectura desta biografía non autorizada que tantas sombras disipa, e tantas luces ofrece. 

_______________________________________

Vidal, José Manuel: Rouco. La biografía no autorizada (ISBN: 978-84-666-5559-0)

05/02/2015

1 comentários :

Danos a túa opinión