Fernández Paz candidato ao premio Andersen

Redacción.-

A Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (LIX), Gálix, informou recentemente do nomeamento do escritor Agustín Fernández Paz como candidato ó Premio Andersen, o máis prestixioso do xénero da LIX. O autor galego foi escollido pola Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil, (Oepli), que en anos anteriores propuxera para o galardón a creadores como Ana María Matute, Bernardo Atxaga, Jordi Sierra i Fabra ou José María Sánchez Silva.

Os principais autores europeos de LIX están representados na nómina de gañadores deste premio, convocado polo IBBY. "Síntome moi honrado", comentou onte Fernández Paz. "Son moi afortunado polo recoñecemento que recibiron os meus libros", engadiu. Un cualificado xurado internacional de especialistas é o encargado de outorgar cada dous anos o Premio Hans Christian Andersen. Os galardoados son un escritor e un ilustrador, cuxa produción contribúa a engrandecer a literatura infantil e xuvenil, informa a Oepli na súa web. O galardón, patrocinado pola raíña Margrethe II de Dinamarca, en honor ao escritor danés, concédese por primeira vez en 1956 a un escritor/a e dez anos máis tarde, ampliouse aos ilustradores.

A Oepli, como sección española do IBBY, é a encargada de presentar os candidatos/as españois ao premio. O ditame do Andersen farase público dentro dun ano, na Feira de Bolonia de 2012, e a entrega de Medallas realizarase durante o 33º Congreso de IBBY, que se celebrará en Londres, o mesmo ano.

Agustín Fernández Paz, que recibiu xa premios como o Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil no 2008, e recentemente recibiu o Premio de Cultura galego polo seu desacordo coa política cultural e lingüística do actual Goberno, remata estes días a súa vindeira novela, que Xerais publicará na colección Narrativa antes do verán, ao tempo que corrixe as probas de Fantasmas de luz, libro ilustrado por Miguelanxo Prado que aparecerá no mes de setembro.

26/02/2015

0 comentários :

Danos a túa opinión