Programa "Musiqueando..." 2015

Redacción.-

O responsable de Cultura e Turismo e voceiro do BNG na Deputación, Mario Outeiro, aproveitou a habitual rolda de prensa posterior á xunta de goberno para dar conta da publicación onte das bases para participar nunha nova edición do programa ‘Musiqueando pola provincia de Lugo 2015’, que volve ter como obxectivo “achegar a música popular a todos os recunchos de Lugo, potenciando a música tradicional traballada por numerosos grupos, corais e bandas nas distintas comarcas lucenses e incrementando as posibilidades de que teña un oco nas festas patronais dos nosos concellos”, sinalou Mario Outeiro.

O responsable de Cultura do organismo provincial destacou que, pese aos recortes orzamentos, “mantemos a partida destinada para este programa, que ascende a 85.000 euros”, concretou. Entende que este é un novo exemplo “da nosa decidida aposta pola nosa cultura, nun momento no que está a verse fortemente atacada e afectada polos recortes dos gobernos do Partido Popular. Unha cultura popular e de base que está no cerne da existencia de Galiza e coa que todos e todas debemos implicarnos e comprometernos para seguir mantendo as nosas tradicións”, afirmou.

Outeiro agarda que este programa teña tamén este ano a estupenda acollida coa que contou nas pasadas edicións dende os concellos da provincia, dende o tecido asociativo, así como por parte dos grupos tradicións, bandas e corais que cada ano se suman a participar do mesmo: “Na convocatoria de 2014, corais, bandas e grupos tradicionais ofreceron un total de 108 actuacións por toda a provincia, sendo as dos grupos tradicionais as máis demandadas polos concellos, comisións de festas e asociacións”.
 

Cambios nos cachés das bandas
 Un dos principais cambios desta edición con respecto ás anteriores é unha variación nos cachés das bandas, “escoitando a demanda que dende o sector fixeron chegar á Área de Cultura”, sinalou Outeiro. Inclúese un novo tramo para as bandas con máis de 25 integrantes. Deste xeito, os cachés das actuacións de ‘Musiqueando pola provincia de Lugo 2015’ serán de 1.000 euros para as bandas de ata 25 integrantes, 2.000 euros para as bandas de máis de 25 membros e 500 euros para as corais e grupos de música tradicional. O que se mantén sen cambios é o pago das actuacións. A Área de Cultura e Turismo da Deputación aboaralle aos grupos o 80%, mentres que as comisións de festas, asociacións ou concellos que soliciten actuacións comprométense a pagar o 20% restante.

Unha vez publicadas as bases no día de onte, “os grupos que queiran participar neste programa dispoñen dun prazo de 30 días naturais para inscribirse, contados a partir da publicación. Mentres tanto, desde onte e ata o 31 de marzo poderán formalizar a súa solicitude as entidades que así o desexen”, explicou Mario Outeiro.

Pódese acceder ás bases do programa na seguinte ligazón:

http://www.v1deputacionlugo.org/media/documentos/Musiqueando_2015.pdf

Adquisición escultura Asorey
Así mesmo, Mario Outeiro tamén deu conta da aprobación da compra dunha escultura de Francisco Asorey por 35.000 euros. “Trátase do ‘Cristo Redentor’, unha peza en mármore que estaba localizada no interior do panteón que ten a familia Fernández López no cemiterio de San Froilán. É unha obra dun dos mellores, senón o mellor, escultores galegos do século XX e que é de sobra coñecido polos lucenses porque no Museo Provincial de Lugo xa hai dúas fermosísimas pezas del: ‘A ofrenda a San Ramón’ e o ‘San Francisco’. A primera é propiedade da propia galería lucense, mentres que a segunda é un depósito do Museo Raíña Sofía”, explicou.

O delegado de Cultura do organismo provincial tamén apuntou que “é unha exquisita mostra de escultura funeraria, da que Asorey deixou singulares exemplos. Neste caso, o escultor nado en Cambados, que formou parte da Xeración Nós xunto a Castelao, Otero Pedrayo ou Vicente Risco, elaborou unha figura tallada nunha única peza de mármore, que representa a Xesucristo a escala real, de corpo enteiro, de pé e que coas mans sostén sobre o peito a sagrada forma. As súas medias, aproximadas, son de 180x65x30 centímetros e conta cunha base de 41x36 cm”, apuntou.

Outeiro tamén sinalou que “a figura está pensada para ser vista de fronte, á  maneira da arte exipcia, e caracterízase pola simetría, a rixidez, o xeometrismo das formas e a inexpresividade do rostro, particularidades todas elas que nos remiten ao ‘kuros’ grego. O tratamento do cabelo e os pregamentos da túnica son un claro exemplo de inspiración arcaica”, manifestou.

Xunto á colección de Álvaro Gil enriquecemos os fondos do Museo
Finalmente, o responsable provincial de Cultura asegurou que “coa adquisición desta obra reforzamos a presenza de Asorey no Museo Provincial, sobre todo porque esta peza é un contraste total coas outras dúas existentes, non só por ser de un material diferente senón polos seus detalles, xa que é dun estilo totalmente diferente. Con esta adquisición e coa volta da colección de Álvaro Gil temos claro que enriquecemos os fondos do Museo”, concluíu.

17/02/2015

0 comentários :

Danos a túa opinión