Conferencia de Moncho Paz en Madrid

Redacción.- O xornalista e consultor Moncho Paz participou onte nunha sesión do Seminario Permanente organizado polo Instituto de Humanidades da Universidad Rey Juan Carlos (URJC) de Madrid. Dirixido polos profesores Luis Palacios e Felipe Debasa, a presente edición trata sobre "aventuras e temas interesantes do noso tempo que non se poden explicar por WhatsApp", como indicaba Debasa na presentación do ponente. 

A intervención de Moncho Paz levou por título "Do local ao global: oportunidades no terceiro milenio para os alumnos de xornalismo" e nela fixo referencia á fundación de A Voz de Vilalba en 1983, aos seus comezos no xornal El Progreso e ao salto hacia o mundo da comunicación corporativa, primeiro como xefe de prensa da Asociación de Empresarios de Artes Gráficas de Galicia e posteriormente no sector servizos, ao fronte da Dirección de Comunicación dunha gran empresa de enxeñería, arquitectura e consultoría, que na actualidade conta cunha forte proxección internacional, realizando proxectos en máis de 120 países de todo o mundo.

"Unha cuestión moi importante nesta profesión é ser capaz de compaxinar o desenvolvemento da túa actividade principal co libre exercizo do xornalismo, como colaborador en prensa -escrita e dixital- ou como tertuliano en radio e televisión, coa finalidade de manter sempre o contacto directo cos medios de comunicación e os foros profesionais", sinalou Paz nunha das súas reflexións no Salón de Graos da URJC, onde se deron cita preto de cen alumnos.

26 de mar. de 2015

VII Serán de Froles Mareliñas

Redacción.-

O sábado 21 de marzo, a partir das 21,30, celébrase o VII Serán de Froles Mareliñas en Redondela, dentro do local desta asociación cultural, na nave amarela de Renfe da antiga estación de Chapela, por iso a chuvia non é motivo para quedar na casa.

Poderase cantar, tocar, bailar, tomarse unha cervexa, un bocata e haberá sorteos e para retomar forzas, a media noite invitarase a xamón asado e a chocolate quente con algo para mollar. Os integrantes da asociación pregan a todos que axuden a manter viva as nosas tradicións levando amigos, familia e sobre todo, que non falten os nenos "Engánchaos ao folclore".

18 de mar. de 2015

Roteiros dos Vilares

Antón de Guizán.-

Os Vilares, lareira de soños, está a preparar para esta primavera-verán diversis roteiros na parroquia.

Estes roteiros estarán deseñados para o coñecemento e disfrute da paisaxe ademáis da historia, patrimonio e literatura da mesma, serán gratuitos e desenvolveranse por contidos temáticos.

Os primeiros serán os seguintes:

-Roteiro das fontes e regatos.
-Roteiro dos penedos.
-Roteiro dos Muíños.
-Roteiro do patrimonio.
-Roteiro do poeta Díaz Castro.

Estas actividades tentan chamar a atención do abandono do patrimonio natural, histórico e arqueolóxico, poñer en valor as potencialidades, coñecer a parroquia do noso poeta e reivindicar actuacións para o ben común dos Vilares.
Todas irán dirixidas e comentadas por persoas coñecedoras dos temas aos que se adique. ada andaina.

As rutas diseñarande con eses contidos específicos e durarán desde primeiras horas da mañá ata ben entrada a tarde, con xantar no medio das rutas que serán de dificultade baixa para que sexan asequibles a calquera persoa e sempre tentando que a previsión meterolóxica sexa acaída para o seu disfrute.

A socialización e coñecemento da parroquia é un dos eixos deste proxecto que se sumará ao libro, o documentario e outras accións previstas.

Da primeira ruta, aproximadamente nun mes informaremos nos nosos soportes http://dosvilares.com e www.Facebook.com/osvilares ademáis doutros medios.

16 de mar. de 2015

Os camiños da brétema

Redacción.-

Onte sábado, 14 de marzo, ás 18.00 hora a área de Cultura da Deputación de Lugo, a través da Rede Museística e do Museo Provincial de Lugo programou, coa colaboraciómn do concello da Pontenova, o recital foto-poético Os Camiños da Brétema, co que 18 escritores e escritoras queren chamar a atención sobre o despoboamento do rural galego nun acto que incluirá tamén música ao vivo sobre unha selección de imaxes de Vicente Ansolado, o fotógrafo cántabro asentado na Pontenova.

Pode situarse na década dos cincuenta o punto de partida dun proceso de despoboamento dos núcleos rurais galegos que continuou ata hoxe, deixando un saldo de máis de 3.000 aldeas deshabitadas.Palabra e imaxe atópanse e mistúranse en Os Camiños da Brétema. As e os poetas poñen voz a través dos seus poemas a unha selección de fotografías escollidas polo propio Vicente Ansola para a ocasión, todas elas tomadas no concello de A Pontenova e pertencentes aos seus traballos O pobo das néboas e A última polavila. Este acto multisensorial contará con música en directo, a do cantautor ferrolán Miguel Alonso e a do grupo astur-galaico de acordeón e voz Green Label.

EXPOSICÓN. Os Camiños da Brétema. Exposición foto-poética de Vicente Ansola e Porta Verde do Sétimo Andar

Refectorio do MPLugo
(do 14 ao 31 de marzo de 2015)

Horario de visitas
Luns a venres: 9:00 a 21:00 h.
Sábados: 10:30 a 14 e de 16:30 a 20 h.
Domingos e festivos: 11 a 14 h.
Entrada gratuíta

15 de mar. de 2015

Axudas no Fogar da Deputación de Lugo

Redacción.-

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou o pasado venres 13 de marzo a contía das axudas destinadas ao financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) básico para os concellos con menos de 20.000 habitantes da provincia. O vicepresidente da institución e responsable da área de Benestar Social, o nacionalista Antonio Veiga, explicou na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno que a contía total que se destinará a esta liña de axudas ascende a 700.000 euros, 25.000 máis con respecto ao 2014. “Mentres a Xunta recorta en Servizos Sociais, nós aumentamos os fondos destinados a atender ás persoas máis vulnerables”, salientou Veiga.

Veiga informou que “hoxe aprobamos as bases que rexerán o procedemento de concesión de subvencións en réxime de concorrencia para os gastos de axuda no fogar dos concellos da provincia que teñen menos de 20.000 habitantes, que son todos os concellos agás o de Lugo cidade. Destinamos este ano para tal final 700.000 euros, superando os 675.000 do pasado ano, polo que seguimos na liña de apostar polo Benestar e de manter un servizo tan importante como o de axuda no fogar básico”, remarcou.

O vicepresidente provincial lamentou que “a Xunta se siga desentendéndose deste servizo, xa que volvemos ser concellos, usuarios e Deputación os que o cofinanciamos, cando de todos é sabido que a Xunta ten que poñer cartos para este servizo, como recolle a última sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, que establece que as dúas institucións teñen que colaborar marcando cal é a porcentaxe que debe aportar cada unha. A Xunta non pode eludir a súa responsabilidade, algo que leva facendo desde o ano 2012”, criticou.

Sostén preto de 3.000 postos de traballo

Con esta deixación de funcións, “unha vez máis a Xunta lle está adebedando cartos aos concellos e está provocando que ese servizo sexa máis caro e repercuta en máis carga impositiva para os usuarios do mesmo, que son máis de 2.400 lucenses. Así mesmo, insistiu na importancia deste servizo, “non só polas atencións que se prestan, senón tamén polo cantidade de empregos directos, principalmente femininos, que xera. Estamos falando de que ao redor de 3.000 persoas traballan neste servizo”, destacou Antonio Veiga.


Feijoo deixa tiradas ás persoas maiores da provincia de Lugo

O responsable da área de Benestar incidiu en que “unha vez máis vemos como o Partido Popular, neste caso na provincia de Lugo, deixa tirados aos concellos e, polo tanto, a unha poboación fortemente envellecida e con necesidades especiais. Ten que ser de novo a Deputación, a través de Benestar, a que se implique para facer máis accesible este servizo, xa que sen a axuda do organismo provincial sería imposible que fose prestado”, asegurou.

Así mesmo, comparou a aportación da Deputación de Ourense coa de Lugo. “A de Ourense, que curiosamente asinou convenio coa Xunta, destina nada máis que 600.000 euros cando ten cerca de 90 concellos. Polo tanto, a Deputación de Lugo cumpre, só falta que o faga a Xunta”, recalcou.

Agarda que volvan presentar solicitude todos os concellos

Veiga recordou que os concellos terán de prazo 30 días para presentar as súas solicitudes e agarda que, como no 2014, “volvan participar todos os concellos da provincia. Son en total 66 dos 67 que ten a provincia, xa que o único excluído, por motivos de poboación, é o de Lugo capital”, explicou. Finalmente, resaltou que “curiosamente, hai concellos onde ten maioría o PP nos que instou á Xunta a poñer os cartos que non puxo nos últimos anos. Polo tanto, hai malestar entre moitos alcaldes populares que non entenden como a Xunta se desentende deste asunto”, concluíu.

Enredando con títeres na Manuel María

Redacción.-

A Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei, acollerá este sábado 14 de marzo unha nova actividade encadrada na súa programación trimestral de actividades culturais. Trátase dun obradoiro de elaboración de títeres e monicreques dirixido a nenas e nenos de 6 a 12 anos, coa proposta de que os acompañe algunha ou algún familiar.

A proposta “Enredando con títeres” desenvolverase en dous horarios diferentes, dando opción a que as nenas e nenos interesados se poidan anotar no grupo que queiran: ou ben o de mañá, entre as 11 e as 13.30, ou ben o de tarde, entre as 16 e as 18.30. O obradoiro finalizará cun pequeno conto.

O prezo de inscrición no obradoiro é de 5 € e as prazas son limitadas, polo que cómpre inscribirse previamente chamando ao teléfono 698 177 621 ou a través do correo electrónico  HYPERLINK "mailto:fundacion@manuelmaria.com"fundacion@manuelmaria.com.

Con esta iniciativa, que busca ofrecer os espazos da Casa-Museo Manuel María á xente máis nova a través da creatividade e o xogo, colaboran a Fapacel (Federación de apas de centros públicos da provincia de Lugo) e a área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo.

14 de mar. de 2015

Adeus ao xornalista Luis Mera

Redacción.- Luis Mera Naveiras, un dos máis destacados representantes da actividade cultural de Ferrol e membro do Consello da Cultura Galega, finou onte á noite aos 73 anos de idade. Mera estaba aqueixado dunha grave enfermidade. Nado en Ferrol en 1942, Mera protagonizou ao longo da súa vida unha intensa actividade no mundo da animación cultural en Ferrol, especialmente no eido da música. Insignia de Ouro do Concello, tamén recibiu -entre outros galardóns- o Premio Diario de Ferrol á Cultura no ano 2007. O seu compromiso levouno ademais a xogar un activo papel no Club de Prensa, no que actualmente estaba a desenvolver as funcións de secretario.

A súa enfermidade e recente ingreso hospitalario levou precisamente á entidade a pospoñer o fallo do Premio Internacional de Liberdade de Prensa “José Couso”, do que foi un dos seus inspiradores. O pasamento do intelectual reportou o pésame de numerosos amigos e personalidades, ademais de institucións como o propio Concello de Ferrol, que sumouse á dor da familia e recoñeceu a “súa valiosa contribución á nosa cultura”. Luis Mera será despedido hoxe, ás sete da tarde, nun acto que terá lugar no tanatorio Artabria. As súas cinzas repousarán en Loiba (Ortigueira).

13 de mar. de 2015

Aquí Radio España Independiente

“Aquí Radio España Independiente, Estación Pirenaica”

(Na imaxe, en Bucarest, o equipo que facía as emisións da Radio Pirenaica)

Agustín Fernández Paz.-

O 13 de febreiro, celebrábase o Día Mundial da Radio. Para as persoas da miña xeración, a radio foi un medio importantísimo, nuns tempos nos que aínda non había televisión. A través dela chegaba a música, os seriais (como esquecer “El Supermán”, “Jim Phoscao” ou “Una princesa de Marte”!) e os programas “de variedades”. E tamén “o Parte” (“parte diario hablado para España de Radio Nacional”), o espazo das noticias, que se transmitía obrigatoriamente a través de todas as emisoras, pois estas tiñan prohibido elaborar os seus propios espazos de noticias, un monopolio da Ditadura. De querer escoitar unha información alternativa, o camiño era ter acceso aos espazos para España da BBC ou de Radio París Internacional. Ou, sobre todo, sintonizar polas noites as emisións de Radio España Independiente, Estación Pirenaica, “la única emisora sin censura de Franco”. Sempre ás agachadas, coa precaución de que ningún veciño se decatase, pois estaba prohibido sintonizala. O que se escoitaba ao inicio era isto:

… o PCE contou cun instrumento propagandístico de primeira orde, Radio España Independiente, unha poderosa emisora radiofónica primeiro instalada na URSS, despois en Checoslovaquia e finalmente en Rumanía, desde onde transmitía nas diversas linguas do Estado. Hoxe non é posible cuantificar o número de persoas que en España escoitaba “A Pirenaica. A única emisora de radio sen censura de Franco”, como era familiarmente coñecida –sintonizala era xa un delicto de seu e podía levar ao cárcere a quen o fixese–, mais a súa influencia foi importante.
(Nicolás Sartorius / Javier Alfaya: La memoria insumisa)

A Radio Pirenaica estivo activa entre 1941 e 1977. Aínda que o goberno de Franco, con material facilitado polos EEUU, instalou un potente sistema para interferir as frecuencias en que emitía (o que explica as dificultades para escoitala con nitidez), o certo é que non conseguiu que a xente máis concienciada deixase de seguila.
Malia o seu afastamento xeográfico, os redactores da Pirenaica estaban ao tanto do que ocorría realmente en España, pois chegábanlles moitísimas cartas desde diferentes lugares do país, cartas de persoas anónimas que escribían para informar dos máis diversos sucesos. Unha selección destas cartas apareceu publicada hai pouco, Las cartas de la Pirenaica, cun estudo teórico de moito interese.

Neste enlace podemos ver un completo e interesante documental sobre a historia da Pirenaica, “Radio Pirenaica. La historia de una radio clandestina“, emitido na TVE-2.

Un dos redactores da Pirenaica foi Jordi Solé Tura, militante do PSUC e unha das persoas que elaborou a Constitución de 1978. Cando xa estaba enfermo de Alzheimer, o seu fillo Albert realizou un documental, Bucarest. La memoria perdida, que a min me pareceu apaixonante e que se pode ver completo na Rede.


O artigo completo, con todas as ligazóns e imaxes, pode lerse no blog de Agustín Fernández Paz.

Luís Fernández Paz e o seu laúde

Germán Castro Tomé.- Un dos impactos emocionais máis negativos que sufrín no Seminario de Mondoñedo foi a morte dun condiscípulo vilalbés, Luís Fernández Paz. Un día, á volta dun dos habituais paseos pola comarca mindoniense, atopouse mal, con algunhas molestias intestinais. Deitouse e ao día seguinte, un compañeiro que ocupaba unha habitación contigua, José Ramón Franco Trashorras (Riotorto, Mondoñedo), hoxe avogado con residencia en Madrid, vendo que non se levantaba, que non ouvía ruído algún no habitáculo que tiña á beira, asomouse para ver e atopouse a Luís na cama, onde xacía xa cadáver. Nunca esquecín este tráxico episodio -imaxínome o shock de Franco Trashorras- de morte súbita nunha persoa tan nova, tería 15 ó 16 anos, moi apreciada por todos os alumnos. Foi un feito luctuoso que sumiu na tristeza a toda a comunidade de seminaristas. Na retina quedoume unha fotografía: Luís Fernández Paz punteando o seu laúde.

Comentando o caso recentemente -con motivo da posta en marcha dun acto de recoñecemento ao Seminario de Mondoñedo, que se celebrará no último trimestre do ano- outro compañeiro de Seminario e de oficio, o xornalista ortegano residente en Madrid, Ramón Barro Bello, dicíame "era louro, tiña cara de angelote e mostraba unha especial sensibilidade pola arte e, particularmente, pola música na que se realizaba a través do seu laúde. Non lle falases de fútbol e outras actividades nas que nos mergullábamos a maioría", precisaba Ramón Barro. Precisamente, nunha foto que loce a Web da homenaxe ao seminario coa que se ilustran estas liñas, aparece Luís, formando corpo de teatro cun grupo de compañeiros entre os que se ve co seu inseparable instrumento de corda. Nalgunhas ocasións, eu, que tocaba a harmónica, téñome reunido con Fernández Paz no intento de combinar ambos os instrumentos, corda e vento, e, se o recordo non quedou desvirtuado polo tempo, creo que o resultado era bastante aceptable. Teño tamén presente que estaba moi unido na amizade co seu paisano Manuel Cillero Hermida, que logo, xa crego, teriamos por aquí, por Ferrol, até o seu pasamento.


Naturalmente, entre os elixidos contaba, así mesmo, o tamén extrañado Bernardo García Cendán, igualmente moi querido e lembrado en Ferrol e ao que penso noutro momento dedicar unhas liñas. Transcorreron moitos anos, medio século longo, e moitas vivencias hanse difuminado no noso particular "disco duro" e nas páxinas, xa cor sepia, do libro da vida en común desenvolvida nos anos cincuenta entre as paredes claustrais de Vilanova de Lourenzá, primeiro, e Seminario de Santa Catalina de Mondoñedo, despois. Avivada a miña conciencia de chairego de sangue e de antigo compañeiro de Seminario, quero neste honroso espazo que me brinda A Voz de Vilalba deixar constancia de memoria e recoñecemento a este mozo, que desgraciadamente nos abandonou de maneira prematura, pero que todos, de xeito singular os do curso 1954, lembraremos sempre.

12 de mar. de 2015

O videoclip

Helena Villar Janeiro.-

Anda polo mundo un videoclip con algunhas imaxes de Galicia entrefebradas con ritmo e sensualidade arredor dun Enrique Iglesias tocado con pano gris fradesco que, no mosteiro de Carboeiro e entre fachóns, canta o tema “Noche y día”. Ritmo para noites loucas da mocidade co recorrente retrouso “Hai calor en la ciudad,/ hai calor en la bahía” (a coma é miña) e letra con connotacións pouco galegas. Dos catro minutos e medio que dura este soniquete rave, a Galicia correspóndenlle 45 segundos de tomas exteriores en once lugares, a maioría ao principio e ao final. E fago esta referencia porque a Xunta desembolsou para este vídeo 302.500 euros á discográfica Universal Music Spain en concepto de promoción de Galicia e o feito resultou moi contestado. A primeira interpretación que se lle deu ao gasto era de carácter cultural pola coincidencia coa publicación oficial da contía destinada aos festivais de música desenvoltos en Galicia, que será dun 30,6 % menos. Pero axiña se desfixo o equívoco, porque o diñeiro parece que procede de Turismo coa pretensión de potenciar a nosa capacidade de captación de turismo mundial da man do universal Enrique Iglesias.

O vídeoclip non fixo máis que crear polémica. Os artistas galegos sentíronse maltratados, madia leva. A sociedade en xeral manifestou –sobre todo a través das redes- un franco desacordo con que os nosos cartos se empreguen con esta alegría cando nos din que faltan para cousas moi necesarias. O bispado de Lugo censurou que escenas tan subidas de ton se gravasen nun mosteiro sen o seu consentemento. E Enrique Iglesias retrucou ao do gasto investido pola Xunta na súa persoa que el non cobrara un céntimo, que fora todo parar aos produtores e que bastante favor nos fixera fixándose nunha terra que adora por herdanza –terra do meu pae- cando podía elixir outra que cadrase máis cerca e agradecese a súa xenerosidade.

Para parar os ecos da polémica pídesenos que agardemos polo retorno. Só poderemos avaliar o resultado desta xenerosa inversión cando aumente sensiblemente o turismo. A ver se chegan as fans de Enrique Iglesias atraídas polas vistas de fondo, pero sobre todo polo que a canción ofrece como se fose publicidade caribeña: sol, calor, baía e pouca roupa, xusto o que Galicia non pode ofrecer como destino. Porque aquí precisamos, en tal caso, outra música e outros reclamos.

Lido no blog de Helena Villar Janeiro: http://helenavillarjaneiro.blogaliza.org/

11 de mar. de 2015

Obradoiro didáctico no CTB

Redacción.-

Con motivo da exposición Fausto Isorna. O ceo das ilusións e outras colaxes, o vindeiro sábado 14 de marzo ás 11:30 horas realizarase no Centro Torrente Ballester unha actividade didáctica para nenos de entre 7 e 10 anos. A actividade iníciase cunha breve explicación sobre as orixes da colaxe e as diferentes posibilidades expresivas da técnica. Durante a visita guiada proporcionaranse as claves para entender de forma sinxela os principios da colaxe e a linguaxe creativa do autor, a través de diferentes exemplos que veremos ao longo da exposición.

O obradoiro práctico consistirá na creación dunha colaxe persoal a partir de recortes de revistas, periódicos e papeis de cores, que cada neno poderá realizar de forma independente en función dos seus gustos e intereses. Os resultados poden ser moi diversos e orixinais. Ademais, cada neno terá a opción de decorar a súa propia obra facendo un marco personalizado. Todos os materiais se proporcionan no obradoiro.

O formualrio de inscrición para os interesados, que deberá remitirse ao correo electrónico info@centrotorrenteballester.com a partir do próximo luns día 9 de marzo.

Prazas adxudicadas por orde de inscrición ata esgotalas.


Horario: Sábado 14 de marzo entre as 11:30 e as 13:00 horas
Idades: entre 7 e 10 anos. Grupo de máximo 12 nenos.
Lugar: Centro Torrente Ballester
Prazo de inscrición: do 9 ao 12 de marzo de 2014.

10 de mar. de 2015

Programa de Residencias de Fenosa

Redacción.-

Cunha clara vocación de apoio aos creadores e de incentivo á produción artística, dentro do marco establecido polo seu Plan de Promoción e Cooperación Cultural, o MAC convoca un proceso de selección para cubrir:

- 3 residencias locais, para artistas e profesionais da cultura residentes en Galicia e menores de 45 anos.

- 2 residencias internacionais, para artistas e profesionais da cultura de calquera nacionalidade, non residentes en Galicia e menores de 45 anos.

As inscricións poden facerse entre o 2 e o 12 de marzo de 2015. Estes programas supoñen unha forte aposta do MAC pola investigación, a innovación e o valor dos procesos creativos, reunindo a profesionais de distinta procedencia e reafirmando a súa intención de converterse nun espazo de traballo transdisciplinar, dinámico e aberto a todo tipo de iniciativas nas que o diálogo, colaboración e intercambio entre o local e o global sexan principios fundamentais.

Cada unha das estancias en residencia no Museo terá unha duración de dous meses entre o 4 de maio e o 1 de xullo de 2015. O MAC ofrece unha axuda total de 3.900? para os artistas internacionais e de 2.400? para as locais -cantidades suxeitas á retención fiscal vixente-. A esta axuda económica súmase a cesión dun espazo de traballo e os xantares de luns a xoves.

Consulta as bases completas de cada convocatoria aquí:
Residencias internacionais: http://artistasmac.com/res-int-2015/
Residencias locais: http://artistasmac.com/res-local-2015/

9 de mar. de 2015

Presentación de Vilalbaberta

Redacción.- Na tarde de onte tivo lugar no salón de actos da Biblioteca Municipal a presentación da plataforma cidadá Vilalbaberta. No acto deuse a coñecer o propósito no que se sustenta a aparición de dita plataforma, que non é outro que o de propiciar un cambio na forma de concibir e xestionar o goberno municipal da capital chairega. Asemade, procedeuse á lectura do decálogo ideolóxico a partir do cal se desenvolverá o programa co que Vilalbaberta se presente ás eleccións municipais do vindeiro mes de maio. Seguiremos informando.

7 de mar. de 2015

Os Minhotos na FMM

Redacción.-

O auditorio da Casa-Museo Manuel María de Outeiro de Rei acollerá hoxe sábado 7 de marzo a partir das 21 horas un concerto do grupo Os Minhotos, acompañado vocalmente do grupo de cantareiras As Zoelas. Será no marco do ciclo musical “Concertos na intimidade: de corazón a corazón”, incluído dentro da programación trimestral de actividades coa que a Fundación Manuel María de Estudos Galegos quere facer da casa natal do escritor chairego un espazo “en constante movemento” de propostas culturais dirixidas “a un amplo público de todas as idades e todos os intereses”, en palabras do secretario da entidade, Alberte Ansede.

A música tradicional será a indiscutíbel protagonista desta entrega de inverno dos “Concertos na intimidade” a través dos temas dos Minhotos, que combinan no seu repertorio o arranxo de temas tradicionais con outros de autor e colaboracións de instrumentistas procedentes doutras formacións.

Co acompañamento vocal das oito mulleres das Zoelas, conxunto de recente creación en vías de se consolidar como proxecto musical independente após nacer dentro dun grupo de música tradicional orixinario do concello de Antas de Ulla, Os Minhotos interpretarán, alén doutros, os temas do seu disco Pinga d'auga.

Os Minhotos combinan a estética e gusto da formación tradicional coas harmonizacións clásicas, mesturando o son das gaitas e a percusión tradicionais co timbre da zanfona, o acordeón, a requinta e o clarinete; o seu repertorio é variado e alterna a música de autor coa tradicional. En palabras do conxunto: “Os Minhotos é o resultado do aprezo de cinco músicos galegos pola música do seu País: Galiza; sen aditivos, tanto na forma coma no fondo”.

O prezo xeral das entradas deste “concerto na intimidade” do sábado é de 5 €, sendo gratuítas para todas as persoas “nacidas neste século”, tamén como xeito de facilitar o achegamento da xente máis nova á nosa música tradicional. As entradas pódense reservar a través do correo-e fundacion@manuelmaria.com ou telefonicamente a través do teléfono 698 177 621. A xente deberá retiralas o mesmo sábado na Casa-Museo entre 1 hora e 15 minutos antes do inicio da actuación: a partir dese momento, poranse á venda entradas ao mesmo prezo para quen non tiver reserva previa feita, sempre e cando aínda houber aforo dispoñíbel. Cabe recordar que o aforo do auditorio da Casa de Hortas é limitado, polo que se recomenda reservar previamente.

Por cortesía dos Minhotos, todas as persoas asistentes ao concerto recibirán un pequeno agasallo de recordo que se dará a coñecer durante a actuación.