O videoclip

Helena Villar Janeiro.-

Anda polo mundo un videoclip con algunhas imaxes de Galicia entrefebradas con ritmo e sensualidade arredor dun Enrique Iglesias tocado con pano gris fradesco que, no mosteiro de Carboeiro e entre fachóns, canta o tema “Noche y día”. Ritmo para noites loucas da mocidade co recorrente retrouso “Hai calor en la ciudad,/ hai calor en la bahía” (a coma é miña) e letra con connotacións pouco galegas. Dos catro minutos e medio que dura este soniquete rave, a Galicia correspóndenlle 45 segundos de tomas exteriores en once lugares, a maioría ao principio e ao final. E fago esta referencia porque a Xunta desembolsou para este vídeo 302.500 euros á discográfica Universal Music Spain en concepto de promoción de Galicia e o feito resultou moi contestado. A primeira interpretación que se lle deu ao gasto era de carácter cultural pola coincidencia coa publicación oficial da contía destinada aos festivais de música desenvoltos en Galicia, que será dun 30,6 % menos. Pero axiña se desfixo o equívoco, porque o diñeiro parece que procede de Turismo coa pretensión de potenciar a nosa capacidade de captación de turismo mundial da man do universal Enrique Iglesias.

O vídeoclip non fixo máis que crear polémica. Os artistas galegos sentíronse maltratados, madia leva. A sociedade en xeral manifestou –sobre todo a través das redes- un franco desacordo con que os nosos cartos se empreguen con esta alegría cando nos din que faltan para cousas moi necesarias. O bispado de Lugo censurou que escenas tan subidas de ton se gravasen nun mosteiro sen o seu consentemento. E Enrique Iglesias retrucou ao do gasto investido pola Xunta na súa persoa que el non cobrara un céntimo, que fora todo parar aos produtores e que bastante favor nos fixera fixándose nunha terra que adora por herdanza –terra do meu pae- cando podía elixir outra que cadrase máis cerca e agradecese a súa xenerosidade.

Para parar os ecos da polémica pídesenos que agardemos polo retorno. Só poderemos avaliar o resultado desta xenerosa inversión cando aumente sensiblemente o turismo. A ver se chegan as fans de Enrique Iglesias atraídas polas vistas de fondo, pero sobre todo polo que a canción ofrece como se fose publicidade caribeña: sol, calor, baía e pouca roupa, xusto o que Galicia non pode ofrecer como destino. Porque aquí precisamos, en tal caso, outra música e outros reclamos.

Lido no blog de Helena Villar Janeiro: http://helenavillarjaneiro.blogaliza.org/

11/03/2015

0 comentários :

Danos a túa opinión