Cambio histórico en Compostela

Moncho Paz.- A situación de Compostela durante os últimos catro anos evidenciaba unha demanda de cambio por parte dos cidadáns, que se materializou nas eleccións do pasado 24 de maio. Un xiro político a costa do PP, que ao longo da campaña foi acusando esta tendencia social, coñecedores de que o pulso da cidade ía en sentido contrario ás súas expectativas.

A estratexia electoral de Compostela Aberta foi acertada. Xa na precampaña, conseguiron posicionar ao seu candidato, Martiño Noriega, como a única alternativa da esquerda fronte ao PP. Falando de transparencia, dun proxecto de cidade e do reto de recuperar a Compostela cultural, un dos principais activos que temos e que perdeu enteiros no último mandato, a golpe de escándalos, corruptelas e a constante proxección dunha imaxe negativa da capital de Galicia. O resultado do proceso electoral convertiu a Agustín Hernández no Boabdil da política galega; tivo que entonar un mea culpa e recoñecer a necesidade de facer autocrítica. Moi lonxe da realidade, só foi consciente ao final, especialmente na última semana da campaña. Perderon case cinco mil votos, que se di pronto.

Por outra banda, a desfeita do PSdeG, cun mal candidato tras un nefasto proceso de primarias, tamén favoreceu claramente a Compostela Aberta, que recibiu unha morea de votos “prestados” do electorado socialista, convertindo a Noriega no líder dunha nova maioría social que demanda outra maneira –e outras formas- de facer política. A situación interna do PSdeG local debería ser revisada con urxencia pola xestora; trala disolución da agrupación compostelana, o máis sensato sería substituír a Paco Reyes e impulsar canto antes un proceso de renovación aberto á sociedade, e non exclusivo da militancia. Algo que defendeu no seu día Mercedes Rosón, quen por desgraza perdeu a voz predicando no deserto. Nos vindeiros meses, coa elección dunha nova comisión executiva, veremos se aprenderon a lección.

E do BNG, unha forza política empeñada en suicidarse, prefiro non falar. Tiveron e non souberon reter, cunha caída en picado da que soamente se salvan as “aldeas galas”, encabezadas pola Pontevedrum de Lórix. Confeso non entender nada.

Se facemos unha análise en clave xeral, parece innegable que o afundimento do PP é a antesala do que pode acontecer nas eleccións lexislativas do vindeiro mes de novembro. A súa mensaxe repetitiva dunha “recuperación económica” non foi suficiente, pois non é percibida polos cidadáns (e menos en Galicia). Dá a sensación de que pretenden resucitar a consigna “España va bien”, tan voceada polo individuo da bigoteira. E iso non é suficiente baza electoral nun Estado onde a corrupción é un cancro con metástase, unha percepción social moi complicada de desmontar. Rajoy, o home dos tempos que ninguén entende e que a todos exaspera, perdeu toda credibilidade e agárdanlle cinco meses de inferno político. Toda crise leva sempre un Goberno por diante, pero podemos atoparnos ante a situación de que no caso español sexan dous, primeiro o de Zapatero e agora o de Mariano, moi lonxe de parecerse a Cameron.

Os retos do novo Goberno municipal son moitos. Nos últimos anos, en demasiados foros deixaron de vernos como “metrópole internacional”, “exemplo de tradición e modernidade”, “cidade en magnífico estado de conservación”, “capital cultural e destino turístico”, “símbolo do consenso político en aras do ben común”, etc. Todas estas impresións borráronse dun plumazo no mandato do PP, cun equipo sen ideas e que só se preocupou de defender o concepto espiritual da peregrinación, quizais porque eran conscientes de que non tiñan outra cousa e precisaban encomendarse ao Apóstolo, que -dito sexa de paso- pasou deles na xornada do 24-M. Parabéns, Martiño. Sorte, e a xestionalo ben.

31 de maio de 2015

Homenaxe a Anxo Guerreiro en Xermade

Redacción.- A primeira sesión das XI Xornadas Interxeracionais de Cabreiros tivo un protagonista indiscutible, o político e activivista tristemente desaparecido Anxo Guerreiro Carreiras (Xermade, 1945 - A Coruña, 2013), que estivo moi presente ao longo de toda a xornada, tanto por parte dos que destacaron a súa figura como polos asistentes que quixeron coñecer un pouco máis a súa traxectoria política e vital. 


Trala inauguración oficial, a cargo do alcalde en funcións, Tomás Rodríguez, e representantes da asociación de veciños de Cabreiros, USC, Nova Escola Galega e o Colexio de Educadores Sociais de Galicia, chegou a quenda dunha mesa redonda en torno a Geluco, como era coñecido popularmente Guerreiro.



O moderador, o xornalista chairego Moncho Paz, encargouse de desculpar a ausencia do ex-presidente da Xunta Emilio Pérez Touriño e do ex-conselleiro Víctor Manuel Vázquez Portomeñe, que non puideron acudir ao evento por motivos persoais. Aínda así, quixeron destacar a «política que serve par unir, transformar e prosperar» que practicaba Guerreiro, segundo Touriño, ou a súa condición de «político coherente e fondamente convencido das súas ideas, un político de convivencia», que lembrou Portomeñe na súa nota de adhesión ao acto.




A mesa redonda abriuna o sindicalista Xan María Castro Paz, que fixo un apunte biográfico e unha contextualización da época na que viviu Geluco, antes de formar parte da política activa no Parlamento galego, á que chegou co obxectivo de «buscar espazos de unidade dentro dá esquerda galega».

Pola súa banda, o ex-parlamantario nacionalista Camilo Nogueira Román destacou a aposta de «creación desde ou Parlamento da idea de Galicia» que tiña Anxo Guerreiro. A primeira sesión das Xornadas Interxeracionais de Cabreiros -que continuarán os días 6 e 13 de xuño- pechouse coa intervención do presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, que lembrou a Geluco como alumno cheo de «talento, seguridade, espírito pedagóxico e gran didactismo á hora de escribir», o que lle serviu na súa faceta de político.

Tempos de mudanza

Chema Felpeto.- Tremen os alicerces do Partido Popular vilalbés co resultado das eleccións municipais do pasado día 24. E non é de estrañar, non só por contaren cun concelleiro menos na Corporación, senón pola perda efectiva de 1.352 votos que veñen supoñer un perigoso descenso de 8,76 puntos sobre os comicios de 2011. Certamente cómpre recoñecerlles a capacidade efectiva de manexaren no medio rural unha sólida infraestrutura, que deriva nunha indecente mercadoría clientelar, e a habelencia para ocultaren as discrepancias internas e arroupárense en momentos electorais. 

Malia isto, algúns filtran de forma interesada, que desavinzas entres as familias políticas levaron a purgas que condicionaron a lista até o punto de dificultar seriamente a súa elaboración, mentres outros xustifican a súa deserción polo incumprimento de promesas recibidas no seu día e por seren ignorados na toma de decisións dun goberno absolutamente presidencialista. Posibelmente se vexan arrastrados nalgunha medida pola corrupción dos seus en todo o estado, mais non é menos certo que tanto a imaxe do alcalde coma a nefasta xestión institucional, inzada de despotismo, nepotismo e desprezo aos adversarios políticos, foron os detonantes esenciais do principio do que semella unha caída libre que pode levalos á perda do poder nun futuro ben próximo. 

Podo concordar con Gerardo Criado na opinión de que as urnas acaban por poñer a cadaquén no seu lugar, mais dubido da súa palabra de que gobernarán para todos, porque o pasado demostra que só o fixeron para uns poucos. E cómpre aclararlles neste punto que o farán cunha representatividade real dun 31,6%, menos dunha terceira parte do electorado total, así como que foron superados en 289 votos polos partidos que a inxusta lei d'Hont condenou á oposición, o que demostra ás claras que esa “maioría social” coa que a algún se lle enche a boca é pura falacia. Talvez leve razón Pepe Mújica cando afirma que “O poder non cambia ás persoas, mais revela verdadeiramente quen son”.

No PSdeG-PSOE sentimentos encontrados. Por unha banda celebran o incremento en 562 votos e 9,86 puntos porcentuais, mais por outra sofren decepción ao quedaren tan só a 27 votos dun sétimo concelleiro que podería outorgarlles unha hipotética responsabilidade de goberno de chegaren a algún tipo de acordo con BNG e Vilalba Aberta, o que sospeito non resultaría excesivamente complicado. Sen dúbida o tirón persoal da súa candidata, a virtude de atraeren a un sector xuvenil implicado con actividades culturais e deportivas, e o traballo desenvolvido na campaña tiveron un efecto positivo.

Vilalba Aberta foi unha sorpresa relativa. Con escaso tempo e menos recursos, logrou unha praza na Corporación Municipal conseguindo captar o voto descontento, de uns e de outros. A súa proposta asemblearia ateigada de ilusión convocou inicialmente a distintas sensibilidades, mais a realidade dalgunhas discrepancias na propia organización coutou finalmente arelas e expectativas. Con todo e con iso, os 646 votos, que os sitúan nun meritorio terceiro lugar, non deixan de representar un éxito que terán que referendar co seu traballo na vindeira lexislatura.

Pola súa banda o BNG perdeu 717 votos e sufriu un descenso de 6,73 puntos, pasando a ser a cuarta forza política. Moito deben mudar as cousas no país para que recuperen o crédito perdido e devolvan a ilusión a un pobo enfermo de autoestima que non chega a identificalos como a única forza que representa realmente os valores da nosa nación. Mais iso xa é fariña doutro fol e no que toca ao concello vilalbés tampouco puideron ver recoñecido o seu traballo institucional a prol da veciñanza.

No hai que esquecer finalmente nesta breve análise o 31,1% de abstención, elemento que se traduce nunha falta de participación nada máis nin nada menos ca de 3.942 persoas. Todo parece indicar que o Partido Popular, con toda a presión que exerce sobre unha parte do electorado, ten chegado ao seu teito, e non resultaría estraño que durante este mandato se producisen relevos na cúpula do propio equipo de goberno rememorando vellos tempos. O que non é tan doado de entender, ou quizais si, son as causas polas que os outros partidos non son quen de ilusionar cos seus proxectos a este sector, que prefire quedar na casa a depositar a súa confianza nalgunha formación. En calquera caso, semellan albiscarse no horizonte tempos de mudanza que poden desembocar na gran alborada.

29 de maio de 2015

Homenaxe a Ramón Chao en Compostela

Redacción.- O recoñecido restaurante compostelán Mesón de Lázaro quere rendir unha particular homenaxe ao escritor Ramón Chao, con motivo do oitenta aniversario do seu nacemento. Aproveitando a súa estadía de varios días en Galicia, Chao será o protagonista da apertura das Noite(s) Xove(s), un evento no que cada mes –un xoves pola noite- disertará un convidado de prestixio sobre temas de actualidade, cun produto gastronómico de tempada como desculpa para a xuntanza e mailo posterior debate. 
Esta “maridaxe de gastronomía e cultura”, así calificada polo propietario do establecemento, Pepe Mata, contará coa colaboración permanente dos xornalistas Moncho Paz, Koro Martínez e Fermín Galindo, que de xeito alternativo serán os encargados de presentar ao protagonista mensual. Nesta ocasión, a presentación do convidado correrá a cargo de Moncho Paz, que ademáis é colaborador do escritor galego afincado en París en varios proxectos culturais, como a Asociación de Amigos de Prisciliano.
Ramón Chao naceu en Vilalba en 1935 e criouse tocando o piano na fonda que rexentaban os seus pais, onde adoitaban parar figuras como Cunqueiro ou Celso Emilio Ferreiro. Sendo bolseiro polo Concello de Vilalba e a Deputación de Lugo, trasladouse a Madrid para estudar piano, harmonía e bacharelato. De Madrid foise a París cando tiña vinte anos, con outra bolsa do Goberno español. Na capital francesa fíxose xornalista, entrando a traballar en Radio France “porque falaba galego”, segundo confesa, “pois buscaban un locutor que soubera música e portugués”.
En París, Ramón Chao dirixiu emisións radiofónicas na nosa lingua, que serían prohibidas por Franco, e foi correspondente da revista Triunfo. Tamén traballou na prensa e na televisión francesas e foi nomeado Cabaleiro das Artes e das Letras polo Goberno de Francia en 1991. Destacou como crítico Literario en Le Monde e polas súas colaboracións en Le Monde Diplomatique, publicación mensual dirixida polo xornalista Ignacio Ramonet.
                                             
Conta no seu haber con máis de vinte libros, entre novelas e biografías, un deles escrito en galego, O Camiño de Prisciliano, con cuberta deseñada polo artista Miquel Barceló. Asemade, a súa novela El lago de Como, publicada en 1982, foi traducida ao galego en 2008. Ao final do evento do vindeiro xoves, terá lugar unha sinatura de libros por parte do autor.


17 de maio de 2015

No Bico un Cantar con Cabanillas

Redacción.-

O poeta Ramón Cabanillas (1987-1959) é o protagonista da terceira edición de “No bico un cantar”, un programa que xunta poesía, música e mocidade. O concerto foi presentado esta mañá na sala Eisenman da Cidade da Cultura de Galicia por Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Jesús Vázquez, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Luis Aragunde, alcalde de Cambados, Rosario Álvarez, vicepresidenta do CCG e Maximino Zumalave, director artístico do concerto. A cita xuntará na praza de Fefiñáns en Cambados, o vindeiro 5 de xuño, un gran coro de cincocentos nenos e nenas chegados dos conservatorios de música profesional de Galicia cantando poemas do poeta Cabanillas. A cita suporá a estrea da versión musicada do poema “Fala unha laverca”, que o CCG lle encargou á compositora Margarita Soto Viso.

“É unha cita na que os sons falan e as palabras soan a música” deste xeito tan alegórico o director Maximino Zumalave quixo destacar o dobre valor do programa “No bico un cantar”. Un proxecto que, o presidente do CCG, Ramón Villares definiu como “unha tradición de só tres anos que une poesía e musica e tamén pero que tamén fai o esforzo de ser unha extensión cultural, dando a coñecer á mocidade poesía, música e tamén xeografía”. O programa desta edición de “No bico un cantar” está conformado por catro poemas de Ramón Cabanillas que recollen trazos da súa poética total, no momento en que se cumpre o centenario da edición da súa obra Vento mareiro (1915). Os textos seleccionados (Pregaria, Fala unha Laverca, Era un piniño novo, Aureana do Sil máis o poema de Rosalía, Maio Longo) nesta edición foron musicados por diferentes compositores recoñecidos da música culta galega como son José Baldomir ou Eduardo Rodríguez-Losada, así como a versión que fixo o coñecido compositor catalán Federico Mompou do poema “Aureana do Sil”, en homenaxe ás mulleres que buscaban ouro nos ríos galegos.

Como vén sendo habitual neste programa, o Consello da Cultura Galega encargou a composición musical dun poema. Nesta edición Margarita Soto Viso foi a responsable de poñerlle música ao poema “Fala unha laverca”, sacado do poemario Da terra asoballada, no que ofrece unha dignificación mítica da terra.

O recoñecido pianista e director Maximino Zumalave repite como responsable artístico deste proxecto que xuntará preto de cincocentos nenos e nenas chegados de diferentes conservatorios de música profesional de toda Galicia. Canda el, tamén repite o grupo de metais Hércules Brass, un quinteto de diferentes instrumentos (trompeta, trompa, trombón e tuba) ao que se incorpora un músico para conformar un sexteto.

No bico un cantar
Unha frase Curros Enríquez a Rosalía, No bico un cantar, deulle nome a un proxecto do Consello da Cultura Galega e a Consellería de Cultura e Educación que naceu en 2013 co obxectivo de dar a coñecer a poetas recoñecidos da nosa terra pero desde un punto de vista musical. Nese ano, cando se cumprían o 150 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, a poeta de Padrón foi a protagonista deste concerto que se desenvolveu en San Domingos de Bonaval. A segunda edición trasladouse a Celanova, por ser o lugar de nacemento de Curros Enríquez. Nesa edición estrouse a versión musical do poema de Curros “Nouturnio” que o CCG lle encargou a Xabier Comesanha.
Nesta edición de 2015, o programa deseñado polo Consello da Cultura Galega e a Consellaría de Cultura e Educación conta coa colaboración do concello de Cambados.

Repertorio para coros
O Consello da Cultura Galega ten feito diferentes encargas a compositores galegos actuais de obras para coro sobre textos clásicos da literatura galega. Entre os máis recentes destaca a versión para coro e orquestra do poema “Penélope”, de José María Díaz Castro, realizada por Octavio Vázquez e estreada no marco do Concerto das Letras Galegas 2014 (que tivo lugar o 16 de maio de 2014en Lugo). Ademais, o CCG ten solicitado arranxos de composicións musicais existentes como os que fixo Juan Durán da versión de José Baldomir do poema “A Rosalía”. Esta iniciativa supón a elaboración continuada dun repertorio para coros que está dispoñible para todos os usuarios desde o web da institución.

15 de maio de 2015

Falece o xornalista Juan Ramón Díaz

Redacción.- Esta mañá faleceu en A Coruña o xornalista Juan Ramón Díaz García, unha triste noticia que conmocionou hoxe a toda a profesión. Histórico director de La Voz de Galicia durante dúas décadas, na actualidade era Director Xeral do grupo La Capital, editor de varios xornais (El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa e Diario de Bergantiños). Juan Ramón finou hoxe en A Coruña, tras non superar unha repentina enfermidade.

Entre outros méritos, Díaz García foi galardoado en 2004 co Premio Diego Bernal, outorgado pola Asociación de Periodistas de Galicia (APG) en recoñecemento a toda unha traxectoria profesional. E no pasado mes de xaneiro, na XX edición do galardón, foi precisamente o encargado da lectura dos méritos do tamén xornalista –e amigo- Lois Caeiro. No Día Mundial da Liberdade de Prensa, a Xunta Directiva da APG quere lembrar de xeito moi especial a figura de Juan Ramón Díaz García, ao tempo que traslada o seu fondo pesar á súa familia e amigos.


3 de maio de 2015