Cambio histórico en Compostela

Moncho Paz.- A situación de Compostela durante os últimos catro anos evidenciaba unha demanda de cambio por parte dos cidadáns, que se materializou nas eleccións do pasado 24 de maio. Un xiro político a costa do PP, que ao longo da campaña foi acusando esta tendencia social, coñecedores de que o pulso da cidade ía en sentido contrario ás súas expectativas.

A estratexia electoral de Compostela Aberta foi acertada. Xa na precampaña, conseguiron posicionar ao seu candidato, Martiño Noriega, como a única alternativa da esquerda fronte ao PP. Falando de transparencia, dun proxecto de cidade e do reto de recuperar a Compostela cultural, un dos principais activos que temos e que perdeu enteiros no último mandato, a golpe de escándalos, corruptelas e a constante proxección dunha imaxe negativa da capital de Galicia. O resultado do proceso electoral convertiu a Agustín Hernández no Boabdil da política galega; tivo que entonar un mea culpa e recoñecer a necesidade de facer autocrítica. Moi lonxe da realidade, só foi consciente ao final, especialmente na última semana da campaña. Perderon case cinco mil votos, que se di pronto.

Por outra banda, a desfeita do PSdeG, cun mal candidato tras un nefasto proceso de primarias, tamén favoreceu claramente a Compostela Aberta, que recibiu unha morea de votos “prestados” do electorado socialista, convertindo a Noriega no líder dunha nova maioría social que demanda outra maneira –e outras formas- de facer política. A situación interna do PSdeG local debería ser revisada con urxencia pola xestora; trala disolución da agrupación compostelana, o máis sensato sería substituír a Paco Reyes e impulsar canto antes un proceso de renovación aberto á sociedade, e non exclusivo da militancia. Algo que defendeu no seu día Mercedes Rosón, quen por desgraza perdeu a voz predicando no deserto. Nos vindeiros meses, coa elección dunha nova comisión executiva, veremos se aprenderon a lección.

E do BNG, unha forza política empeñada en suicidarse, prefiro non falar. Tiveron e non souberon reter, cunha caída en picado da que soamente se salvan as “aldeas galas”, encabezadas pola Pontevedrum de Lórix. Confeso non entender nada.

Se facemos unha análise en clave xeral, parece innegable que o afundimento do PP é a antesala do que pode acontecer nas eleccións lexislativas do vindeiro mes de novembro. A súa mensaxe repetitiva dunha “recuperación económica” non foi suficiente, pois non é percibida polos cidadáns (e menos en Galicia). Dá a sensación de que pretenden resucitar a consigna “España va bien”, tan voceada polo individuo da bigoteira. E iso non é suficiente baza electoral nun Estado onde a corrupción é un cancro con metástase, unha percepción social moi complicada de desmontar. Rajoy, o home dos tempos que ninguén entende e que a todos exaspera, perdeu toda credibilidade e agárdanlle cinco meses de inferno político. Toda crise leva sempre un Goberno por diante, pero podemos atoparnos ante a situación de que no caso español sexan dous, primeiro o de Zapatero e agora o de Mariano, moi lonxe de parecerse a Cameron.

Os retos do novo Goberno municipal son moitos. Nos últimos anos, en demasiados foros deixaron de vernos como “metrópole internacional”, “exemplo de tradición e modernidade”, “cidade en magnífico estado de conservación”, “capital cultural e destino turístico”, “símbolo do consenso político en aras do ben común”, etc. Todas estas impresións borráronse dun plumazo no mandato do PP, cun equipo sen ideas e que só se preocupou de defender o concepto espiritual da peregrinación, quizais porque eran conscientes de que non tiñan outra cousa e precisaban encomendarse ao Apóstolo, que -dito sexa de paso- pasou deles na xornada do 24-M. Parabéns, Martiño. Sorte, e a xestionalo ben.

31/05/2015

0 comentários :

Danos a túa opinión