Tempos de mudanza

Chema Felpeto.- Tremen os alicerces do Partido Popular vilalbés co resultado das eleccións municipais do pasado día 24. E non é de estrañar, non só por contaren cun concelleiro menos na Corporación, senón pola perda efectiva de 1.352 votos que veñen supoñer un perigoso descenso de 8,76 puntos sobre os comicios de 2011. Certamente cómpre recoñecerlles a capacidade efectiva de manexaren no medio rural unha sólida infraestrutura, que deriva nunha indecente mercadoría clientelar, e a habelencia para ocultaren as discrepancias internas e arroupárense en momentos electorais. 

Malia isto, algúns filtran de forma interesada, que desavinzas entres as familias políticas levaron a purgas que condicionaron a lista até o punto de dificultar seriamente a súa elaboración, mentres outros xustifican a súa deserción polo incumprimento de promesas recibidas no seu día e por seren ignorados na toma de decisións dun goberno absolutamente presidencialista. Posibelmente se vexan arrastrados nalgunha medida pola corrupción dos seus en todo o estado, mais non é menos certo que tanto a imaxe do alcalde coma a nefasta xestión institucional, inzada de despotismo, nepotismo e desprezo aos adversarios políticos, foron os detonantes esenciais do principio do que semella unha caída libre que pode levalos á perda do poder nun futuro ben próximo. 

Podo concordar con Gerardo Criado na opinión de que as urnas acaban por poñer a cadaquén no seu lugar, mais dubido da súa palabra de que gobernarán para todos, porque o pasado demostra que só o fixeron para uns poucos. E cómpre aclararlles neste punto que o farán cunha representatividade real dun 31,6%, menos dunha terceira parte do electorado total, así como que foron superados en 289 votos polos partidos que a inxusta lei d'Hont condenou á oposición, o que demostra ás claras que esa “maioría social” coa que a algún se lle enche a boca é pura falacia. Talvez leve razón Pepe Mújica cando afirma que “O poder non cambia ás persoas, mais revela verdadeiramente quen son”.

No PSdeG-PSOE sentimentos encontrados. Por unha banda celebran o incremento en 562 votos e 9,86 puntos porcentuais, mais por outra sofren decepción ao quedaren tan só a 27 votos dun sétimo concelleiro que podería outorgarlles unha hipotética responsabilidade de goberno de chegaren a algún tipo de acordo con BNG e Vilalba Aberta, o que sospeito non resultaría excesivamente complicado. Sen dúbida o tirón persoal da súa candidata, a virtude de atraeren a un sector xuvenil implicado con actividades culturais e deportivas, e o traballo desenvolvido na campaña tiveron un efecto positivo.

Vilalba Aberta foi unha sorpresa relativa. Con escaso tempo e menos recursos, logrou unha praza na Corporación Municipal conseguindo captar o voto descontento, de uns e de outros. A súa proposta asemblearia ateigada de ilusión convocou inicialmente a distintas sensibilidades, mais a realidade dalgunhas discrepancias na propia organización coutou finalmente arelas e expectativas. Con todo e con iso, os 646 votos, que os sitúan nun meritorio terceiro lugar, non deixan de representar un éxito que terán que referendar co seu traballo na vindeira lexislatura.

Pola súa banda o BNG perdeu 717 votos e sufriu un descenso de 6,73 puntos, pasando a ser a cuarta forza política. Moito deben mudar as cousas no país para que recuperen o crédito perdido e devolvan a ilusión a un pobo enfermo de autoestima que non chega a identificalos como a única forza que representa realmente os valores da nosa nación. Mais iso xa é fariña doutro fol e no que toca ao concello vilalbés tampouco puideron ver recoñecido o seu traballo institucional a prol da veciñanza.

No hai que esquecer finalmente nesta breve análise o 31,1% de abstención, elemento que se traduce nunha falta de participación nada máis nin nada menos ca de 3.942 persoas. Todo parece indicar que o Partido Popular, con toda a presión que exerce sobre unha parte do electorado, ten chegado ao seu teito, e non resultaría estraño que durante este mandato se producisen relevos na cúpula do propio equipo de goberno rememorando vellos tempos. O que non é tan doado de entender, ou quizais si, son as causas polas que os outros partidos non son quen de ilusionar cos seus proxectos a este sector, que prefire quedar na casa a depositar a súa confianza nalgunha formación. En calquera caso, semellan albiscarse no horizonte tempos de mudanza que poden desembocar na gran alborada.

29 de maio de 2015

2 comentários :

  • Se se comparan as curvas de crecemento vexetativo do Concello de Vilalba nos últimos 15 anos co descenso do voto ao PP, sorprende ver a alta coincidencia entre falecementos e perda de sufraxios.

    É neste contexto no que cada vez ten menos incidencia o carrexo de votantes, pero probábelmente leva, como mínimo, dúas eleccións dándolle a maioría aos populares. Paréceme sorprendente que ningunha das candidaturas opositoras se digne nin sequera a denuncialo, non nas redes sociais, senón ante a xunta electoral.

    Se ademáis quitasemos outro factor como o voto cativo mediante promesas de emprego, os populares terían abandoado o goberno local hai tempo.

    E non hai moita máis análise que facer. O único que lle dá o poder aos de sempre é a división da esquerda. Mentres o PSOE mire máis á deputación que ao concello, e os votantes de esquerda nacionalista sigan a matinar no sexo dos anxos, o único que fan é agasallar aos populares co goberno municipal, como quedou demostrado. A culpa non é de Victor D´Hont, meu probe, senón dunha oposición que lembra aos Monty Pyton en Life of Brian na famosa escena do circo.

    29 de maio de 2015, 20:18

  • Concordo.

    3 de xuño de 2015, 00:17

Danos a túa opinión