As Letras de Manuel María

Redacción.-

A Real Academia Galega (RAG) daba a coñecer onte o nome do homenaxeado para o ano 2016 no Día das Letras Galegas. A votación dividíase entre Xela Arias, Ricardo Carballo Calero e Manuel María. Tras ser eliminada a escritora Xela Arias nunha primeira rolda, os trinta académicos decidiron cunha ampla maioría que sería o chairego Manuel María o elixido. Polas súas continuas achegas e non só á literatura galega, senón tamén á normalización lingüística.

Os outros dous aspirantes, que xa foran propostos o ano pasado xunto con Manuel María para as Letras de 2015, representan distintos movementos. No caso do ferrolán, Ricardo Carballo, o seu labor coa lingüística e no reintegracionismo galego lévano a ter máis ensaios e narrativa entre as súas obras, mentres que Xela Arias estivo máis marcada pola súa poesía, destacando o seu poemario «Tigres coma cabalos», libro de gran impacto no panorama literario galego no ano 1990.

A primeira obra de Manuel María, «Muiñeiro de brétemas», saía publicada en 1950 e significa non só o inicio da coñecida como «Escola de Tebra», senón tamén o primeiro libro publicado en galego tras a Guerra Civil. Foi durante a súa estadía na cidade de Lugo, á que se trasladou a estudar de moi temperá idade. Pasaría a maior parte da súa vida en Monforte de Lemos, onde comezou como procurador no tribunais e máis tarde sería nomeado concelleiro polo BNG. Anos máis tarde decidiría retirarse da vida política para centrarse na literaria. En 1998, trasládase á Coruña, onde morre no ano 2004 tras levar un ano como académico na mesma institución que onte o obsequiaba.

05/07/2015

0 comentários :

Danos a túa opinión