Exposición Manuel Rodríguez López en Guitiriz

Redacción.-

O próximo mércores, día 29, ás oito do serán, na Casa das Palabras de Guitiriz, vaise abrir ao público a exposición MANUEL RODRÍGUEZ LÓPEZ, sobre a vida e obra do escritor de Paradela, fillo predilecto dese concello, e que da nome á Casa municipal de Cultura e a un Certame Literario do que se está a celebrar a vixésima edición. A mostra forma parte do PROXECTO MANUEL RODRÍGUEZ LÓPEZ emprendido por Galicia Digital e a familia do escritor, co apoio do Concello de Paradela, a Xunta de Galicia (Secretarías Xerais de Política Lingüística e de Cultura), a Deputación Provincial de Lugo e a Real Academia Galega. Esta mostra itinerante comezou o seu percorrido en Paradela para logo expoñerse en Lugo – Museo Provincial- no San Froilán de 2013, e posteriormente en Begonte, Paradela, Portomarín, Sarria, Vilalba, Santiago, A Coruña, Barcelona, Madrid, na Fundación Eduardo Pondal de Ponteceso e na Biblioteca Anxo Casal de Compostela. Na Casa das Palabras, con motivo do festival de Pardiñas, coa colaboración de Xermolos e a Irmandade Manuel María, vai permanecer aberta durante todo o mes de agosto. Está composta por oito paneis dobles, nos que se reflicte de xeito moi gráfico a vida e obra do escritor paradelense, considerado o mellor poeta obreiro galego do século XX, que escribiu en Catalunya a maior parte da súa obra, e foi, ademais dun grande animador das actividades galegas en Catalunya, o vínculo perfecto entre Galicia e os galegos emigrantes no País catalán.

27/07/2015

0 comentários :

Danos a túa opinión