A parcelaria de Fanoi

Redacción.-

O Concello de Abadín segue teimando en facer da ordenanza municipal reguladora dos aproveitamentos agrícolas e forestais da concentración parcelaria de Fanoi un proceso escuro e pechado á opinión da veciñanza afectada. É a conclusión que saca o Sindicato Labrego Galego despois da xuntanza que mantivo na tarde do 21 de xullo, cos veciños e veciñas; coa empresa redactora, representada polo técnico Víctor Cruz; co alcalde, Xosé María López Rancaño; e con Ramón Losada, responsábel provincial de Medio Rural, que estivo acompañado por unha avogada da Consellaría.

Para o SLG, a xuntanza de onte foi un simple lavado de cara da Consellaría de Medio Rural e só serviu para que as cousas sigan como estaban. De feito, o Concello non ampliará o período de alegacións, tal e como pediu o SLG, a pesares de que o meirande da veciñanza afectada non soubo do novo regulamento até que expirou o prazo para reclamar. Desta maneira, se o plan de cultivos para a parcelaria de Fanoi prospera, poderían legalizarse moitas plantacións forestais irregulares realizadas nos terreos concentrados e quedaría comprometida a base territorial da trintena de explotacións de vacún de carne e leite que hai en Fanoi, e doutras moitas de parroquias veciñas que teñen terras arrendadas na zona.

Respecto do devandito, cómpre lembrar que a ordenanza municipal pretende destinar a usos agrarios o 46'93% da superficie, a forestais o 23'79% e cualifica como terreos de transición o 27'93%. Estes últimos predios son de uso agrario pero susceptibles de mudar a forestal, de maneira que máis da metade dos terreos da parcelaria de Fanoi se poderían destinar a plantíos forestais con este regulamento, o cal sería ilegal e poría en serio perigo o destino agrario destas terras. Desta maneira, quebrantaríase o espírito da Lei de Concentración Parcelaria, que no seu artigo primeiro di que “É obxecto desta lei dispoñer a concentración e ordenación dos predios rústicos, co fin de promover a constitución e o mantemento das explotacións cunhas dimensións suficientes e características axeitadas, tentando ampliar a súa superficie territorial, manter e incrementar a capacidade produtiva do campo, ordenando axeitadamente as explotacións agrarias, respectando o medio ambiente, tentando reordenar racionalmente os cultivos baixo a perspectiva da utilidade económica e social, e tendo en conta o obxectivo de fixar a poboación no medio rural, con base en facer rendible a actividade produtiva”.

Cómpre lembrar, a maiores, que a concentración parcelaria de Fanoi aínda non é firme, polo que é responsabilidade da Consellaría de Medio Rural redactar calquera regulamento sobre ela, e non do Concello de Abadín, que estaría invadindo competencias coa súa ordenanza. Tamén é responsabilidade da Consellaría resolver os expedientes sancionadores abertos polas forestacións ilegais, que non deixan de ser actos delituosos que poderían ficar impunes se a ordenanza municipal vai ara adiante.

En definitiva, a ordenanza municipal reguladora dos aproveitamentos agrícolas e forestais da concentración parcelaria de Fanoi imponse sen ter en conta a opinión da veciñanza afectada, invade competencias propias da Consellaría de Medio Rural, ampara a aquelas persoas que infrinxiron a lei realizando plantíos forestais en solo de uso agrario, e compromete o futuro da actividade gandeira na parroquia. Por estas razóns, o Sindicato Labrego Galego da Terra Chá xa puxo este problema en mans da súa equipa xurídica e non descarta resolver nos tribunais o que o Concello de Abadín e a Consellaría de Medio Rural se negan a solucionar a través do diálogo e do respecto á legalidade vixente e aos intereses do medio cento de granxas que aínda traballan na parroquia.

23 de xul. de 2015

0 comentários :

Danos a túa opinión