II Certame Mª José Vázquez Verdes

Redacción.- As Xuventudes Socialistas de Vilalba veñen de facer público o fallo do xurado do II Certame Mª José Vázquez Verdes, proclamando a Vanesa Otero Orosa como gañadora na categoría xeral co seu relato “Vida por vida”. Pola súa banda, Inés Poupariña Naseiro faise co premio na categoría infantil polo relato “Tempo de desconto”.

Nesta segunda edición do certame publicaranse nun libro un total de seis traballos finalistas xunto cos dous relatos gañadores de ámbalas dúas categorías: “É igual” de David Sobral; “About the motel, dear” de Manu Gil; “Os ollos dos espírito”, “A encrucillada do tempo” e “Feireante de palabras de fume” de Isabel Blanco; e “A casa encantada” de Zaida Currás. A data da entrega de premios e da publicación do libro están aínda por confirmar.


Os rapaces e rapazas da agrupación vilalbesa agradecen a todos os participantes a súa contribución a este certame e á cultura galega, xa que en palabras do secretario xeral Rodrigo Pavón “todas as obras presentadas fan que a nosa cultura medre e certifican que nunha vila como a nosa a creación literaria precisa ter o protagonismo que merece”. Ademais, agradecen a colaboración dos membros do xurado: o xornalista Moncho Paz; a profesora no IES Basanta Silva, Carmen Cabaneiro; e o membro da directiva do Instituto de Estudos Chairegos, Chema Felpeto.

08/08/2015

0 comentários :

Danos a túa opinión