Presentación de 'Vilalba e a Terra Chá'

Redacción.-

O venres, día 28 de agosto de 2015, ás 20:00 horas, no Salón de Actos da CASA DA CULTURA de VILALBA, levarase a cabo a presentación do libro “VILALBA E A TERRA CHÁ – Acuarelas”, editado polo Instituto de Estudos Chairegos e do que é autor o pintor vilalbés EDUARDO BAAMONDE. O libro está incluído no convenio que o Iescha asinou no seu momento coa Área de Cultura e Turismo-Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo para desenrolar no presente ano 2015.

No acto intervirá o propio autor da obra, EDUARDO BAAMONDE, que será presentado pola vicepresidenta do Instituto de Estudos Chairegos, MARISA BARREIRO.

Esta publicación enmárcase dentro dun proxecto editorial de carácter promocional e divulgativo do xénero coñecido como “Cadernos de viaxe”, nos que o contido é fundamentalmente visual e froito da observación directa a pé de rúa.Trátase de trasladar ao soporte de libro un percorrido artístico pola Terrachá e, especialmente, por Vilalba. A intención é trazar unha guía de localizacións de interese patrimonial, paisaxístico, arquitectónico e, en definitiva, cultural desta comarca a través de bosquexos feitos en acuarela. Paralelamente aos fitos de maior interese turístico –sobradamente reproducidos en fotos, vídeos, etc.- engádense outros recantos menos coñecidos que, sen dúbida, axudan a retratar unha terra, os seus traballos, os seus productos e a as súas xentes.

Tanto os debuxos como as acuarelas deben mostrar un aire de espontaneidade propio dos apuntes sacados do natural. Pequenas improntas realizadas in situ e escenas sinxelas froito dunha rápida
observación que nutren un caderno que o artista vai configurando a medida que percorre a súa viaxe.

23/08/2015

0 comentários :

Danos a túa opinión