Homenaxe a Ramón Piñeiro en Lugo

Redacción.- 


A cidade na que descubriu a literatura galega e medrou o seu sentimento galeguista, sendo aínda un adolescente, acollerá o vindeiro martes, 29 de setembro, a homenaxe da Real Academia Galega a Ramón Piñeiro no centenario do seu nacemento. A figura e as achegas de quen foi un dos principais artífices da reconstrución cultural galega da posguerra serán analizada nunha mesa redonda co profesor da Universidade de Vigo Xosé Manuel Dasilva e os académicos Andrés Torres Queiruga e Henrique Monteagudo.

O presidente da RAG e autor da biografía Ramón Piñeiro ou a reinvención da cultura galega,Xesús Alonso Montero, actuará como moderador do acto dedicado ao intelectual, que se converteu en membro de número da RAG en 1967 nunha cerimonia de ingreso na que leu o discurso A lingoaxe i as língoas. Organizada coa colaboración do Concello de Lugo, a mesa redonda desenvolverase a partir das 19.30 horas no salón de plenos municipal.

O profesor Dasilva, que publicou, entre outros traballos sobre o homenaxeado, Ramón Piñeiro e a prohibición de traducir ao galego e Proceso e encarceramento de Ramón Piñeiro1946-1949, participará cunha intervención titulada Achegas documentais para a biografía de Ramón Piñeiro.Torres Queiruga abordará o "compromiso integral e integrador" do intelectual eMonteagudo, as súas contribucións no campo da lingua, unha preocupación constante de Piñeiro, que tivo un papel protagonista na Lei de Normalización Lingüística de 1983.

A mesa redonda forma parte das Xornadas na honra de Xosé Mª Álvarez Blázquez, Xaime Isla Couto e o propio Ramón Piñeiro que a RAG celebra este mes no centenario do nacemento destas tres importantes figuras da cultura galega do século XX.

27/09/2015

Actuación pouco afortunada da TVG

Redacción.- Alfonso Sánchez Izquierdo, director xeral da CRTVG recoñeceu o pasado xoves en comisión parlamentaria que a cobertura da manifestación do pasado día 3 en contra da privatización do hospital de Vigo "non foi unha actuación afortunada" dos servizos informativos da televisión pública. 

A pregunta da deputada do BNG Montse Prado, o máximo responsable dos medios públicos galegos dixo que a manifestación de Vigo "non foi unha actuación afortunada dos servizos informativos", aínda que rexeitou interferencia algunha e achacou o problema á coincidencia co informativo da tarde e a un "erro" na estimación da envergadura, como apostilou que, na súa opinión, lle pasou ao conxunto dos medios.

En canto ás dificultades técnicas da coincidencia co informativo, recordou que durante a súa emisión, había que gravar, editar, introducir texto en off e os "insertos" e enviar a peza, polo que insistiu en que "a hora non era o ideal" para esa cobertura. O director xeral admitiu que a deputada podíalle responder que ese traballo debía estar planificado, o que considerou "de caixón", pero tamén admitiu que "non houbo de entrada unha estimación" da envergadura da manifestación, o que non dubidou en cualificar de "erro por culpa nosa", porque os informadores teñen a obriga de anticiparse.

Explicou que a percepción da magnitude da marcha "percibiuse" minutos antes do informativo, cando xa era tarde "para endereitar o déficit", pero posteriormente a TVG tratou de "enriquecer" a información, como xa se fixo esa noite na páxina web e, a partir de aí, nos seguintes informativos, con análises, debates e a continuidade noutros programas. 

Para argumentar que non houbo interferencias na elaboración da información, Sánchez Izquierdo referiuse ás "servidumes" da TV e resaltou que a Radio Galega si manexara ben o traballo, o que exclúe que a mala cobertura da primeira fose debida a intereses alleos á información porque, nese caso, ocorrería tamén coa radio. No mesmo sentido apuntou a cobertura das tractoradas, con 247 informacións en agosto, en 200 das cales interviñan os propios produtores, e 25 conexións en directo.

O director da CRTVG lamentou que o debate sobre os medios públicos se limite a se hai manipulación ou non, porque, se é "agradecido desde o punto de vista político, compadécese mal coa realidade", sinalou. Así, manifestouse máis preocupado polas carencias en formación técnica especializada, o coñecemento das fontes, a adaptación ás novas esixencias dos mercados, aos novos soportes ou aos conflitos de intereses. Sánchez Izquierdo considerou que "é aseado o respecto aos criterios de imparcialidade" na TVG, da que dixo que, "de todos os públicos do Estado é, con moito, a que dá as mellores prestacións nese terreo". 

Montse Prado, na súa segunda intervención, acusou o director xeral de ser "unha vez máis decepcionante" e apuntou que podía aceptar o dos problemas técnicos para a cobertura do día 3, como aceptar -chanceou- polbo como animal de compañía, perorexeitou que a cobertura fora a adecuada nos días seguintes e citou que os días 4, 5, 19, 21, 22, 23 e este xoves mesmo só apareceran sobre este asunto o Goberno e o PP.

Tras referirse a outros asuntos de falta de imparcialidade, como a frecuente presenza do candidato do PP en Cataluña, onde é a cuarta forza política, a deputada preguntoulle ao director xeral se é este partido quen paga os medios públicos ou son os cidadáns.


Iso deulle pé ao director xeral a afirmar que ten claro a quen se debe, "aos cidadáns", e a subliñar o seu empeño en non deixarse influír por grupos políticos, sindicatos, grupos profesionais, provedores "e a infinidade de axentes que se moven ao redor (da CRTVG)", o que concluíu que "non é tarefa fácil". 

26/09/2015

O TC rexeita o recurso da RAG

Redacción.-
A Xunta de Galicia considera que o Tribunal Constitucional lle outorga a razón ao non admitir a trámite o recurso que a Real Academia Galega presentou ante esta sala contra do Decreto para Plurilingüísmo no Ensino. Nunha nota publicada no Portal da Lingua Galega, sinala que esta decisión "reforza e ratifica a legalidade do devandito texto normativo". No entanto a Academia emitiu un comunicado no que asegura que "respecta e acata a dita sentenza" pero puntualiza que "o decreto en causa atópase en flagrante contradición" co establecido pola Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias que asinou España. Ademais, insta a Xunta a traballar para recuperar o consenso político encol da lingua e sinala que "estudará as posibilidades de recorrer perante instancias xudiciais europeas" o texto do decreto.

25/09/2015