Actuación pouco afortunada da TVG

Redacción.- Alfonso Sánchez Izquierdo, director xeral da CRTVG recoñeceu o pasado xoves en comisión parlamentaria que a cobertura da manifestación do pasado día 3 en contra da privatización do hospital de Vigo "non foi unha actuación afortunada" dos servizos informativos da televisión pública. 

A pregunta da deputada do BNG Montse Prado, o máximo responsable dos medios públicos galegos dixo que a manifestación de Vigo "non foi unha actuación afortunada dos servizos informativos", aínda que rexeitou interferencia algunha e achacou o problema á coincidencia co informativo da tarde e a un "erro" na estimación da envergadura, como apostilou que, na súa opinión, lle pasou ao conxunto dos medios.

En canto ás dificultades técnicas da coincidencia co informativo, recordou que durante a súa emisión, había que gravar, editar, introducir texto en off e os "insertos" e enviar a peza, polo que insistiu en que "a hora non era o ideal" para esa cobertura. O director xeral admitiu que a deputada podíalle responder que ese traballo debía estar planificado, o que considerou "de caixón", pero tamén admitiu que "non houbo de entrada unha estimación" da envergadura da manifestación, o que non dubidou en cualificar de "erro por culpa nosa", porque os informadores teñen a obriga de anticiparse.

Explicou que a percepción da magnitude da marcha "percibiuse" minutos antes do informativo, cando xa era tarde "para endereitar o déficit", pero posteriormente a TVG tratou de "enriquecer" a información, como xa se fixo esa noite na páxina web e, a partir de aí, nos seguintes informativos, con análises, debates e a continuidade noutros programas. 

Para argumentar que non houbo interferencias na elaboración da información, Sánchez Izquierdo referiuse ás "servidumes" da TV e resaltou que a Radio Galega si manexara ben o traballo, o que exclúe que a mala cobertura da primeira fose debida a intereses alleos á información porque, nese caso, ocorrería tamén coa radio. No mesmo sentido apuntou a cobertura das tractoradas, con 247 informacións en agosto, en 200 das cales interviñan os propios produtores, e 25 conexións en directo.

O director da CRTVG lamentou que o debate sobre os medios públicos se limite a se hai manipulación ou non, porque, se é "agradecido desde o punto de vista político, compadécese mal coa realidade", sinalou. Así, manifestouse máis preocupado polas carencias en formación técnica especializada, o coñecemento das fontes, a adaptación ás novas esixencias dos mercados, aos novos soportes ou aos conflitos de intereses. Sánchez Izquierdo considerou que "é aseado o respecto aos criterios de imparcialidade" na TVG, da que dixo que, "de todos os públicos do Estado é, con moito, a que dá as mellores prestacións nese terreo". 

Montse Prado, na súa segunda intervención, acusou o director xeral de ser "unha vez máis decepcionante" e apuntou que podía aceptar o dos problemas técnicos para a cobertura do día 3, como aceptar -chanceou- polbo como animal de compañía, perorexeitou que a cobertura fora a adecuada nos días seguintes e citou que os días 4, 5, 19, 21, 22, 23 e este xoves mesmo só apareceran sobre este asunto o Goberno e o PP.

Tras referirse a outros asuntos de falta de imparcialidade, como a frecuente presenza do candidato do PP en Cataluña, onde é a cuarta forza política, a deputada preguntoulle ao director xeral se é este partido quen paga os medios públicos ou son os cidadáns.


Iso deulle pé ao director xeral a afirmar que ten claro a quen se debe, "aos cidadáns", e a subliñar o seu empeño en non deixarse influír por grupos políticos, sindicatos, grupos profesionais, provedores "e a infinidade de axentes que se moven ao redor (da CRTVG)", o que concluíu que "non é tarefa fácil". 

26 de set. de 2015

0 comentários :

Danos a túa opinión